main content

main content
27/10/202215:10
Participantes na reunión.
Santiago de Compostela

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia pecha o novo catálogo de actividades do Plan DigiTalent para continuar impulsando o talento tecnolóxico

  • O director do departamento autonómico reuniuse coas empresas do Pacto Dixital para incorporar as súas actividades ao Plan para o curso 2022/2023
  • A Axencia incorporará o Mentoring FP, con máis de 30 prazas para estudantes de Grao Superior e Cursos de Especialización da familia de coñecemento Informático e Telecomunicacións
  • Ademais, xa está aberto o período de inscrición para alumnado de ESO e Bacharelato no programa Tecnólog@ por un día que se pechará o 2 de novembro e que celebra xa a súa sétima edición

O Plan para a Promoción do Talento Dixital de Galicia comeza o curso 2022/2023 con novas actuacións para todas as idades, cos obxectivos de espertar as vocacións científico-tecnolóxicas entre os rapaces e rapazas, e impulsar a adaptación dos estudantes, titulados e profesionais aos novos perfís dixitais esixidos pola transformación tecnolóxica.

O catálogo para o novo curso escolar pechouse hoxe nunha xuntanza de traballo presidida por Julián Cerviño Iglesia, o director da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia, na que participaron as empresas do Pacto dixital que colaboran co Plan. As propostas das empresas iranse incorporando á web DigiTalent, á medida que se pechen datas e prazas de cada unha.

O director deu conta do balance do ano anterior, no que se celebraron ata 37 actuacións dirixidas aos distintos perfís da cidadanía e quixo agradecer ás empresas colaboradoras e ao Clúster TIC a súa labor e compromiso no fomento do talento dixital galego nos últimos anos.

Iniciativas lideradas pola Amtega

Entre as liñas do Plan para o próximo período, avanzáronse as propostas impulsadas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como a renovación do programa Tecnólog@ por un díaunha iniciativa liderada pola Amtega que acada xa as sete edicións celebradas desde 2018. O catálogo do curso 2021/2022 acollerá dúas novas edicións desta actividade, coas que se seguirán a impulsar as vocacións STEAM e o interese nas novas profesións dixitais entre os rapaces e rapazas de secundaria e bacharelato.

A primeira quenda deste curso conta con máis de 50 prazas e terá lugar durante os meses de novembro e decembro. O alumnado participante poderá desfrutar dunha xornada inmersiva nos centros de traballo das empresas TIC que colaboran co programa, Altia Consultores, DXC Technology, NTT Data, Quobis, Satec ou Televés, ou visitar as instalacións da Amtega no GaiásTech.

Doutra banda e como novidade este ano, destaca a próxima posta en marcha do programa Mentoring FP, unha iniciativa conxunta da Axencia e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades impulsada no marco da Estratexia de Formación Profesional Galicia 2030 e da Estratexia Galicia Dixital 2030

Trátase dunha actuación que ten por obxectivo facilitar a entrada no mercado laboral dos estudantes de Formación Profesional da man dos expertos e profesionais das empresas colaboradoras, que titorizarán aos participantes a través dun Plan de Mentoring personalizado, acompañándoos na identificación de saídas profesionais adaptadas ao seu perfil ou asesorándoos na posta en marcha dun proxecto emprendedor.

Mentoring FP acada xa as 30 prazas confirmadas por Altia Consultores, DXC Technology, Inetum, NTT Data e Satec, dirixidas ao alumnado de Grao Superior e Cursos de Especialización de Formación Profesional da familia de coñecemento Informática e Telecomunicacións.

Ademais, a Xunta de Galicia segue a poñer o foco na atracción e retención do talento dixital galego e continúa a traballar en Retorna Dixital, un espazo web que recolle as ofertas de emprego do sector TIC de Galicia, ofrecendo aos galegos e galegas retornados ou que se atopan no exterior oportunidades de desenvolver a súa carreira profesional na nosa comunidade. Con esta actuación, a Axencia autonómica, en colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración no marco do programa Galicia Retorna, busca xerar un espazo de encontro en constante actualización entre o sector tecnolóxico galego e os perfís dixitais especializados emigrados para así reducir a fenda entre a demanda e a dispoñibilidade de talento tecnolóxico en Galicia.

Consulta toda a información e detalles para participar nesta e outras iniciativas do catálogo do Plan no espazo web DigiTalent.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS