A Asociación para el Empleo y la Formación de Personas con Discapacidad, FSC Inserta, entidade de formación e emprego da Fundación ONCE, xunto coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) veñen colaborando desde o ano 2016 na formación para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX) a persoas en situación de desemprego con discapacidade igual ou superior ao 33%, para facilitar o seu acceso ao mercado laboral .
Froito desta colaboración, durante a xornada de hoxe realizaranse nas aulas CeMIT de A Coruña, Vigo e Santiago de Compostela unhas probas presenciais nas que participarán o alumnado formado previamente pola asociación FSC Inserta a través de diversos cursos en Ofimática de 190 horas formativas.
Dentro das liñas de colaboración de FSC Inserta co Plan de Inclusión Dixital, ademais da organización e desenvolvemento de actividades formativas, participan en eventos ou iniciativas de divulgación e dinamización das TIC para proporcionar ás persoas con discapacidade as aptitudes dixitais para aumentar a súa empregabilidade e favorecer a súa inserción social.
CODIX
A certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX) é o documento que acredita posuír a combinación de coñecementos, capacidades e aptitudes no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións que as persoas precisan para desenvolverse con eficacia e eficiencia no manexo de aplicacións ofimáticas na xestión da información e a documentación.
Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos que integran o CODIX en maio de 2014, foron máis de 4.500 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades para a cidadanía en xeral (1.570 en cursos de teleformación titorizada e 3.104 en probas presenciais de acceso libre) e máis de 2.100 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte da Amtega despois de superar as probas presenciais realizadas nas aulas da rede CeMIT.
Nos próximos días publicarase no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria de probas presenciais libres dentro do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2017, probas que se celebrarán en máis de 40 localidades cunha oferta de máis de 600 prazas para acreditarse nesta competencia dixital.
FSC Inserta
A Asociación para el Empleo y la Formación de Personas con Discapacidad, (coa identificación FSC Inserta) é a entidade da Fundación ONCE para a formación e emprego de persoas con discapacidade, e busca posibilitar a súa integración plena na sociedade y promover o emprego e contribuír á mellora das súas condicións de empregabilidade.