main content

main content
10/09/202108:09
Presentación do Plan Dixital de Centro.
Santiago de Compostela

A Xunta lanza o Plan Dixital de Centro, dotado con 19M€ e a contratación de 80 docentes de apoio para fortalecer a transformación tecnolóxica das aulas

  • O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade presentou a primeira acción que forma parte da nova Estratexia Educación Dixital 2030
  • Román Rodríguez asegura que se vai producir un “salto cualitativo” no sistema educativo a través dun “cambio pedagóxico” con propostas específicas na especialización e na personalización da aprendizaxe
  • Créase a Rede Galega de Educación Dixital integrada por 78 centros de toda Galicia que darán apoio, asesoramento e mentorización ao conxunto de colexios e institutos con fin de que teñan plenamente operativo o seu Plan Dixital de Centro
  • O conselleiro explicou que os 80 docentes mentores terán dedicación completa e exclusiva para asesorar ao conxunto de colexios e institutos de Galicia
  • Todos eles formarán parte dos 26 Equipos de Apoio Dixital estruturados en 14 ámbitos xeográficos a razón de cinco na provincia da Coruña, dous en Lugo, dous en Ourense e outros cinco en Pontevedra
  • O uso do libro dixital por parte de 55.000 alumnos e a dotación en todos os centros de aulas virtuais sitúan a Galicia na vangarda da dixitalización de educación
 

A Xunta de Galicia vén de lanzar o Plan Dixital de Centro, a primeira acción enmarcada na recen aprobada Estratexia Educación Dixital 2030, cunha dotación inicial de 120M€ para os primeiros tres anos de aplicación, e que é a folla de ruta do Goberno galego para acadar a plena transformación tecnolóxica das aulas galegas nesta década.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, salientou que a Estratexia Educación Dixital 2030 supón “un salto cualitativo” para acadar o reto do coñecemento, da innovación e da transformación tecnolóxica das aulas, xa que introduce “un cambio pedagóxico” con propostas específicas para avanzar na especialización da educación e na personalización da aprendizaxe.

Pola sua banda, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, destacou que uns 55.000 alumnos de Galicia utilizan xa o libro dixital, con máis do 40% dos centros incluídos no programa EdixgaL. Os datos sitúan a Galicia na vangarda da dixitalización da educación. Todos os centros da Comunidade autónoma contan con aulas virtuais e están integrados na rede de videoconferencias docentes, con máis de 21.000 persoas usuarias de media e picos de ata 100.000 persoas usuarias nun día.

A estratexia contempla un conxunto de accións coordinadas e planificadas dirixidas ao conxunto dos membros da comunidade educativa que fan fincapé, sobre todo, na incorporación de estratexias docentes e novas técnicas pedagóxicas enfocadas á transformación dixital.

O conselleiro lembrou que algunhas desas accións, como o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, o desenvolvemento de accións STEM ou a introdución da Intelixencia Artificial xa están en marcha, mentres que agora se da un paso máis co Plan Dixital de Centro e a Rede Galega de Educación Dixital.

Mobilización de 19,2M€

Un dos instrumentos da Estratexia é o Plan Dixital de Centro presentado hoxe, e que está enfocado á mellora da competencia dixital da comunidade educativa no seu conxunto co fin de sacarlle o máximo rendemento ao uso das tecnoloxías dixitais aplicadas ao proceso de ensino-aprendizaxe na aula, e de conseguir que as escolas sexan organizacións educativas dixitalmente competentes.

A posta en marcha deste plan implica a mobilización de 19,2M€ por parte da Xunta, que tamén leva aparellado a creación da Rede Galega de Educación Dixital, o que supón -tal e como anunciou o conselleiro Román Rodríguez- a contratación de 80 docentes especialistas no ámbito dixital que acompañarán aos centros educativos no proceso de deseño, elaboración e implementación do seu Plan Dixital, que deberá estar totalmente operativo o vindeiro curso 2022-23.

Precisamente hoxe a Consellería publica no seu Portal Educativo a convocatoria para seleccionar os 78 centros que participarán nesta Rede e que exercerán de mentores para o conxunto dos centros sostidos con fondos públicos de Galicia.

É dicir, Román Rodríguez recalcou que os centros “non van estar sós neste proceso”, xa que contarán cun “acompañamento profesional e específico en todo momento” a través de 78 docentes “cunha dedicación completa e exclusiva a esta función”, a razón de un para cada un dos centros baixo a coordinación de dúas persoas da Consellería de Educación.

Á súa vez, estes 78 docentes estarán organizados en 26 equipos de atención dixital aos centros estruturados en 14 ámbitos xeográficos a razón de cinco na provincia da Coruña, dous na de Lugo, dous na de Ourense e outros cinco na de Pontevedra.

Fases do Plan Dixital

No que atinxe ao Plan Dixital de Centro, tal e como establece a resolución, que pode consultarse no Portal Educativo, no presente curso os centros deberán comezar coas primeiras fases de elaboración do seu propio Plan Dixital, cunha análise da situación real e de diagnose de debilidades, ameazas e fortalezas para a súa aprobación definitiva polos respectivos consellos escolares de cada centro a finais de curso e que o documento estea totalmente pechado para a súa aplicación efectiva no vindeiro curso 2022-23.

Conexión de 1Gbps en todos os centros educativos

A directora da Amtega lembrou que este curso está prevista a extensión a todos os centros educativos de Galicia a capacidade de rede de 1 Gbps. Nos últimos cinco anos multiplicáronse por cinco os centros que dispoñen xa deste servizo de moi alta velocidade.

A transformación dixital da educación galega implica uns investimentos de máis de 40 millóns de euros en equipamentos para o profesorado e os ciclos formativos.

Mar Pereira referiuse ao Eixo 2 da Estratexia Galicia Dixital 2030 que inclúe dous programas para o desenvolvemento das competencias dixitais e o impulso da educación dixital. Neste sentido, o último Consello da Xunta aprobou a Estratexia de Educación Dixital 2030 e o Decreto que desenvolve o marco galego de competencias dixitais.

Neste sentido, a directora da Amtega destacou o impulso que se está a dar ao avance da dixitalización da sociedade en xeral e da educación en particular que “verase reforzado cos fondos europeos e permitirá atender no marco dunha política dixital global para todo o sistema educativo galego as singularidade de cada centro, identificadas en base ao seu modelo educativo”.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS