A formación en materia de Ciberseguridade centra as actividades da próxima quincena en seis aulas da rede CeMIT, que xestiona a Amtega. Estas actividades formativas, de balde e abertas a toda a cidadanía, desenvolveranse en xornadas de 3 horas desde as 11 da mañá ata as 2 da tarde, de luns a xoves, desde o 16 ata o 26 de outubro.
A actividade está liderada desde a aula CeMIT de Cuntis, que se conectará a través de videoconferencia coas aulas de Bande, Boiro, Celanova, Oroso e Ortigueira, seguindo uns contidos formativos facilitados polo Instituto Nacional de Ciberseguridade-INCIBE.
Este tipo de actividades enmárcanse no proxecto do Banco de Tempo da rede CeMIT, que facilita que unha das aulas guíe e comparta as súas iniciativas de formación coas restantes aulas participantes.
O único requisito para poder asistir a estas actividades gratuítas é solicitar praza na localidade de interese, ben directamente na aula CeMIT de cada concello - Bande, Boiro, Celanova, Cuntis, Oroso e Ortigueira-, ou a través da web http://cemit.xunta.gal .
Módulos formativos
Entre o 16 e o 26 de outubro desenvolveranse un conxunto de 8 módulos formativos de 3 horas cada un, co seguinte contido:
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
O Banco de Tempo da Rede CeMIT é unha iniciativa que xurde nas aulas da rede coa finalidade de compartir actividades e optimizar os medios dispoñibles, intercambiando actividades entre aulas a través de recursos como a videoconferencia de alta calidade.