A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia abre a convocatoria de axudas para a realización de proxectos que teñan por obxectivo a realización de actividades de difusión e fomento do uso do software e hardware libre en Galicia, segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG). Esta convocatoria de carácter bienal comprende as anualidades 2023 e 2024 e está dotada con 60.000 euros.
Poderán acollerse a estas subvencións as asociacións galegas de persoas usuarias de software libre, coñecidas como AGUSL, que estean formadas por persoas físicas, correctamente rexistradas no rexistro de asociacións de Galicia, e que teñan recollido nos seus estatutos, como un dos seus obxectivos principais, a difusión ou fomento do software e hardware libre.
O prazo de presentación, segundo se recolle nas bases, é de 1 mes dende hoxe, día de publicación no DOG. A solicitude terá que facerse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, ou a través do procedemento AP400E e achegando a documentación correspondente, segundo especifican as bases da convocatoria. As asociacións interesadas poden contactar coa oficina de software libre da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para calquera aclaración que precisen ou axuda no proceso.
Terán a consideración de actuacións subvencionables os proxectos ou actividades destinadas ao fomento do uso do software e hardware libre na Comunidade Autónoma de Galicia, en concreto as que encaixen nos seguintes puntos:
Esta convocatoria de subvencións enmárcase dentro das actuacións que a Axencia desenvolve anualmente no Plan de acción en materia de Software Libre, que define a senda das políticas e das actuacións a desenvolver para o incremento do uso do Software Libre en Galicia, nos ámbitos empresarial, da administración pública e da cidadanía, sempre dentro do marco da Estratexia Galicia Dixital 2030.
Dende que no ano 2010 a Xunta de Galicia puxera en marcha, por primeira vez en Galicia, un plan específico orientado ao fomento do Software libre, na Comunidade téñense conseguido grandes avances na súa adopción e uso nos diversos ámbitos da nosa sociedade.
Os eixos principais de actuación para o fomento de solucións tecnolóxicas baseadas en software libre teñen como obxectivos o fortalecemento do sector empresarial galego, o achegamento de software libre ao conxunto da sociedade e o fomento da reutilización do software na administración pública.