main content

main content
29/09/202108:09
Vista cenital dunha muller usando un smartphone.
Santiago de Compostela

A Xunta e a Universidade de Santiago colaboran para mellorar a eficacia da administración pública con tecnoloxías intelixentes

  • A Consellería de Facenda e Administración Pública, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) asinaron un convenio para avaliar e mellorar a eficiencia dos procedementos administrativos
  • Os obxectivos do convenio son o de desenvolver un asistente virtual para os usuarios da sede electrónica da Xunta e aplicar as tecnoloxías intelixentes para mellorar os procedementos administrativos
  • Estas actuacións terán un orzamento de 482.600 euros

O desenvolvemento dun asistente virtual para as persoas usuarias da sede electrónica, así como a aplicación de tecnoloxías intelixentes para mellorar os procedementos administrativos, son os obxectivos do convenio de colaboración que acaba de ser asinado entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O convenio foi subscrito polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López. As actuacións contidas neste convenio implicarán un investimento de 482.600 euros.

Obxectivos do convenio

A través do convenio asinado, a Universidade de Santiago comprométese a desenvolver un asistente virtual baseado na minería de procesos para prestar axuda ás persoas usuarias da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Ademais, a través do grupo de ‘Sistemas Intelixentes’ do CiTIUS (Centro singular de Investigación e Tecnoloxías Intelixentes) e do grupo de investigación ‘Empresa e Administración’, a USC desenvolverá un cadro de mandos baseado en técnicas de extracción de analíticas e predicións de procesos para axudar na toma de decisións por parte dos xestores de procedementos administrativos.

E neste marco, desenvolverase tamén unha metodoloxía e guía de procedementos administrativos e técnicos para a implantación do asistente virtual de forma xeneralizada en todos os procedementos.

Experiencia piloto

Este convenio permitirá a realización dunha experiencia piloto do asistente virtual con seis procedementos administrativos. O asistente interactuará coas persoas usuarias mediante o teclado e, especialmente, a voz con tecnoloxía accesible. O obxectivo é proporcionar unha interacción natural, que permita achegar estas tecnoloxías a persoas e colectivos pouco habituados ou con dificultades no uso de dispositivos como teclado ou o rato e avanzar na redución da fenda dixital.

Tamén facilitará a realización dunha análise e experimentación coa finalidade de deseñar un modelo que posteriormente sexa posible aplicar na sede electrónica e nos procedementos administrativos da Xunta de Galicia.

Estratexia Galicia Dixital 2030

Esta actuación forma parte do Eixo Estratéxico primeiro da Estratexia Galicia Dixital 2030, para potenciar un “Goberno e Administración intelixentes”, así como do Eixo Estratéxico Transversal, que promove a especialización tecnolóxica centrada en reforzar as capacidades e infraestruturas dixitais de Galicia en tecnoloxías disruptivas, entre as que se atopan a intelixencia artificial e a intelixencia do dato.

Ademais, alíñase coa estratexia da UE para a consolidación dun modelo de regulación e de políticas que permitan o desenvolvemento e aproveitamento das tecnoloxías dixitais en favor da sociedade e a economía e, en concreto, coa Proposta de Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello polo que se establecen as normas harmonizadas en materia de intelixencia artificial.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS