main content

main content
11/03/202208:03
Participante nunha edición anterior de Tecnólog@ por un día.
Santiago de Compostela

A sexta edición do programa "Tecnólog@ por un día" ofrece máis de 50 prazas para o alumnado de 12 a 17 anos

  • Ata o vindeiro 1 de abril o persoal docente dos centros educativos pode inscribir ao alumnado interesado en participar nesta iniciativa impulsada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
  • Durante os meses de abril e maio as empresas tecnolóxicas que colaboran coa iniciativa acollerán aos participantes durante unha xornada de traballo
  • Esta actuación forma parte do catálogo de actividades do Plan DigiTalent dirixidas á infancia e a adolescencia do curso 2021/2022
  • Continúa aberto o período de inscrición dos webinars TransformaTech Sessions sobre tecnoloxías disruptivas

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia vén de lanzar unha nova edición do Programa Tecnólog@ por un día, que ofrece ao alumnado de 12 a 17 anos a oportunidade de compartir unha xornada de traballo nunha empresa tecnolóxica. O obxectivo da esta actividade é continuar mellorando a visión que os máis novos e novas teñen das profesións científico-tecnolóxicas.

Dende hoxe e ata o próximo 1 de abril, o persoal docente pode inscribir ao alumnado interesado en participar na actividade, optando a unha das máis de 50 prazas dispoñibles para visitar durante unha xornada as instalacións das empresas TIC colaboradoras ou a sede da Amtega no GaiásTech.

A implicación dos docentes, chave no marco do programa

Os docentes poden cumprimentar as solicitudes de inscrición a través do formulario dispoñible no espazo web DigiTalent. Ademais, a mesma web ten dispoñible toda a documentación de referencia e consulta para que docentes, alumnado e profesionais das entidades colaboradoras aclaren calquera dúbida que poidan ter sobre a actuación, así como a listaxe de prazas ofertadas para cada grupo de idade por cada entidade participante no programa e a súa localización.

Sexta edición

Con esta nova quenda, Tecnólog@ por un día acada xa seis edicións e consolídase ano tras a ano como unha das actividades de referencia do catálogo de actuacións do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent.

Con esta iniciativa a Axencia segue a ofrecer ao alumnado de secundaria e bacharelato unha oportunidade única de mergullarse no sector tecnolóxico galego. Os participantes poderán visitar as empresas que colaboran coa iniciativa e experimentar en primeira persoa como se desenvolve unha xornada de traballo real no sector TIC de Galicia.

A través destas sesións inmersivas, o alumnado explorará os proxectos que se están a desenvolver e as ferramentas e os coñecementos que o persoal experto emprega no seu día a día. Deste modo, os participantes coñecerán dun xeito práctico as capacidades e habilidades necesarias para incorporarse ao sector, contribuíndo a resolver as súas inquedanzas vocacionais.

Xornada nos centros de traballo

Tras a finalización do período de inscrición, as prazas asignaranse aplicando o resultado dun sorteo en función das preferencias do alumnado indicadas no formulario de inscrición. A partir deste momento, as prazas asignadas e as prazas de reserva comunicaranse aos docentes responsables así como ás empresas colaboradoras. Serán estas últimas as que se poñan en contacto co alumnado para concretar a data e o horario da celebración das xornadas e comunicar calquera outra información que poida resultar de utilidade aos participantes.

Así, durante abril e maio, Aldaba, Altia, Bahía Software, Dos Espacios, NTT Data, Quobis, R, Stratesys Technology e a propia Amtega acollerán ao alumnado nos seus centros de traballo. Os rapaces e rapazas visitarán as súas instalacións e participarán nas diferentes actividades que os profesionais teñen programadas para a xornada, como reunións de equipo, visitas aos clientes ou comidas de traballo.

Webinars TransformaTech Sessions

Por outra banda e no marco do Plan DigiTalent continúa aberto o período de inscricións dos Webinars TranformaTech Sessions,  un programa de encontros virtuais no que se exploran temáticas relacionadas con tecnoloxías disruptivas como a Intelixencia Artificial, o Big Data, os servizos cloud ou a ciberseguridade da man de expertos e expertas na materia.

Toda a información de detalle sobre esta e outras iniciativas do Plan DigiTalent encóntrase dispoñible no espazo web DigiTalent e na web do Gaiástech.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS