main content

main content
26/05/202115:05
Mans tecleando.
Vigo

A Xunta destaca en Vigo a súa aposta pola formación en competencias dixitais “flexible e continuada” ao longo da vida laboral das persoas traballadoras

  • A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, participou hoxe nun foro empresarial sobre formación profesional e emprego, onde expuxo as políticas que está desenvolvendo a Xunta neste ámbito e avanzou que se está a ultimar a Axenda Galega de Capacidades
  • Sinalou a importancia de que a formación para o emprego debe “camiñar da man” das demandas empresariais para continuar coa mellora do mercado de traballo
  • A Xunta inviste este ano máis de 72 millóns de euros á posta en marcha de diferentes programas de cualificación dirixidos a incrementar as oportunidades laborais dos galegos

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, ratificou hoxe en Vigo a aposta da Xunta pola formación para o emprego e a importancia da cualificación en competencias dixitais que, na súa opinión, ten que ser “flexible e continuada ao longo de toda a vida laboral das persoas traballadoras” para dar resposta ás demandas que vaia requirindo o mercado de traballo.

Lado, na súa intervención na clausura do foro empresarial sobre formación profesional e emprego, organizado pola Federación Autonómica de Centros de Ensino Privado de Galicia (CECE), expuxo as políticas que está desenvolvendo a Xunta no eido da formación para o emprego e sinalou a importancia de que esta cualificación camiñe da man das demandas empresariais que xurdan en cada momento para continuar coa mellora do mercado laboral.

Neste senso, a directora xeral avanzou que a Xunta está ultimando a Axenda Galega de Capacidades, que se porá en marcha en consenso cos axentes sociais e que permitirá cruzar as necesidades do mercado laboral coa formación.

A formación para o emprego é un eixo prioritario para a Consellería de Emprego e Igualdade. Galicia destina este ano máis de 72 millóns a diferentes programas neste ámbito -un 3,3% máis que en 2020- como son, entre outros, as unidades formativas na empresa ou a formación para ocupados e desempregados que inclúe cursos para 25.000 galegos. Dun lado, a Xunta está a investir 44,3 millóns de euros ata 2022 á formación de 16.600 persoas desempregadas e, doutra parte, o plan de formación para o emprego para persoas ocupadas conta cun investimento de 5,5 millóns de euros en dous anos para chegar a unhas 5.000 persoas. Outros 3.300 traballadores recibirán, ademais, cualificación en novas tecnoloxías e aptitudes ou habilidades brandas para atopar traballo ou mellorar as súas condicións.

A Administración autonómica, ademais, conta con programas mixtos de formación e colocación como son os obradoiros e os programas integrados de emprego, e na actualidade está activo o programa Autónomos Dixitais co que a Xunta formará en comercio electrónico ata finais de xuño e de xeito gratuíto a 1.200 traballadores e traballadoras por conta propia e aqueles que perderan o seu negocio como consecuencia da covid-19 e estean en situación de baixa no réxime de autónomos.

A Consellería de Emprego e Igualdade, así mesmo, conta co programa Son Executiva para formar en liderado, creatividade e empoderamento feminino a 400 mulleres galegas en cinco cidades de Galicia ata o ano 2022.

Recoñecemento da experiencia profesional

Lado, por último, referiuse ao procedemento do Recoñecemento da Experiencia Profesional (REXP) co obxectivo de acreditar a experiencia laboral dos galegos e galegas. Este ano ofértanse 1.209 novas prazas para un total de sete cualificacións: atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio; e en institucións sociais; socorrismo en espazos acuáticos naturais; e en instalacións acuáticas; operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural; vixilancia e seguridade privada; e servizos para o control de pragas. A directora xeral explicou que este procedemento, pioneiro en Galicia, ven realizándose desde 2011 e apuntou que ao longo das súas 14 convocatorias ofertáronse máis de 18.000 prazas, nun total de 19 cualificacións profesionais.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS