main content

main content
31/10/202112:10
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

O uso de software libre nas empresas tecnolóxicas galegas segue a medrar, e xa son 9 de cada 10 as que optan por este tipo de produtos

  • O 90,6% das empresas TIC galegas emprega software libre, que aumentou a súa presenza un 3,9% nos últimos catro anos
  • O uso do software libre supera ao privativo no caso das aplicacións de “Xestión de contidos web” e nas “Aplicacións para a formación“.
  • Os produtos de software libre máis ofertados son: Servidor web, Xestión de contidos de portais e Software de escritorio
  • Un 46,8% das empresas TIC que vende produtos no campo do Big Data, oferta solucións libres desta tecnoloxía disruptiva

O uso do Software Libre mantén a súa tendencia de crecemento, que foi dun 3,9 % nos últimos catro anos e hoxe xa son 9 de cada 10 os que optan por estes produtos. En concreto, o 90,6% destas empresas empregan este tipo de software nos seus equipos informáticos. Segundo o ámbito xeográfico, o uso de solucións con licenza libre acada o seu valor máximo entre as empresas TIC situadas na provincia de Lugo (95%)

As aplicacións libres con maior implantación nas empresas TIC galegas seguen a ser: o navegador de Internet, as aplicacións ofimáticas e o xestor de correo. Non obstante, cabe salientar que o uso do Software Libre supera ao privativo no caso das aplicacións de “Xestión de contidos web” e nas “Aplicacións para a formación“.

Estes datos están extraídos do estudo sobre uso de Software Libre nas empresas TIC de Galicia no ano 2020, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

As empresas TIC galegas como provedoras de solucións libres

Os programas con licenza libre que máis distribúen as empresas TIC galegas que ofertaron produtos ou servizos de software son: Servidor web (33,1%), Xestión de contidos de portais e páxinas web (33%), Software de escritorio (31,7%) e Servidor de correo (30,7%)

Cabe salientar que a oferta de software libre supera ao privativo nos seguintes casos: Xestión de contidos de portais e páxinas web, e-commerce, Aplicacións de Traballo colaborativo, e-learning, Sistemas de desenvolvemento e Sistemas de información xeográfica.

Así mesmo, un 46,8% das empresas TIC que vende produtos no campo do Big Data, oferta solucións libres desta tecnoloxía disruptiva.

Respecto ao crecemento da oferta de cada un dos diferentes produtos relacionados co Software Libre, salientar especialmente o crecemento na oferta en Planificación de Recursos Empresariais, e-learning, e-Commerce e Xestión da relación cos clientes.

Debilidades e fortalezas do Software Libre

As principais razóns polas que as empresas TIC galegas non empregan Software Libre son a percepción da “Incompatibilidade cos sistemas ou interlocutores actuais” e a “Complexidade ou risco de cambio”, aínda que esta última percepción decreceu respecto a edicións anteriores do estudo.

Case a metade das empresas TIC galegas que non son provedoras de Software Libre, (49,1%), manifesta que non o fai porque non está na liña de negocio da empresa , se ben, cabe salientar que esta barreira descende un 10,4% respecto ao ano anterior.

Respecto ás fortalezas, os principais aspectos do Software Libre que valoran os clientes son o custo (79,6%), a independencia do provedor (52,5%) e a calidade e prestacións técnicas (35,4%).

Actuacións para o fomento do Software Libre

Desde a Amtega, estase a fomentar o Software Libre no ámbito empresarial a través das seguintes accións:

  • Xornadas demostradoras en colaboración co GaiásTech.
  • Posta a disposición das empresas de instancias de proba na nube de diferentes ferramentas de software libre, a través do GaiásTech Cloud.
  • Publicación dun boletín mensual con casos de éxito interesantes sobre ferramentas de software libre para empresas.
  • Publicación no portal Mancomún de entrevistas con empresas que implantaron unha solución de software libre con éxito.
  • Publicación de podcasts e artigos tecnolóxicos especializados para dar a coñecer as tecnoloxías de software libre nos ámbitos da ciberseguridade e intelixencia artificial
  • Colaboración coa Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) a través dun convenio para a realización de actividades de difusión e o fomento do uso de software libre entre as empresas galegas.

Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.gal.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS