main content

main content
18/05/202218:05
Sinatura do convenio de colaboración.
Santiago de Compostela

O proxecto ‘Nós de intelixencia artificial ao servizo da lingua galega’ entra na súa segunda fase coa implementación dos primeiros prototipos

  • Inxéctanse 600.000 euros máis para levar a cabo seis das oito iniciativas previstas, centradas na síntese de voz, recoñecemento da fala, xeración automática de textos, sistemas de diálogo, tradución automática ou corrección e avaliación lingüística
  • Os investigadores crearán distintos recursos a disposición de todas as entidades interesadas e un banco de voces que contará coa participación da cidadanía

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, asinaron hoxe o segundo convenio de colaboración co que o Proxecto Nós de Intelixencia Artificial ao servizo da lingua galega entra na súa segunda fase grazas á nova inxección económica de máis de 600.000 euros. Este novo acordo permitirá que os investigadores avancen co traballo de campo, deseñen prototipos dos recursos, experimenten cos primeiros demostradores e creen bancos de voz a disposición de toda a cidadanía para facilitar que empresas empreguen o galego nas súas tecnoloxías, entre outras accións.

“A Xunta e a Universidade realizamos o ano pasado un traballo frutífero de colaboración que nos permitiu planificar as distintas fases deste proxecto pioneiro. Identificamos liñas estratéxicas a desenvolver nestes anos e tamén as iniciativas que sería preciso levar a cabo. Agora damos un paso máis facendo que o Proxecto Nós entre nunha nova fase na que poderemos comezar a visibilizar os primeiros avances”, expresou Román Rodríguez.

Deste xeito, o primeiro acordo asinado en 2021, dotado con 150.000 euros, permitiu definir tres liñas de traballo centradas na conversación oral e escrita con persoas, na calidade da lingua e xestión da información. Asociadas a elas identificáronse, ademais, oito subproxectos para desenvolver nos próximos anos. O acordo asinado hoxe permitirá levar a cabo os seis de maior impacto que se centrarán na síntese de voz, no recoñecemento da fala, na xeración automática de textos, nos sistemas de diálogo, na tradución automática e na corrección e avaliación lingüística. En paralelo, dará visibilidade ao traballo realizado na elaboración dos corpus lingüísticos e modelos de lingua e tamén se van implementar os prototipos de probas como o recoñecedor automático da fala, entre outros, e algúns deles presentaranse en congresos especializados.

Repositorios abertos con licenza libre

Os investigadores do Instituto da Lingua Galega (ILG) e do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), ambos dependentes da Universidade de Santiago, crearán tamén recursos textuais e de voz que se porán a disposición de todas as entidades interesadas en repositorios abertos con licenza libre. Concretamente, crearase un banco de voces da lingua galega, por medio dunha plataforma áxil e flexible que permitirá rexistrar voces que len texto controlado. A participación neste recurso promocionarase mediante unha campaña de difusión. Ao mesmo tempo se creará un corpus de voz, audio e texto aliñados, de utilidade para o recoñecemento da fala; un corpus de voz a escala web, de utilidade para todos os subproxectos textuais, e outros paralelos galego-castelán e galego-inglés, de utilidade para a tradución automática.

Como expresou Román Rodríguez, estas iniciativas non só serán de utilidade para acadar os obxectivos do Proxecto Nós, senón tamén “para implicar a toda a sociedade galega nun proxecto de país como este, que nos permitirá chegar a onde o mercado non chega e que situará ao galego nas contornas dixitais”, indicou. De feito, ao estar dispoñibles en aberto, poderán servir para xerar modelos de lingua integrables en sistemas e aplicacións de empresas interesadas en utilizar o galego nas súas tecnoloxías. Tanto os demostradores como os corpus lingüísticos non serán produtos finais, pois continuarán a mellorarse en anos sucesivos con novos desenvolvementos e axustes.

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia sinalou que o Proxecto Nós é un paso máis no camiño da Intelixencia Artificial, unha tecnoloxía de futuro que suporá o 16% do PIB ata o 2030 e milleiros de empregos. Neste sentido destacou que Galicia foi das primeiras Comunidades en contar cunha Estratexia Galega de Intelixencia Artificial apoiada polo Sistema Universitario Galego, os investigadores e os centros tecnolóxicos e que está a desenvolver un Plan de adopción temperá desta tecnoloxía no sector público. Ademais a implantación da IA debe ir acompañada dun marco ético adecuado para o que a Administración autonómica está a traballar coas tres universidades galegas na elaboración do Estudo do marco ético-normativo e o potencial impacto do uso das tecnoloxías intelixentes

Por outra banda, Mar Pereira destacou que Galicia estase a postular para acoller a sede da futura Axencia Española de Supervisión da IA para o que xa remitiu a solicitude ao Ministerio e destacou que Galicia estase a posicionar para ter voz propia na Europa dixital.

Salto da calidade no fomento do galego

Este acordo supón seguir dando pasos no Proxecto Nós, que chegará ás tres universidades galegas enmarcado na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial e ao que se pretende dedicar un total de 15,5M€, o maior investimento directo na promoción do galego en toda a historia. Con esta renovada colaboración, a Xunta e a USC pretenden acadar unha ampla variedade de recursos lingüísticos en galego de alta calidade que serán publicados en formato dixital baixo licenzas libres e a través de ferramentas con códigos abertos para ser empregados, libres e gratuitamente, en calquera tipo de soporte dixital polas diferentes institucións públicas, polos axentes que conforman o tecido económico empresarial e pola sociedade en xeral.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS