main content

main content
05/11/202114:11
Mar Pereira no Parlamento de Galicia.
Santiago de Compostela

A Xunta destinará en 2022 máis de 209 millóns de euros á transformación dixital, cun incremento dun 80% con respecto aos anos previos á pandemia

  • A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, compareceu hoxe ante a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos e destacou que as contas para 2022 permiten avanzar na transformación dixital de Galicia nun momento clave para a recuperación económica
  • Dedicaranse máis de 50 millóns de euros á modernización dos servizos públicos como a educación, os servizos sociais, ou o emprego
  • A Axencia destinará preto de 12 millóns de euros a impulsar a dixitalización dos sectores produtivos, como o turismo e a cultura, o medio rural, o mar ou o transporte
  • A Administración dixital avanzará na robotización e no novo modelo de posto dixital do empregado público adaptado ao teletraballo e á mobilidade
  • Os orzamentos permitirán iniciar a construción de infraestruturas clave, como o Centro de Ciberseguridade de Galicia ou o Data Center de alta seguridade

A Xunta destinará en 2022 uns orzamentos de máis de 209 millóns de euros para a transformación dixital a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, o que implica un incremento de un 8 por cento con respecto a 2021 e dun 80 por cento con respecto a 2020.

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, compareceu está mañá ante a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos para explicar o destino dunha contas que, dixo, permitirán avanzar na transformación dixital de Galicia “nun momento que será clave na recuperación económica e na consecución dun desenvolvemento sustentable, tanto a nivel económico como social e medio ambiental”.

Neste sentido, destacou os capítulos de investimento, que suman 165,7 millóns de euros e que “permitirán continuar co impulso emprendido no ano 2021 cara á transformación dixital a través dos plans e programas que desenvolve a Axencia cos diferentes departamentos da Xunta.

Mar Pereira destacou que, ademais de contar co financiamento, “é tanto ou máis importante ter claro onde queremos ir e como o queremos facer”. Neste sentido, destacou tres liñas estratéxicas principais, destinadas a “posicionar a Galicia na década dixital que impulsa Europa”. Citou, neste sentido, a Estratexia Galicia Dixital 2030, a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial e o novo Marco Galego de Competencias Dixitais

A directora da Axencia referiuse a cinco eixos principais de actuación: Unha administración do século XXI; uns servizos públicos dixitais, un territorio intelixente, sostible e conectado; o reforzo das infraestruturas e a conectividade, e as competencias e talento dixital.

Unha administración do século XXI

As actuacións para o modernización da administración, incluídas facenda pública e a Xustiza, suman investimentos de preto de 39 millóns de euros.

Estas partidas permitirán afrontar a robotización para a automatización dos procesos administrativos, así como avanzar no novo modelo de posto de traballo para o persoal empregado público nun contexto de teletraballo e mobilidade.

En canto á transformación dixital da facenda pública, a Xunta mellorará e facilitará a relación co contribuínte cunha atención personalizada, proactiva e multicanle e implantará técnicas de intelixencia artificial e analítica avanzada na loita contra o fraude.

O orzamento para a dixitalización da Xustiza ascende a 7 millóns de euros, que permitirán avanzar na consecución do expediente dixital íntegro, así como nos medios e servizos de acompañamento á cidadanía e ás vítimas.

Uns servizos públicos dixitais

A transformación dos principais servizos públicos suma investimentos de máis de 50 millóns de euros.

No ámbito da educación, estes investimentos permitirán acadar en 2022 o obxectivo de que todo o alumnado entre primeiro de Primaria e segundo de Bacharelato dispoña de aulas dixitais, así como ampliar o uso do libro dixital e mellorar la conectividade dos centros.

O impulso da dixitalización dos servizos sociais permitirán poñer en marcha as primeiras medidas do novo Modelo Dixital de Atención Sociosanitaria no ámbito residencial, que inclúe a universalización no acceso por parte dos profesionais ao sistema de historia clínica electrónica.

Impulso para a dixitalización dos sectores económicos

Por outra banda, destinaranse 4,8 millóns de euros a iniciativas relacionadas co turismo e a Cultura, como a posta en marcha do modelo de Galiciana Semántica, o incremento dos contidos dixitalizados ou a ampliación do sistema de xestión do catálogo de patrimonio.

No ámbito do turismo, continuarase coa posta en macha do sistema de información baseado en big data, nas iniciativas de sensorización en recursos turísticos e no desenvolvemento de medios dixitais para as oficinas de turismo.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia xestionará preto de 12 millóns de euros ao Medio Rural e ao Mar para continuar co desenvolvemento de poxas electrónicas e trazabilidade a través de tecnoloxía blockchain para mercados como o da madeira ou os produtos do mar. Entre outras actuacións, tamén se porá en marcha un novo sistema de xestión para as explotacións agrarias.

Destinaranse, así mesmo, máis de 2 millóns de euros ao Plan e-mobility, con actuacións como a oficina virtual do transporte ou o uso da tecnoloxía big data para analizar os patróns da mobilidade.

Territorio intelixente, sostible e conectado

Os orzamentos de 2022 permitirán a posta en marcha do proxecto Territorio Intelixente, cunha dotación de preto de 8 millóns de euros. A Xunta disporá dunha plataforma con base cartográfica que permitirá unha xestión do territorio avanzada e con datos a tempo real.

Por outra banda, desenvolverase a plataforma dixital urbanística de Galicia para modernizar o proceso de tramitación dos instrumentos de planeamento entre todos os axentes implicados.

Reforzo das infraestruturas e conectividade

A Xunta de Galicia incidirá tamén en 2022 no fortalecemento das infraestruturas dixitais para garantir a dispoñibilidade dos servizos públicos. Entre as actuacións destaca a posta en marcha do novo Data Center de alta seguridade.

Tamén se reforzará a ciberseguridade co inicio da obra do Centro de Ciberseguridade de Galicia e a posta en marcha de novos servizos para as administracións, as empresas e a cidadanía.

Os orzamentos permitirán tamén financiar actuacións que complementan a competencia estatal de despregamento de redes. entre as que se atopan unha iniciativa para mellorar a cobertura móbil en zonas illadas da Comunidade e unha actuación para dotar de servizos de banda larga ultrarrápida e empresas que se atopan en zonas pouco comunicadas do rural, cunha dotación de 3,4 millóns de euros.

As partidas do marco de recuperación e resiliencia que son transferidas a Galicia polo Estado permitirán dedicar 2,8 millóns de euros á mellora da conectividade con banda larga en polígonos industriais e centros públicos, así como o apoio mediante bonos dixitais para a contratación de servizos de banda larga dirixidos a colectivos vulnerables.

As partidas dos fondos europeos dedicadas á mellora da cobertura, tanto de fibra como de 5G, serán xestionadas de xeito centralizado por parte do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través do Plan para a Conectividade e as Infraestruturas Dixitais e a Estratexia de Impulso ao Desenvolvemento das Tecnoloxías 5G.

Competencias e talento dixital

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia destinará 4,7 millóns de euros á posta en marcha do Marco Galego de Competencias Dixitais, que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2022. Estableceranse os mecanismo de formación e acreditación, nos que participarán entidades colaboradoras, e acometerase un plan de reforma e ampliación da rede de aulas CeMIT, como instrumento esencial para lograr o obxectivo de que en 2025 o 70 por cento da poboación teña competencias dixitais básicas.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS