As entidades adheridas ao Nodo de Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal, dispoñen de novos recursos para reforzar a ciberseguridade no ámbito industrial. Así se recolle no acordo asinado esta semana entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o Centro de Ciberseguridade industrial (CCI) que pon ao disposición do Nodo a súa plataforma RECIN, que facilita a incorporación de requisitos de ciberseguridade en proxectos industriais.
As entidades vinculadas ao nodo poderán empregar a plataforma do CCI en ata tres proxectos sen custe algún.
A ciberseguridade no tecido empresarial é crucial e con este acordo súmanse recursos para a liña de traballo que se desenvolve desde Ciber.gal para concienciar, previr e mellorar a ciberseguridade nas empresas galegas.
O camiño cara á dixitalización da industria xera grandes oportunidades, pero sen ir da man dunha aposta pola ciberseguridade pode xogar en contra. Así o reflicten os últimos datos oficiais que sinalan que no primeiro trimestre de 2022 rexistráronse en Galicia 6.345 estafas cometidas a través de medios telemáticos. Unha tendencia que vai á alza, xa que os delitos cometidos por esta vía nos tres primeiros meses do ano creceron un 50% respecto aos rexistrados no mesmo período en 2021.
De aí que o Nodo CIBER.gal faga fincapé na identificación, deseño e execución de iniciativas de valor para o tecido empresarial neste campo grazas á colaboración dos axentes vinculados ao seu ecosistema.
Así, en xuño de 2021 constituíuse un grupo de traballo específico nesta liña, englobando actividades destinadas a distintos perfís profesionais, sectores e tipos de empresa. Liderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, tamén participan neste grupo de traballo o Incibe, a Fegamp, as catro Deputacións e conta coa colaboración dunha vintena de empresas. Este grupo realizou nos primeiros seis meses de 2022 preto dunha vintena de actividades, entre xornadas, obradoiros e relatorios tanto presenciais como online nas catro provincias galegas. Este acordo de colaboración co CCI é unha iniciativa máis do grupo de traballo para fortalecer o nivel de ciberseguridade da industria galega.
A Xunta de Galicia lidera dende a súa creación en 2020 o nodo Ciber.gal, que aglutina a preto de 40 entidades que unen as súas forzas e recursos para identificar, deseñar e executar accións en materia de ciberseguridade. Trátase da primeira estrutura de colaboración público-privada na materia en España. Ciber.gal ten como obxectivo dar resposta á cidadanía, empresas e sector público en materia de ciberseguridade así como o fomento do talento e a innovación neste eixo.
Ademais, a Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, mantén convenios de colaboración coas dúas entidades públicas encargadas de velar pola ciberseguridade en España: o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), que depende do Ministerio de Defensa; e o Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), que depende do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.
Entre as medidas para impulsar a ciberseguridade en Galicia, este ano a Xunta iniciará a construción do Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia (CECIGA) que implicará un investimento para a súa posta en marcha duns 4,2 millóns de euros. O CECIGA ten como obxectivo desenvolver a ciberseguridade como motor de transformación económica e social.
Terá como misión contribuír ao fortalecemento e potenciación da seguridade na Administración pública, as empresas e a cidadanía, así como apoiar a innovación no sector produtivo mediante o logro da excelencia na investigación e o desenvolvemento de talento especializado en ciberseguridade. Potenciará, así mesmo, as relacións institucionais e a promoción do nodo Ciber.gal en España e Europa.
Na actualidade, a Xunta traballa na definición da nova Estratexia Galega de Ciberseguridade 2022-2027, que se presentará este ano e que reforzará as liñas actuais de traballo e recollerá as accións e medidas precisas para executar os compromisos de gobernanza e cumprimento normativo do novo Esquema Nacional de Seguridade.