main content

main content
25/01/202318:01
Participantes na reunión.
Bruxelas

A Xunta promove en Bruxelas o debate sobre o papel das rexións no desenvolvemento da intelixencia artificial

  • A Fundación Galicia Europa acolleu hoxe na capital comunitaria a xornada “Intelixencia artificial, intelixencia rexional”
  • Expertos da Comisión, do Parlamento e da Representación Permanente de España en Europa, así como da Universidade de Santiago, debateron sobre o marco legal que está a elaborar a Unión Europea
  • Un estudio elaborado polas tres universidades públicas da nosa Comunidade destaca que Galicia estase situando como unha rexión precursora á vangarda dunha intelixencia artificial ética e fiable en liña coas políticas europeas
  • O alto funcionario da DG CONNECT da Comisión Europea Martin Ulbrich destacou a importancia dos estándares e códigos de conducta voluntarios para empresas e administracións como complemento da Lei europea de IA

A sede da Fundación Galicia Europa en Bruxelas acolleu hoxe a xornada “Intelixencia artificial, intelixencia rexional”, promovida pola Xunta de Galicia, na que representantes da Comisión Europea, do Parlamento, do Goberno de España e da Universidade debateron sobre o papel das Comunidades Autónomas ante o desenvolvemento da intelixencia artificial.

Na xornada participou o responsable de políticas da DG-CONNECT, da Comisión Europea, Martin Ulbrich; a eurodeputada Pilar del Castillo; o Conselleiro de Transformación Dixital da Representación Permanente de España na UE (REPER), Carlos Romero; e o profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela, Marcos Almeida. O debate estivo moderado pola directora da Oficina de Apoio Estratéxico e de Planificación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Consellería de Facenda e Administración Pública), María Bobillo.

O alto funcionario da DG CONNECT Martin Ulbrich destacou durante a súa intervención a importancia da creación de estándares e códigos de conducta voluntarios por parte de empresas e administracións para aqueles usos da intelixencia artificial que, ao non ser considerados de alto risco, non se verán afectado pola nova lei.

Pola súa parte, a deputada do Grupo Popular no Parlamento Pilar del Castillo anunciou que agarda que a proposta sobre a nova Lei europea de IA poida estar lista a finais de febreiro para ser sometida ao pleno da Cámara, como paso previo a ser sometida ao procedemento de co-decisión. Sen embargo, engadiu que o proceso está a ser lento pola existencia de desacordos en aspectos como a conveniencia de crear unha oficina europea de IA ou sobre a prohibición de prácticas relacionadas coa identificación biométrica a tempo real, a vixilancia paliativa, o coñecemento emocional e os auto-riscos en aspectos como os algoritmos aplicados a medios de comunicación, saúde ou pago e cobro de débedas.

O conselleiro da REPER Carlos Romero incidiu en que a regulación europea non terá soamente un carácter restritivo, senón tamén incentivador. As empresas poderán testar os seus sistemas, o que incidirá na súa eficiencia e na mellora da súa produtividade e competitividade.

Durante a súa intervención, o profesor de Dereito Administrativo e responsable das políticas de protección de datos da Universidade de Santiago Marcos Almeida avanzou algúns dos resultados do “Estudo sobre o marco ético e normativo e o potencial impacto da intelixencia artificial en Galicia”. Este traballo, que será presentado nas próximas semanas, é o resultado dun convenio asinado pola Xunta de Galicia coas tres universidades públicas da nosa Comunidade.

Marcos Almeida destacou que a Lei que prepara a UE ten a virtude de estar perfectamente integrada no actual marco legal sobre protección de datos, e o que fai é adaptalo a cuestións concretas como a intelixencia artificial ou a identificación biométrica.

O marco ético e normativo para o desenvolvemento da intelixencia artificial debe incluír mecanismos sociais de control, segundo destacou Marcos Almeida. Neste sentido, defendeu a creación de escenarios de proba de sistemas de intelixencia artificial nos que a sociedade poida participar.

A directora da Oficina de Apoio Estratéxico e Planificación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, María Bobillo, tamén se referiu as conclusións do estudio elaborado polas tres universidades, que indican que “Galicia estase situando como rexión precursora e á vangarda dunha intelixencia artificial ética e fiable en liña coas políticas europeas”.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS