- O vindeiro 27 de abril entidades de todo o mundo actuarán co obxectivo de motivar as rapazas no eido das tecnoloxías
O vindeiro xoves, día 27 de abril, conmemórase o “Día Internacional das Rapazas nas TIC” (Girls in ICT Day), unha celebración promovida pola entidade International Telecommunications Union(ITU) co obxectivo de motivar as novas xeracións de rapazas para que consideren o eido das TIC para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional. Multitude de organismos e entidades en todo o mundo sumarán iniciativas con esa intención.
En Galicia, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), lidera a conmemoración co apoio do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e organiza un completo programa de actividades que se desenvolverá na súa sede en Santiago de Compostela co seguinte contido:
Coloquio virtual
Ás 11.00 horas, terá lugar un coloquio virtual por multiconferencia desde centros educativos con catrodestacadas galegas emprendedoras, investigadoras e tecnólogas no eido das TIC, ás que o alumnado participante dos centros galegos de secundaria poderá coñecer no seu día a día, preguntarlles calquera dúbida sobre este eido profesional ou sobre as motivacións persoais que as levaron a traballar neste ámbito. A duración da actividade será ata as 12:30H. e nela participarán:
- Carmen Cotelo Queijo. Licenciada en Física pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballa dende 1999 no CESGA, onde é analista informática sénior e coordina a participación do CESGA no proxecto europeo Fortissimo 2. Ten unha longa experiencia en proxectos de I+D en diferentes ámbitos como son: comercio electrónico, computación de altas prestacións e grid, aplicacións científicas e soporte a empresas para a incorporación de HPC aos seus procesos.
- Nieves R. Brisaboa. Doutora en Computación e Psicoloxía. Catedrática da área de Linguaxes e Sistemas Informáticos, creou en 1996 o Laboratorio de Bases de Datos (LBD,) declarado grupo de investigación de excelencia pola Xunta de Galicia. Foi xestora do Plan Nacional de Investigación en Informática entre 2010 e 2014. Recibiu no ano 2016 o premio Ada Byron do CPEIG, pola promoción da Informática entre as mulleres. Impulsa tanto a investigación de excelencia como a transferencia de tecnoloxía.
- Alba Alonso, doutora en Filoloxía Inglesa e mestra, emprendedora e fundadora da empresa RealKiddys.com, unha plataforma que promove un proxecto educativo de igualdade de xénero e coeducación sen estereotipos, elaborando material e actividades para traballar neste eido. Entre outras iniciativas, é relatora no TEDxGalicia 2015.
- María Jesús Taboada, doutora en Ciencias Físicas pola USC. Investigadora en Intelixencia Artificial e as súas aplicacións na medicina dende o departamento de Electrónica e Computación da USC. Dirixe o grupo de investigación KEAM (Knowledge Engineering Applied to Medicine), referente a nivel internacional no seu eido.
Para participaren no evento da mañá, os centros educativos deben poñerse en contacto coa organización neste formulario e recibir así as instrucións para conectar co CESGA ese día. O evento terá unha duración aproximada de hora e media.
Pola tarde (de 17:00 a 19:00H.), celebrarase unha xornada de portas abertas con actividades para rapazas (e rapaces) de entre 10 a 14 anos de idade. Ao comezo da mesma, presentarase o Movemento Code Girls Galicia, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia e a Tech Academy.
Relacións de obradoiros prácticos:
- Programación básica con Scratch, LEGO, Minecraft…
- Creación de booktrailers (trailers en vídeo sobre libros, no marco do concurso educativo de creación de Booktrailers organizado polo CPI O Cruce)
- Creación de arte píxel-dixital
- Demostracións prácticas de impresión 3D, robótica, realidade aumentada, Makey-makey, etc…
- Visitas guiadas ao corazón do Superordenador Finis Terrae 2
As prazas son limitadas. Para inscribirse hay que cubrir este formulario para que o CESGA teña o nome do asistente e confirme a praza antes do día 25 de abril. Podedes seguir toda a información do evento e das actividades en www.cesga.gal ou en: