Os impulsores de Connecting for Good Galicia, a iniciativa da Fundación Vodafone España (en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a operadora Vodafone, a Axencia Galega de Innovación -GAIN- e o Instituto Galego de Promoción Económica -o IGAPE) para converter a Cidade da Cultura nun polo de iniciativas emprendedoras de innovación social dixital (facendo fincapé en proxectos cuxo foco estea na inclusión e nos colectivos de persoas con diversidades funcionais e motrices, amais de persoas maiores), están a pór en marcha esta semana a segunda edición do programa.
Como lembraremos, as devanditas entidades seleccionaron os días pasados os seis proxectos que formarán parte desta nova convocatoria de Connecting for Good Galicia.
Nesta segunda edición, o xurado (formado por membros de AMTEGA, GAIN, XesGalicia, Vodafone España e a Fundación Vodafone España) fallou por unanimidade a selección dos seis mellores proxectos de emprendemento de entre as candidaturas recibidas:
Beneficios de formar parte do programa
Estes seis proxectos seleccionados poderán beneficiarse dun plan de formación de polo menos seis meses, durante os cales se impartirán sesións sobre modelo e plan de negocio e contarán con asesoría experta en temas de comunicación, vendas, negocio, e accesibilidade para o desenvolvemento dun plan personalizado para cada proxecto. Os seleccionados poderán tamén dispoñer dun lugar de traballo no espazo Vodafone Connecting for Good, emprazado na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela. Cada un dos proxectos seleccionados conta cun patrocinio de 2.000 euros, outorgado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), para a posta en marcha dos seus proxectos de emprendemento e poderán acceder a unha axuda para a formación e contratación dunha persoa con discapacidade que se incorpore ao equipo de traballo dos proxectos seleccionados outorgada por Fundación Vodafone. Ademais, as iniciativas poderán optar á concesión dunha axuda de 25.000 euros da Xunta de Galicia ao mellor proxecto para a súa execución e posta en marcha, e Fundación Vodafone outorgará o Premio Conectados pola Accesibilidade de 10.000 euros, ao proxecto que destaque en maior medida pola incorporación dos principios de accesibilidade universal.
Primeira Edición
O pasado 30 de maio celebrouse en Santiago o acto de clausura da primeira edición do programa, no que participaron os proxectos Insulclock (dispositivo electrónico que se axusta á pluma de insulina e almacena de maneira automática toda a información relativa á súa administración: hora e día, dose e tipo de insulina), Robobo (ferramenta educativa que facilita a utilización de robots na aula, promovendo a adquisición de competencias básicas por parte do alumnado), KeeperTech, (dispositivos pensados para facilitar a tarefa do coidador de enfermo de alzhéimer ou outra demencia, incluíndo un sistema de localización integrado nun reloxo ou unha pulseira e un sistema que detecta cando o paciente pretende levantarse da cama, xerando unha alerta ao familiar ou coidador) Phottic (iniciativa para a alfabetización dixital de maiores que recupera as historias do mundo a través da fotografía), PsicoVR (software desenvolvido para lentes de realidade virtual, destinado ao tratamento psicolóxico de fobias, tensións ou pánico) e Xesmar (aplicación web que permite mellorar a xestión, a organización do traballo e o acceso á información no colectivo de mariscadores das confrarías de Galicia).
Destes seis proxectos, a axuda de 25.000 euros concedida por Xunta de Galicia a través de GAIN, recaeu no proxecto Robobo, robot educativo que combina unha plataforma robótica móbil cun teléfono intelixente (smartphone) para fomentar a dixitalización nas aulas.
Ademais, Fundación Vodafone España outorgou o Premio Conectados pola Accesibilidade, valorado en 10.000 euros, ao proxecto Insulclock, por ser o que mellor incorporou o que se coñece como Principios de Accesibilidade Universal.
Obxectivos
O programa ten como finalidade “apoiar a aqueles emprendedores que contribúan á innovación social a través do impulso e uso das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) en Galicia”. Desta forma, informan a Fundación Vodafone e máis a AMTEGA, os proxectos que acceden ao programa poden converterse en negocios reais “con maiores garantías de éxito e de poder contribuír a resolver os retos recolleitos na Axenda Dixital de Galicia 2020”.