Galicia inviste preto de 52 millóns de euros en acordos marco para avanzar na automatización de procesos e na incorporación de tecnoloxías avanzadas na administración a través de servizos na nube. Estes investimentos veranse reforzados co novo Plan de Administración e Goberno Dixital 2025, que aprobará proximamente o Goberno galego. Así adiantou hoxe a directora da Axencia para a Modernización de Galicia, Mar Pereira, na súa intervención na mesa redonda “A transición Dixital na Administración Pública”, organizada pola consultora EY en Madrid.
A xestión intelixente do dato e a aplicación de tecnoloxías vinculadas á intelixencia artificial xunto con outras tecnoloxías dispruptivas son os elementos diferenciadores do III Plan de Administración e Goberno Dixital 2025. Enmarcado na primeira liña estratéxica da Estratexia Galicia Dixital 2030 o novo Plan ten entre os seus obxectivos configurar a identidade dixital da cidadanía, consolidar unha Administración proactiva e persoalizada, e accesible que se adiante ás necesidades do cidadán; unha administración automatizada que impulsará unha xestión intelixente do dato para crear servizos innovadores.
A directora da Axencia destacou tamén o reforzo das infraestruturas dixitais do territorio coa construción dun novo Data Center, que permitirá duplicar as capacidades de procesamento e almacenamento de datos actuais e que estará dimensionado para xestionar o incremento de novos servizos dixitais; e a posta en marcha do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, que ten como obxectivo desenvolver a ciberseguridade como motor de transformación económica e social.
A directora da Axencia destacou que Galicia aposta por un modelo híbrido, a través de solucións en infraestruturas propias e de cloud publica. De feito licitarase en breve un acordo marco por 10 millóns de euros que dotará á Xunta de capacidades para avanzar cara a solucións en nube pública.
Lembrou tamén a aposta pola incorporación de tecnoloxías disruptivas no sector público que se concreta noutro acordo marco de 30 millóns de euros, ao que se presentaron 28 empresas, e que para avanzar na automatización licitouse outro acordo marco por 8 millóns de euros, que permitirá a adquisición de ata 50 robots que realizarán as tarefas máis rutinarias da tramitación administrativa.
Galicia iniciará o II Plan de Administración dixital tras unha década que permitiu acadar unha madurez nos procesos internos de dixitalización e un incremento na relación telemática entre os galegos e a administración grazas ás medidas postas en marcha polos dous plans anteriores nos que se investiron 59,9 millóns de euros.
Así no 2021, o 85% dos galegos e galegas que tiveron que facer xestións coa Xunta optaron por realizalas online. Son máis dun 8% respecto ao ano anterior e preto dun 60% respecto a 2019. Así o recolle o sistema de indicadores da Administración Dixital, accesible desde o Portal de Transparencia da Xunta, que reflicte a evolución de uso e implantación dos diferentes servizos dixitais da Administración autonómica.
As notificacións electrónicas, que o usuario pode recibir no móbil en lugar de en papel a través da caixa de correo, incrementáronse máis dun 37% no último ano pasando de máis de 888.000 en 2019 a máis de 1,2 millóns en 2021. Máis de 1.428.556 de persoas dispoñen de Chave 365 rexistrando no 2021 un incremento de máis do 400% respecto ao ano anterior.
Neste sentido o esforzo de Galicia viuse reflectido ao situarse a cabeza do ranking estatal no nivel de madurez da dixitalización da Administración. O informe a Administración Dixital en España publicado por EY en 2019 situaba a Galicia no segundo posto no cumprimento das normativas de dixitalización cunha porcentaxe do 94%, só 0,5 décimas por detrás do País Vasco.
O informe destacaba un alto nivel de cumprimento dos requisitos das leis 39 y 40/2015 como asistencia ao cidadán e a empresa, as notificacións, o expediente documento e arquivo electrónico, a identidade dixital e a sinatura electrónica, o portal web e o rexistro electrónico.