main content

main content
01/10/202218:10
Sinatura do convenio de colaboración.
Santiago de Compostela

A Amtega celebra o Día das persoas maiores ampliando a súa colaboración con FEGAUS para reforzar a capacitación dixital deste colectivo

  • O departamento autonómico e a Rede de Aulas CeMIT súmanse hoxe, 1 de outubro, a esta conmemoración coa sinatura dun novo convenio con FEGAUS
  • Con este acordo dáselle continuidade ao compromiso de seguir impulsando o envellecemento activo e a inclusión deste colectivo na sociedade dixital
  • Cómpre lembrar que este ano o Dia de Internet, celebrado en maio, estivo dedicado ás persoas maiores e á importancia de non deixar a ninguén atrás no proceso de transformación dixital
  • A Rede CeMIT ten sido fundamental na incorporación das persoa maiores ao uso de Internet, cunha porcentaxe de o 28,81% de persoas usuarias de 55 ou máis anos
  • Entre 2015 e 2020 o incremento no uso de internet entre as persoas de 65 a 74 anos foi do 152%

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia conmemora hoxe, 1 de outubro o Día Internacional das persoas maiores, reforzando o seu compromiso coa capacitación dixital deste colectivo. O departamento autonómico vén de asinar un novo convenio de colaboración coa Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS), que dará continuidade ao obxectivo de seguir impulsando a inclusión das persoas maiores no mundo dixital e a favorecer un envellecemento máis activo e saudable.

Este convenio enmárcase dentro das accións definidas na Estratexia Galicia Dixital 2030 e contribuirá a acadar que ata 2025 máis de 45.000 persoas adquiran competencias dixitais.

O novo acordo permitirá ás persoas maiores acceder a formación para un uso seguro da banca electrónica, a través de diferentes xornadas nas aulas CeMIT, nas que se afondará no uso de tarxetas prepago, caixeiros automáticos, banca online etc..

Afiánzase así unha longa colaboración co aliado dixital FEGAUS que colabora activamente coa Rede CeMIT, achegando esta oferta formativa á cidadanía, que contribuíu a que en cinco anos, entre 2015 e 2020 o uso de internet entre as persoas de 65 e 74 anos se incrementara un 152% na Comunidade.

O papel da Rede CeMiT é chave para facilitar a accesibilidade das persoas maiores á tecnoloxía, facendo foco especialmente naquelas que residen en zonas rurais. Actualmente o 28,81% de usuarios ten 55 ou máis anos. Ademais, presta especial atención ás persoas maiores con deterioro cognitivo, dependentes e en situación de especial vulnerabilidade.

Os cursos máis demandados

A través de seminarios, tanto presenciais como online, as aulas da Rede poñen a disposición da cidadanía o acceso á formación en diversos aspectos do uso da tecnoloxía para incrementar o seu uso e confianza no mundo dixital e mellorar a súa calidade de vida, aproveitando as vantaxes da tecnoloxía. Algúns dos seminarios e xornadas con máis demanda por parte das persoas maiores son:

  • Manexo da ferramenta É Saúde, solicitude de cita médica e outras xestións.
  • Uso de dispositivos (smarphones, tablets, apps).
  • Manexo seguro de Internet (privacidade, seguridade na rede, protección antes estafas, fake news).
  • Mellora da comunicación coa eAdministración e das competencias e habilidades para a realización de trámites e xestións en liña (compras online, administración electrónica...).
  • Ocio dixital (reserva de viaxes, visitas virtuais, idiomas, etc.).
  • Uso da tecnoloxía para axudarte no día a día (estimulación física e mental, intelixencia artificial, etc.).

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega, que conta coa colaboración de 91 concellos e está integrada por 97 centros en 52 comarcas. Ten entre os seus obxectivos o de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar a pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Actualmente a Rede está inmersa nun Plan de Reforma e Ampliación para incrementar nun 30% o número de aulas ata 2025, modernizar os centros, renovar o equipamento tecnolóxico e poñer en marcha un aula móbil para incrementar a área de influencia da Rede. A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: https://cemit.xunta.es/centros

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS