main content

main content
02/02/202107:02
Persoas usando portátiles.
Santiago de Compostela

O Plan de talento dixital de Galicia pon en marcha dez iniciativas para promover as vocacións tecnolóxicas e novos perfís dixitais

  • Máis dunha trintena de estudantes de ESO e Bacharelato participarán en talleres de robótica colaborativa, deseño e impresión 3D
  • Entre marzo e maio achegaranse sesións dixitais aos centros educativos galegos para dar a coñecer a importancia dos profesionais TIC e as oportunidades laborais neste eido
  • Desenvolverase o concurso de programación de videoxogos The North Codes dirixido a estudantes de primaria entre os meses de febreiro e maio
  • Un total 13 estudantes comezarán as súas prácticas non laborais en empresas TIC co programa de Bolsas DigiTalent

A Amtega e o sector TIC suman de novo esforzos para desenvolver no primeiro trimestre do 2021 unha decena de actuacións para avanzar no desenvolvemento de dous dos eixos estratéxicos do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent: as vocacións científico-tecnolóxicas e os novos perfís dixitais.

O fomento das vocacións científico-tecnolóxicas concentra ata cinco iniciativas. Da man de Televés, un total 30 estudantes de ESO e Bacharelato participarán nas instalacións desta empresa en Santiago de Compostela nunha serie de talleres en torno a robótica colaborativa ou a impresión 3D que achegarán aos asistentes ás novas tecnoloxías. O prazo de inscrición para as primeiras formacións técnicas é do 1 ao 10 de febreiro. Ademais, estudantes de bacharelato ou formación profesional poderán acompañar a traballadores desta empresa durante unha xornada de traballo co programa Mentoring Day, que ten dispoñibles tres prazas e cuxo prazo de inscrición vai do 1 ao 10 de mazo do 2021.

Contribuíndo ao mesmo obxectivo, a empresa Altia levará de novo o programa GenTech a centros educativos galegos co que se presentarán proxectos de base tecnolóxica en distintas sesións dixitais para dar a coñecer entre o alumnado a importancia dos profesionais TIC e as oportunidades laborais que existen actualmente. O prazo para inscribirse no programa GenTech xa está aberto e remata o 15 de febreiro do 2021.

Ademais de febreiro a maio, desenvolverase unha nova edición do concurso de programación The North Codes no que, por equipos, os mozos e mozas teñen que crear un videoxogo de aventuras utilizando a tecnoloxía Scratch. Os interesados en presentar os seus proxectos na web do concurso The North Codes poden facelo ata o 20 de maio.

Cabe destacar tamén neste eixo a nova convocatoria do programa de reforzo das competencias dixitais DigiCraft no teu cole dirixido a alumnos/as de 6 a 12 anos e que chegará ata a 200 novos centros.

Novos perfís dixitais

Para facilitar a adaptación de estudantes, titulados e profesionais á demanda de novos perfís dixitais darase continuidade ás actividades de sensibilización e asesoramento (talleres, concursos, premios, etc.) no marco de iniciativas lideradas pola empresa everis como a Cátedra de Transformación Dixital ou a Cátedra R de Ciberseguridade.

Coa iniciativa Altia Tech Day desenvolveranse ata o mes de xuño distintos workshops de tecnoloxías avanzadas aos futuros profesionais do sector (estudantes universitarios, escolas técnicas e centros de formación profesional) para potenciar o talento e completar a súa formación en tecnoloxías novidosas.

Ademais, darán comezo as Bolsas DigiTalent coas que 13 estudantes realizarán prácticas non laborais en empresas do sector tecnolóxico coa oportunidade de participar en proxectos relacionados con tendencias tecnolóxicas como Big Data, Cloud, ciberseguridade, IoT, blockchain, realidade aumentada, intelixencia artificial, etc.

Así mesmo, estase a desenvolver a II edición do Curso de Especialista en 5G, este ano en formato online, impulsado pola Amtega en colaboración coa a Universidade de Vigo e o operador público Retegal para a capacitación especializada e adaptada ás necesidades derivadas da futura extensión da tecnoloxía 5G a diferentes perfís profesionais do sector tecnolóxico.

Catálogo de actuacións DigiTalent

Toda a información sobre estas iniciativas así como do resto do catálogo DigiTalent, atópase dispoñible no espazo web https://digitalent.xunta.gal/gl, onde se irá publicando a información relativa aos detalles das actuacións (datas, localizacións e instrucións para a participación) a medida que estea dispoñible.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS