A Xunta difundirá en Galicia o programa de axudas Kit Dixital impulsado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e enmarcado no plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
A primeira das actividades de difusión na nosa comunidade autónoma desenvolveuse hoxe na Cidade da Cultura coa participación de 133 persoas de xeito presencial e tivo máis de 1.000 inscricións para seguila en liña. Esta primeira presentación foi precedida dun acto no que participaron a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e o director xeral de Red.es, Alberto Martínez.
Mar Pereira salientou na súa intervención a importancia de sumar esforzos entre as administracións para gañar en efectividade nos programas de dixitalización que se levan a cabo no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
O programa Kit Dixital presentado hoxe complementará as accións que leva a cabo a Xunta para a dixitalización das pemes e será desenvolvido con fondos Next Generartion por Red.es. O programa conta cunha dotación de 3.000 millóns de euros para axudas a pemes.
A Xunta difundirá o programa Kit Dixital tanto en accións dirixidas a axentes dixitalizadores como ás propias pemes dos diferentes sectores de actividade. Farao a través de eventos específicos no GaiásTech, así como a través de enlaces á plataforma Acelera Pymes. Tamén puxo a disposición deste programa as oficinas locais de Acelera Pemes. Así mesmo, prestará soporte para a solicitude de axudas a través da rede de aulas CeMIT.
Máis de 70.000 pequenas e medianas empresas de Galicia poderán optar a recibir estas axudas. Ademais, as máis de 3.000 empresas do sector TIC galegas poderán optar a participar no Kit Dixital como axentes dixitalizadores. Neste sentido, hai xa 250 empresas tecnolóxicas galegas interesadas en participar.
Na presentación de hoxe, o director de Economía Dixital de Red.es, Luis Prieto, explicou o programa aos asistentes, que puideron coñecer de primeira man experiencias de éxito en sectores como a panadería, a medicina ou a viticultura.
Este programa complementa as accións desenvolvidas pola Xunta de Galicia para apoiar a dixitalización das pemes, que permitiron que no ano 2021 se destinaran máis de 23 millóns de euros a axudas. Ademais das achegas por importe de 7,4 millóns de euros para a dixitalización e a realización de obradoiros, a Xunta puxo en marcha liñas específicas, como o programa Galicia Exporta Dixital, con 6 millóns de euros; o Cheque Dixital, con 4 millóns de euros, ou as axudas para a promoción dixital para a hostalería, con 6 millóns de euros.
A Xunta, a través do Instituto Galego de Promoción Económica e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ten en marcha o programa ReAcciona, con convocatorias abertas ata o mes de abril de 2022. Esta acción ten como obxectivo capacitar ás pemes ante os novos retos e acelerar os procesos de mellora e incorporación de coñecemento ás súas estruturas. Dispón dun total de 15 servizos ao redor de catro eixos de competitividade: a estratexia, a profesionalización, a dixitalización e a innovación.
Estas actuacións enmárcanse na estratexia Galicia Dixital 2030, que no seu eixo sétimo “Economía Dixital e Sostible”, que promove o impulso e dixitalización empresarial para a competitividade.
A Xunta puxo en marcha en 2021 o Centro GaiásTech na Cidade da Cultura de Galicia como un espazo para a demostración e experimentación en tecnoloxías disruptivas ao servizo do ecosistema dixital galego. O centro conta cun catálogo de servizos á disposición das empresas de Galicia. Ademais da axenda tecnolóxica con máis de 100 eventos anuais, o GaiásTech Cloud, pon á disposición das empresas aplicacións informáticas na nube para facilitar a súa proba e aprendizaxe, o que axuda á toma de decisións sobre a incorporación das aplicacións na empresa.
O GaiásTech puxo en marcha recentemente o xemelgo virtual, que permite coñecer as súas instalacións e coñecer o equipamento dispoñible, visualizar as últimas actividades realizadas ou reservar espazos. Tamén traballa no desenvolvemento dun Mapa de Capacidades, un directorio de entidades con competencias tecnolóxicas, especialmente nas tecnoloxías disruptivas.
A práctica totalidade das empresas con 10 ou máis persoas empregadas en Galicia teñen contratados servizos de internet. Entre as micro-empresas (menos de 10 empregados) son un 81 por cento as que dispoñen destes servizos. En 2021, un 13,6% das empresas galegas de 10 ou máis persoas empregadas contaba con perfís tecnolóxicos no cadro de persoal. Nese ano, o 45,3% das empresas de Galicia de 10 ou máis persoas empregadas contaba con persoal que teletraballaba.
En canto ao uso de tecnoloxías disruptivas, o 23,6% das empresas con 10 ou máis persoas empregadas utilizaban en 2021 dispositivos interconectados a través de internet, o que representou un incremento dun 41,7% con respecto ao ano anterior. Tamén subiu o uso do Big Data por parte das empresas galegas, así como o uso da intelixencia artificial.