A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Fundación Vodafone España poñen en marcha a terceira edición do proxecto “Aprende a usar o smartphone e a tablet” para introducir ás persoas maiores no uso dos teléfonos móbiles “intelixentes” e as “tablets”.
Esta terceira edición, que arrincou a mediados do pasado mes de marzo, chegará a un total de 23 aulas da Rede CeMIT, ofertando 500 novas prazas, é continuación doutras dúas edicións nas que se formaron xa 675 persoas. Cada unha das Aulas CeMIT que participan nesta iniciativa dispoñerá de dispositivos móbiles para facilitar a aprendizaxe ás persoas que aínda carecen deles.
As localidades que ofertan estes talleres son: Abegondo, Barreiros, Boiro, Brión, Carballedo, Celanova, Cerceda, A Coruña, Cuntis, Fisterra, Foz, Marín, Oroso, Ortigueira, As Pontes, Pontevedra, San Sadurniño, Santa Comba, Sarreaus, Sarria, Valga, Verín e Xunqueira de Ambía.
As persoas interesadas en asistir a estas iniciativas formativas poderán consultar as súas datas de realización e formalizar a súa inscrición na páxina web da rede CeMIT (http://cemit.xunta.gal), onde tamén poderán atopar os datos de contacto de cada unha das aulas para resolver as dúbidas que poidan xurdir.