Aberto o prazo de presentación de candidaturas ata o 2 de outubro para o “Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre 2021”. O acto de resolución do premio será o vindeiro 22 de outubro.
Pode presentarse calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, Traballo de Fin de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado nalgunha das convocatorias do ano académico 2020-2021.
O Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG) en colaboración co Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), convoca a XIV edición do Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre co obxectivo de fomentar e achegar as universitarias e universitarios galegos ao software libre e ás posibilidades de emprego que lles pode abrir a publicación ou colaboración con proxectos libres.
Toda a información sobre como participar está dispoñible na páxina do premio dentro do Portal Mancomún (https://www.mancomun.gal/premiopfc/). Ademais, para calquera consulta pode contactarse coa organización do premio na Oficina de Software Libre do CIXUG, ou na Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega.
As e os estudantes interesados en participar neste premio deben saber que os requisitos que deben cumprir estes traballos son: ter sido realizados cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación e ter publicado o software desenvolvido durante o proxecto cunha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Iniciative. Así mesmo, tamén poden participar proxectos que fagan uso de Hardware Libre.
Para participar neste premio as persoas interesadas deben seguir todos os pasos requiridos nas bases do premio antes do día 2 de outubro:
Unha vez finalizado o prazo de presentación de candidaturas, o xurado seleccionará os/as finalistas que deberán acudir ao acto de resolución do premio, que se celebrará o día 22 de outubro. Os/As finalistas deberán realizar unha breve presentación do traballo realizado no seu proxecto, facendo especial fincapé nos aspectos do seu proxecto relacionados co Software Libre, dos logros acadados, das perspectivas de futuro…
Este premio ten por obxectivo non só recompensar a un proxecto tecnicamente bo, senón a un bo proxecto baseado en software libre. Os criterios de valoración que terá en conta o xurado á hora de tomar a súa decisión son os seguintes aspectos:
O Premio ao mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre contará cunha dotación económica inicial de 1.500 € grazas á achega do Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG) no marco do convenio de colaboración asinado coa Amtega para o fomento e difusión do software libre.
Ademais, este premio vese ampliado cun segundo premio de 750 € grazas á colaboración da asociación GPUL.
Esta iniciativa enmárcase no Plan de Acción de Software Libre 2021 da Xunta de Galicia, dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do software de fontes abertas entre a cidadanía galega e en particular no estudantado universitario.