A Xunta de Galicia, a Conferencia de Reitores Rede Crussoe, e a multinacional NTT Data porán en marcha a Cátedra Institucional de Patrimonio Cultural Dixital. Así se recolle nun convenio, aprobado onte polo Consello da Xunta de Galicia, e que proximamente asinarán a Consellería de Cultura, Formación Profesional e Universidades, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a Rede Crussoe e NTT Data.
A Administración autonómica achegará 125.000 euros á iniciativa, que contará cun orzamento total de 322.000 euros ata o ano 2025. A Cátedra estará vinculada ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), situado na Cidade da Cultura, e busca fomentar a docencia, a investigación e a difusión dos coñecementos no eido do Patrimonio Cultural Dixital, especialmente o vinculado ao Camiño de Santiago.
Con estes obxectivos, a folla de ruta para o período 2022-2025 prevé o desenvolvemento de diferentes actuacións como a posta en marcha dun Observatorio do Patrimonio Cultural Dixital para monitorizar a situación e evolución neste ámbito a nivel da eurorrexión e a súa área de influencia. A aposta por promover a investigación de vangarda é outra das actuacións previstas para xerar coñecemento específico que permita a cuantificación, medida e valorización do Patrimonio Cultural Dixital.
En canto á formación e difusión, a Cátedra contempla o desenvolvemento de formación a nivel posgrao (máster e doutoramento) no seo da Rede CRUSOE, con carácter interinstitucional e nivel non universitario o deseño de programas específicos para o fomento de vocacións STEM así como iniciativas de formación ocupacional e capacitación profesional en ámbitos non urbanos, con particular atención ao aspecto de igualdade de xénero.
Ademais, impulsarase o emprendemento transdisciplinar en Humanidade e Ciencias Sociais e Tecnoloxía da Información e Comunicación con iniciativas que poñan en valor o patrimonio cultural dixital vinculado ao Camiño ao Camiño de Santiago.
Buscarase a internacionalización con actividades e accións de colaboración, particularmente no ámbito europeo e latinoamericano, facendo foco nas políticas e directrices da Comisión e Parlamento Europeo relacionadas coa transición dixital e o Patrimonio e a súa repercusión noutros sectores como o cultural, educativo, turismo dixital e sustentable, o audiovisual e o hipersector TIC.
A Cátedra institucional de Patrimonio Cultural Dixital súmase a outras iniciativas que vén impulsando a Xunta de Galicia no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030 para converter á Comunidade nunha das rexións intelixentes europeas de referencia en dixitalización. Unha desas iniciativas é Stellae 5.0 Patrimonio Dixital vinculado ao Camiño de Santiago, no que a Administración autonómica colabora coa Rede CRUSOE para abordar dun modo integral a preservación, difusión, valorización cultural e patrimonial, así como o impulso da transformación dixital da nova economía.
Así Stellae 5.0 súmase a outras actuacións da Xunta neste ámbito como o proxecto Memoria Dixital de Galicia, que se alberga nas instalacións da Cidade da Cultura, para dixitalizar documentos e recursos e impulsar o desenvolvemento de novos servizos e contidos para a industria e o turismo cultural; Galiciana con máis de 330.000 obxectos dixitalizados ou Galicia Nomeada, que difunde xunto coa Real Academia Galega máis de 500.000 topónimos e mantén unha canle aberta de participación cidadá.