main content

main content
06/06/202309:06
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

As tres primeiras ferramentas dispoñibles do Proxecto Nós posibilitarán a interacción en galego entre os usuarios e os dispositivos tecnolóxicos

  • O conselleiro de Cultura, o reitor da USC e o director da Amtega presentan os últimos avances deste proxecto que busca introducir o galego na vangarda tecnolóxica
  • Son un tradutor neuronal multilingüe, o primeiro recoñecedor de voz que entende o galego e o converte a texto e unha aplicación que a partir dun texto é quen de ler en galego
  • Estarán dispoñibles proximamente en aberto e de xeito gratuíto para calquera persoa, empresa ou proxecto que as precise ou desexe empregar
  • Estes avances “permitirán non só reforzar a proxección exterior da nosa lingua, senón tamén a expansión económica do galego como vehículo de comunicación nos mercados globais”

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou esta mañá na presentación das primeiras ferramentas resultantes do Proxecto Nós, a iniciativa que traballa en incorporar o galego ás novas linguaxes dixitais. Trátase de tres aplicacións sen precedente en Galicia que permitirán a interacción en lingua galega entre as persoas usuarias e os dispositivos tecnolóxicos.

No acto, que tivo lugar no edificio Fontán da Cidade da Cultura, sede do Proxecto Nós, tamén participaron o reitor da USC, Antonio López; o director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), Senén Barro; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño e a directora do Instituto da Lingua Galega (ILG), Elisa Fernández.

O titular de Cultura referiuse en concreto ao primeiro tradutor neuronal multilingüe feito en Galicia, ao recoñecedor de voz que entende o galego oral e o converte a texto e á aplicación de síntese de voz que, a partir dun texto, é quen de ler en lingua galega. Un exemplo das aplicacións desta última ferramenta xa se puido ver no anuncio institucional que a Xunta de Galicia lanzou polas Letras Galegas 2023, onde “presentamos a primeira locución da historia en lingua galega xerada por Intelixencia Artificial grazas ás capacidades desta iniciativa”, indicou Román Rodríguez.

Estes avances, do que o tradutor xa está dispoñible e os outros dous o estarán nun breve prazo de tempo para que calquera persoa, empresa ou proxecto os poida usar de xeito gratuíto, “permitirán non só reforzar a proxección exterior da nosa lingua, senón tamén a expansión económica do galego como vehículo de comunicación nos mercados globais”, engadiu o conselleiro.

Respecto aos próximos obxectivos, o representante autonómico sinalou que o Goberno galego e a Universidade de Santiago de Compostela “continuarán traballando na recompilación de voces que reflictan a gran variedade fonética e dialectal que existe por toda Galicia”, o que permitirá seguir mellorando os modelos de ferramentas actuais, ao tempo que se desenvolverán novos modelos multilingües en cooperación cos proxectos equivalentes a Nós para o resto de linguas do Estado. Ademais, “queremos fortalecer as aplicacións que se farán en eidos como o sanitario, o educativo, o asistencial...” concluíu o titular de Cultura.

O galego, na vangarda tecnolóxica

Impulsado inicialmente pola Xunta e a Universidade de Santiago, o Proxecto Nós, que foi incluído no PERTE Nova Economía da Lingua, supón o maior investimento directo na promoción do galego de toda a historia de Galicia.

A este traballo a prol da inclusión da lingua galega no mundo dixital e das tecnoloxías súmanse outras accións impulsadas ou apoiadas polo Goberno galego como son a opción de configurar en galego tanto a aplicación musical Spotify como o novo modelo de calculadoras ClassWiz de Casio, así como os acordos con plataformas audiovisuais como Netflix ou Amazon Prime para incluír títulos dobrados ou subtitulados nas linguas cooficiais.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS