main content

main content
04/10/202217:10
Estante con fármacos.
Santiago de Compostela

A Xunta habilitará a solicitude de renovación de receitas a través da aplicación SergasMóbil

  • A app alertará ao usuario cando a caducidade das receitas estea próxima e permitirá solicitar a renovación, podendo ser autorizada tamén de xeito electrónico polo persoal sanitario no caso de valorala procedente
  • O Sergas automatizará a xestión das baixas derivadas da atención hospitalaria eliminando así a necesidade de pedir cita en atención primaria para tramitar a súa solicitude
  • O conselleiro avanzou que dentro do programa de maximización asistencial para 2023 anunciado a pasada semana polo presidente da Xunta, programarase a revisión en atención primaria de preto de 75.000 pacientes crónicos ou pluripatolóxicos
  • Comesaña lamenta a inacción do Goberno de España maila ser coñecedor do problema de falta de médicos que é xeneralizado ao conxunto do Sistema Nacional de Saúde

O conselleiro de Sanidade avanzou hoxe na súa comparecencia ante o pleno do Parlamento de Galicia varias medidas de impacto para simplificar os trámites entre a cidadanía e o persoal sanitario e alixeirar así a carga burocrática en atención primaria.

En primeiro lugar, García Comesaña avanzou a intención da Xunta de desenvolver a aplicación SergasMóbil para que xere alertas para o paciente no momento no que se aproxime a caducidade da súa receita e lle permita solicitar a través da propia aplicación, ou desde a oficina de farmacia, esa renovación.

Pola súa banda, o persoal médico e farmacéutico recibirá esa notificación de solicitude no seu sistema de historia clínica electrónica e, no caso de valorar que a renovación procede sen necesidade de revisión física, poderá autorizala de xeito telemático.

Este sistema permitirá aforrar desprazamentos, trámites e complicacións tanto á cidadanía como ao persoal sanitario sen descoidar en ningún momento o coidado da saúde da cidadanía.

En segundo termo, o conselleiro anunciou a constitución inmediata dun grupo de traballo para deseñar un sistema que automatice a xestión das baixas derivadas dunha atención hospitalaria, co obxectivo de evitar ao paciente e ao persoal de primaria innecesarias citas para tramitar unha baixa que vén xa indicada polo propio persoal hospitalario tras unha intervención ou unha atención urxente.

Durante a súa comparecencia, Comesaña enumerou o conxunto de avances e melloras postas en marcha pola Xunta de Galicia co obxectivo de acadar unha xestión máis eficiente nos servizos de atención primaria do Sergas. Lembrou que, a peche de setembro, a atención primaria galega leva atendidas máis de 22 millóns de consultas, das cales máis de 11 millóns e medio corresponden ao persoal de medicina de familia.

Nun contexto de falta de profesionais médicos a nivel nacional, e co ánimo de alixeirar a carga de traballo dos facultativos, lembrou a ampliación das prazas e das capacidades do persoal de enfermería e farmacia de atención primaria; co obxectivo de que podan asumir funcións ata agora reservadas só ao persoal médico.

No que se refire á potenciación das capacidades do persoal de enfermería, puxo en valor a instrución que permite agora a este persoal realizar o seguimento dos pacientes con tratamento anticoagulante oral e que supuxo que no que vai de ano foran asumidas pola enfermaría máis de 100.000 consultas por este motivo que antes se dirixían ao médico.

Para avanzar nesta liña, o conselleiro anunciou que, desde o presente mes de outubro e ata finalizar o ano, se aprobarán preto de 40 novos protocolos de enfermaría de práctica avanzada, para que os profesionais desta especialidade poidan resolver dun xeito autónomo consultas vencelladas con patoloxías que non requiran de presenza médica.

No caso do persoal farmacéutico, salientou a habilitación destes profesionais para renovar as receitas de pacientes crónicos. A este respecto, destacou que, entre os que traballan nos centros de saúde (cuxo número chega aos 100 tras a incorporación de 28 novos profesionais este ano) e os destinados á central de apoio que apoiou de xeito telefónico a aqueles centros de saúde máis tensionados, foron quen resolver máis de 109.000 consultas de renovación de receitas no que vai de ano.

Entre as melloras relacionadas coas novas tecnoloxías, o responsable da sanidade galega salientou as cifras do sistema CRM100 de atención ao usuario, que actualmente rexistra, organiza e devolve as chamadas de 162 centros de saúde galegos, resolvendo o 93% delas no mesmo día, e cun tempo medio de resposta próximo aos 40 minutos.

Pola súa banda, no caso do Sistema de Atención da Demanda en Equipo (XIDE), que permite derivar aos pacientes de xeito directo ao profesional sanitario máis axeitado, destacou que os resultados nos centros nos que está implantado posibilitan que ao persoal médico lle cheguen só o 52% das citas, repartindo o resto entre as demais categorías profesionais. XIDE está xa implantado en 125 centros de saúde, que atenden a máis do 40% da poboación galega.

O conselleiro de sanidade enmarcou esta reforma organizativa nunha liña de traballo iniciada coa aprobación de novas carteiras de servizos, e a elaboración de axendas de calidade para todas as categorías da atención primaria. Ademais, puxo en valor a posta en marcha dos Plans Locais de Saúde, que dotarán de maior autonomía aos centros de saúde e que arestora xa están en funcionamento en 14 centros e chegarán a outros 28 antes de rematar o vixente ano.

Maximización da actividade asistencial

Como resultado desta reorganización e dentro do programa de maximización asistencial anunciado a pasada semana polo presidente da Xunta, o goberno galego destinará unha partida nos orzamentos do ano 2023 para financiar un programa de actividade extraordinaria. A través del, o Servizo Galego de Saúde citará en 2023, de xeito proactivo, a todos aqueles pacientes crónicos e pluripatolóxicos que durante os últimos seis meses non acudiran a unha revisión médica.

O obxectivo é convocar a preto de 75.000 pacientes galegos que posúen este tipo de doenzas, co obxectivo de avaliar o seu estado de saúde e de realizar todas aquelas probas diagnósticas que sexan precisas.

Incumprimento de acordos por parte do Ministerio

O conselleiro de Sanidade lamentou, unha vez máis, a “inacción do Goberno de España”, maila ser coñecedor do problema de falta de médicos que é xeneralizado ao conxunto do Sistema Nacional de Saúde. Un problema, para o que soamente o Ministerio ostenta as competencias necesarias para arranxar a situación.

Así, criticou que o Goberno central manteña paralizados os acordos unánimes acadados, xa no ano 2018, para reformar o sistema de formación sanitaria e permitir formar a máis médicos de familia.

“O goberno está desoíndo un mandato do Congreso dos Deputados e, desde hai unhas semanas, tamén deste Parlamento” apostilou García Comesaña, ao tempo que reiterou a necesidade de flexibilizar os criterios establecidos para as unidades docentes, dado que, o actual sistema formativo, imposibilita que o 70% dos centros de saúde galegos poidan formar novos profesionais.

Malia todo, no eido das competencias autonómicas, a Xunta de Galicia segue a traballar na procura de conseguir un maior número de profesionais médicos para o Servizo Galego de Saúde e, tal e como lembrou o conselleiro, vén de incrementar en 65 as prazas formativas para medicina de familia en Galicia, o maior incremento de todas as comunidades autónomas neste ano.

Na mesma liña de mellorar a formación e estimular a vocación da especialidade de medicina familiar e comunitaria a Xunta, vén de impulsar, xunto coa Universidade de Santiago de Compostela, a creación de novas prazas de profesor asociado para a formación práctica dos alumnos de medicina e enfermaría en centros de saúde. Así, á praza de formación médica en centros de primaria que xa existía en Compostela, engadiranse outras tres. Nomeadamente, dous de Medicina para os centros de saúde de Vigo e A Coruña; e outra de Enfermería, no centro de saúde de Oroso.   

Por último, avanzou a vindeira publicación no DOG, da convocatoria dunha nova praza de profesor contratado doutor para dar clase teórica de medicina de familia na Facultade de Santiago de Compostela. Mediante esta, a partir de 2023 por primeira vez os alumnos do Grao de Medicina recibirán clase dun profesor que será médico de familia e estará vinculado a un centro de saúde de atención primaria.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS