A Consellería de Sanidade presentou, recentemente, as 14 propostas tecnolóxicas innovadoras polas que aposta para desenvolver, no marco do programa Código 100 que conta cun orzamento de 13 millóns -e con fondos europeos- e que está dirixida a optimizar a resposta do sistema sanitario público ante o reto do envellecemento poboacional.
Código 100 está orientado a captar ideas de cidadáns, profesionais e empresas do sector agrupadas ao redor de tres liñas principais: o empoderamento dos pacientes, as terapias avanzadas e a xestión do coñecemento. Comezou cunha primeira etapa de consultas ao mercado, na que se recolleu información coa que lanzar proxectos dirixidos a retos sanitarios, e posteriormente realizáronse reunións con clínicos, profesionais e asociacións de pacientes para a detección de necesidades asistenciais concretas.
Tras estas primeiras fases a Xunta recibiu 210 propostas de solucións innovadoras, que se concretaron en 14 iniciativas, que se expuxeron hoxe na xornada de presentación do mapa de demanda temperá do plan. Nela, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, explicou que o obxectivo da Administración con iniciativas como esta é buscar un medicamento cada vez máis personalizado e de maior precisión, á vez que se dá continuidade aos avances nas tecnoloxías que facilitan o autocoidado do paciente.
O plan promove solucións que acheguen un beneficio asistencial e, ao mesmo tempo, actúa como catalizador da innovación no sector da saúde. Os seus proxectos desenvólvense a través da compra pública innovadora, modalidade que mobilizará o 70% do orzamento do programa. Isto, segundo Almuiña, achegará beneficios tanto ao sector público como ao privado, polo que é unha ferramenta que beneficia a todos, principalmente aos pacientes e ás súas familias.
Obxectivos dos proxectos
Das 14 iniciativas, sete encádranse no campo das terapias avanzadas, e están orientadas a sistemas de detección baseados en biomarcadores para o diagnóstico temperán de pacientes con enfermidades reumatolóxicas, con doenzas neurolóxicas e con cancro de páncreas; estudo de alteracións xenéticas en pacientes con cancro de pulmón; diagnóstico precoz do cancro de mama; e dispositivos multicanle para a realización de endoscopias.
Cinco iniciativas enmárcanse na liña estratéxica do empoderamento dos pacientes, e céntranse na implantación de dispositivos para o control da diabetes e para a xestión de alertas; na creación dunha app de recoñecemento de patróns faciais para persoas con trastornos do espectro autista ou enfermidades neurodexenerativas; e no desenvolvemento dunha plataforma de Big Data para xestionar a interacción dos usuarios co sistema de saúde e doutra para a homologación e integración dos dispositivos e as aplicacións xa existentes.
As últimas dúas iniciativas seleccionadas céntranse nun sistema de xestión de profesionais baseado en competencias e nun sistema de recomendación do coñecemento sanitario e de xeración de contidos.
47% das propostas, de Galicia
Das 210 propostas recibidas o 47% procederon de Galicia. As iniciativas chegaron desde 10 comunidades autónomas. O 53,3% do total de candidaturas enmarcábanse na liña de acción de empoderamento dos pacientes, o 24,3% na de terapias avanzadas e o 22,4% na de xestión do coñecemento.
Máis da metade das solucións procederon de empresas do sector das TIC, mentres que outras chegaron de campos como a biotecnoloxía, o ámbito sociosanitario, o audiovisual e a consultoría, entre outros. Da totalidade das propostas o 73% foi clasificada como de interese para o programa Código 100 e un 19% adicional clasificouse como de interese para outras iniciativas promovidas polo Sergas.
O Sergas conta para esta iniciativa co financiamento do Ministerio de Economía e Competitividade, que achegará 10,4 millóns de euros dentro do Programa Operativo Plurirrexional Feder de Crecemento Intelixente 2014-2020 (POCint). Os 2,6 millóns restantes asúmense ao 50% entre o Sergas e a Axencia Galega de Innovación (GAIN).