A Consellería de Economía, Emprego e Industria entregou hoxe a 84 alumnos e alumnas os diplomas correspondentes a cinco cursos que veñen de rematar no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), emprazado en Santiago. O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, e a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, asistiron ao acto no que destacaron a aposta da Administración autonómica pola formación no sector TIC para dar resposta ás novas demandas da industria e o comercio galego.
A capacitación dos traballadores e traballadoras galegos nas novas tecnoloxías está integrada nas principais estratexias económicas e de innovación de Galicia como son a Axenda 20 para o Emprego, a Estratexia de especialización intelixente de Galicia RIS3 e a Axenda Galicia-Industria 4.0. No CNTG, formáronse ao longo do curso 2016/2017 máis de 2.100 alumnos e alumnas nesta materia a través de 52 cursos e 26 seminarios dirixidos principalmente a persoas ocupadas en empresas TIC.
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral lembrou que a oferta formativa do CNTG, que conta cunha inserción laboral media do 60% nas accións dirixidas a desempregados, permite aos alumnos acceder aos exames de certificación oficial con recoñecemento a nivel mundial para acreditar o seu dominio nun determinado produto ou ferramenta tecnolóxica. Actualmente, o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia é un referente na formación pública de profesionais TIC a nivel galego e estatal.
Os diplomas que se entregaron hoxe corresponden a cinco accións: virtualización e alta dispoñibilidade con Linux LPI3; business analysis; automatización de infraestruturas; desenvolvemento de aplicacións móbiles híbridas; e márketing online-community manager dirixido ao sector comercial. Sobre este último curso, a directora xeral de Comercio destacou que, ademais de incrementar as oportunidades laborais dos participantes, contribúe a mellorar o posicionamento do sector comercial, indicando a importancia de este tipo de cursos nun momento no que neste ámbito demándanse máis capacidades dixitais para ser competitivos.
Marnotes tamén sinalou a importancia de ofrecer unha formación de calidade para incrementar as oportunidades laborais das persoas que buscan un emprego e para actualizar a cualificación das que xa están traballando. Ao respecto, apuntou que a formación é clave para xerar emprego estable e de calidade, o obxectivo principal da Axenda 20, a planificación do Goberno galego en materia laboral.
Afirmou, así mesmo, a necesidade de adecuar os perfís profesionais ás demandas reais do tecido empresarial a través de cursos como os que se imparten no CNTG en consonancia co novo modelo da Industria 4.0.
En materia de formación para o emprego, Marnotes lembrou algunhas das iniciativas que está poñendo en marcha a Xunta como o programa que se activará nos próximos días para fomentar, a través da formación, a contratación de 10.000 menores de 30 anos ata 2020. A iniciativa, dotada con 90 millóns de euros, posibilitará a creación de perfís profesionais adaptados ás novas demandas do mercado en áreas estratéxicas como a Industria 4.0 ou o sector agroalimentario.
Puxo en valor tamén a iniciativa de formación no naval que, cun orzamento de 12 millóns de euros entre 2017 e 2018, contempla a realización de 170 cursos, impartidos en centros públicos, para 3.000 profesionais deste sector, tanto persoas desempregadas como ocupadas.
Por último, recordou a formación á porta coa que se achegan os cursos para desempregados aos concellos menos poboados de Galicia que non contan con centros homologados para impartilos. Esta actuación forma parte do Plan de formación e emprendemento no rural co que a Xunta busca fixar poboación e mellorar a empregabilidade das zonas rurais de Galicia. O programa tamén inclúe formación específica en industrias forestais, en innovación, novas tecnoloxías e Industria 4.0.