O conselleiro de Política Social en funcións, José Manuel Rey Varela, subliñou hoxe o importante papel que teñen as novas tecnoloxías na mellora da calidade vida e o benestar das persoas con necesidades específicas de atención. Así o dixo durante a presentación dos resultados dos catro proxectos sociais do programa “Connecting for Good Galicia”, levado a cabo pola Fundación Vodafone España en colaboración con nove asociacións que forman parte do Comité de Entidades de persoas con Discapacidade de Galicia (CERMI).
Na súa intervención, Rey Varela destacou a importancia de que a Fundación Vodafone España, se implique no pleno desenvolvemento e integración das persoas con diversidade, xa que “é unha responsabilidade e un obxectivo que debe ser compartido polo conxunto da sociedade: administracións, organizacións, axentes sociais e iniciativa privada”. Neste sentido, asegurou que a Xunta de Galicia “sempre apoiará todas aquelas accións que aposten pola mellora da calidade de vida das persoas que máis precisan do noso apoio”.
Neste contexto, o titular en funcións de Política Social incidiu en que “as novas tecnoloxías son de vital importancia tanto para conseguir a integración plena como para facilitar a igualdade de oportunidades ás persoas con diversidade; sexa esta física, sensorial, intelectual ou mental”. Así mesmo, apuntou que ao facilitar o acceso ás TIC “evitamos a fenda dixital, favorecemos a participación das persoas máis vulnerables na sociedade da información, apoiamos a autonomía persoal e aportamos solucións innovadoras que melloran a calidade de vida e a integración social”, concluíu.
Pola súa banda, a directora da Amtega sinalou que o seu departamento colabora estreitamente con empresas do sector tecnolóxico de ámbito autonómico, nacional e internacional, tanto para impulsar actividades de difusión e formación en TIC para cidadanía, como para promover proxectos de transformación dixital na Comunidade.
Neste sentido, Mar Pereira destacou a colaboración de Vodafone en ambas liñas. Por unha banda, como aliado dixital do Plan de Inclusión Dixital de Galicia, que ten entre os seus obxectivos incrementar a porcentaxe da poboación galega que accede a Internet habitualmente, especialmente entre as persoas maiores e as persoas con discapacidade, que representan o 30% da poboación galega. Por outra banda, Pereira lembrou que Vodafone abrirá, en novembro no Gaiás, o Centro Conecting for Good Galicia, que impulsará iniciativas emprendedoras de innovación social dixital con selo galego.
Finalmente, Santiago Moreno, Director General da Fundación Vodafone España, explicou que “para a Fundación, Connecting for Good é unha aposta polo desenvolvemento das TIC para o benestar da sociedade, en especial dos colectivos vulnerables. É especialmente importante seguir apoiando a innovación social dixital e a formación en ferramentas TIC dirixidas ás persoas maiores e ás persoas con discapacidade”.
Entre abril de 2015 e marzo de 2016, un total de 3.758 persoas maiores recibiron en Galicia formación no uso dos novos dispositivos móbiles avanzados (smartphones e tablets), a través de cursos organizados pola Fundación Vodafone en colaboración con varias entidades galegas entre as que se inclúen AMTEGA, ATEGAL, FEGAUS, CEOMA, CAUMAS, FASUNEX e a Fundación Esplai.
Para este ano, están programados con AMTEGA diferentes talleres que chegarán a 19 aulas da rede CEMIT, que ofertan preto de 300 prazas en toda Galicia. Pola súa banda, con ATEGAL formarase a outros 900 maiores no uso dos dispositivos móbiles avanzados (uns cursos que se presentaron no evento desta mañá). A estas dúas iniciativas súmanse as continuacións das colaboracións coa Cruz Vermella Española en contornas rurais; Fundación Esplai, con 16 talleres en Vigo; e talleres presenciais e semipresenciais organizados por FEGAUS que se imparten en aulas CeMIT, nas súas propias sedes e en sedes doutras entidades colaboradoras como COGAVE e COGAMA, cos que se ademais coordinarán diferentes accións formativas online.
A Fundación Vodafone España e DOWN España organizan o proxecto “Eu me prep@ro”, que busca proporcionar aos mozos e mozas con discapacidade intelectual as ferramentas e estratexias necesarias para facilitarlles o acceso ao emprego, a través as diferentes tecnoloxías de uso común.
Grazas a este programa, un total de 64 usuarios de Vigo, Santiago de Compostela e Pontevedra recibiron o ano pasado formación prelaboral en novas tecnoloxías, a través destes cursos en Galicia.
Na terceira edición do programa, iniciada en abril deste ano e que se prolongará ata xuño de 2017, outros 40 alumnos de Vigo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Ourense recibirán formación en TIC dirixida a facilitar a súa inserción laboral.
Doutra banda, a Fundación Vodafone España colabora con COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) para potenciar o uso das novas tecnoloxías e o seu desenvolvemento na procura de emprego para persoas residentes no ámbito rural con discapacidade, incapacidade laboral ou dificultades de inserción.
Un total de 150 galegos están a recibir unha formación que se estenderá por 12 meses ata finais deste ano e que incluirá talleres presenciais e prácticas laborais en empresas.
A Fundación Vodafone promove a innovación no uso das novas tecnoloxías dentro da Comunidade “Conectados pola Accesibilidade”. En Galicia, participan 8 entidades (BATA, DOWN CORUÑA, Fogar e Clínica San Rafael en Vigo, SARELA, FADEMGA, ASPRONAGA, ASPACE A Coruña e APAMP Vigo), con máis 100 usuarios entre persoas con discapacidade e profesionais. BATA presentou a súa experiencia destacando como a ferramenta Mefacilyta, desenvolvida pola Fundación Vodafone España axuda no día a día ás persoas con discapacidade intelectual. Este tipo de solucións contribúen ao proceso de Transformación Dixital que lles permite participar dunha forma máis activa na nosa sociedade.
A Fundación Vodafone España é unha institución sen ánimo de lucro que contribúe ao impulso da innovación e a utilización das TIC para mellorar a calidade de vida das persoas e, especialmente dos colectivos vulnerables. Desenvolve proxectos de innovación tecnolóxica que facilitan a vida a persoas dependentes, maiores e enfermos crónicos. Promove programas de formación e accesibilidade con diversas Universidades españolas dirixidos á investigación en TIC, a excelencia docente e a integración dos alumnos con discapacidade. Outros obxectivos son a difusión das telecomunicacións na sociedade a través de publicacións, cursos e seminarios.