main content

main content
02/11/202012:11
Girl STEM.
Santiago de Compostela

AGASOL e Amtega lanzan a terceira edición do ciclo de conversas con mulleres referentes no ámbito dixital para impulsar as vocacións STEM

  • Debido a situación provocada pola pandemia, nesta ocasión serán conversas gravadas que se porán a disposición dos centros educativos e do público en xeral
  • Participan referentes como Rebeca Atencia (Primatóloga na Jane Goodall Foundation); Begoña Vila Costas (Astrofísica na NASA); ou Rocío Martínez Núñez (Investigadora con robots sobre a COVID 19 no King’s College en Londres).
  • Trátase da iniciativa GIRL STEM, enmarcada o Plan de Talento Dixital da Xunta, para incentivar a vocación das rapazas en estudos científicos e tecnolóxicos, onde as mulleres representan só un 29% das persoas matriculadas.
A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), lanzan este ano a terceira edición do programa 'GIRL STEM: derrubando estereotipos', enmarcado no Plan de Promoción do Talento Dixital da Amtega, que busca a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino representa un 29% do total de persoas matriculadas.
 
Este ano o programa transfórmase nunha acción totalmente dixital e pedagóxica para adaptarse ás circunstancias impostas pola covid-19, pero tamén para avanzar cara dinámicas máis eficaces que acheguen recursos cos que traballar de forma transversal nas aulas de todos os centros de ensino de Galicia.
 
'GIRL STEM: derrubando estereotipos presentará a partir de hoxe un total de seis conversas gravadas con mulleres referentes, que achegarán a súa experiencia ás máis novas, falando da súa traxectoria, clarificando dúbidas e contribuíndo a derrubar estereotipos. Ademais, AGASOL fará chegar aos centros de ensino galegos estas pílulas audiovisuais acompañadas de fichas didácticas, coas biografías das mulleres entrevistadas, a explicación do seu traballo e os proxectos que están a desenvolver. As conversas publicaranse tamén nas canles da Amtega.
 
Tamén se inclúen temas clave ou áreas coas que ten relación o seu perfil, cunha proposta didáctica que aposta por desenvolver estes contidos desde unha perspectiva transversal e multidisciplinar, e que pretende abrir debate nas aulas sobre a ausencia de referentes femininos; as desigualdades de xénero á hora de acceder a determinados traballos, carreiras e proxectos; e a importancia de considerar as carreiras STEM como unha opción de futuro na que as mulleres teñen que aumentar a súa participación dunha forma progresiva. 
 
O obxectivo é orientar e empoderar ás rapazas con experiencias inspiradoras para animalas a escoller, se o desexan, titulacións STEM. Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, Plan DigiTalent, impulsado pola Amtega para fomentar as vocacións tecnolóxicas entre o alumnado máis novo, especialmente nas rapazas.

Mulleres líderes en Ciencia e Tecnoloxía

Na selección das mulleres referentes tívose en conta a súa actividade profesional no ámbito dixital, valorando aspectos como a notoriedade da súa traxectoria, o seu liderado e participación en proxectos innovadores e habilidades para a motivación grupal.
  • Begoña Vila Costas é unha enxeñeira astrofísica natural de Vigo e está especializada no estudio de galaxias espirais. Estudou nas Universidades de Santiago de Compostela e Manchester, onde se doutorou, así como no Instituto de Astrofísica de Canarias. No 2016 recibíu o Premio “Logro Público Excepcional” da NASA e ao ano seguinte obtivo o Premio da Xunta de Galicia pola Unidade de Muller e Ciencia de Galicia, “María Josefa Wonenburger Planells”. O seu percorrido profesional abrangue dende a Axencia Espacial Canadense ata a NASA.
  • Rebeca Atencia naceu en Ferrol, estudou veterinaria na Universidade Complutense de Madrid. Traballou no centro de reprodución Help Congo onde coñeceu a Jane Goodall e dende 2012 dirixe o seu centro de rehabilitación de chimpancés de Tchimpouga. O Concello de Ferrol concedeulle o Premio 8 de marzo no ano 2019 en recoñecemento pola súa traxectoria profesional.
  • Dhaunae de Vir naceu nos Ancares, pero actualmente reside entre Estocolmo, Madrid e Londres traballando como desenvolvedora de negocio de proxectos transmedia para unha empresa de videoxogos. Á parte da vertente de negocio, a súa experiencia no transmedia abrangue deseño, produción e tradución de videoxogos, series, sitios web, xogos de rol e outros formatos a varias linguas. Produciu proxectos exitosos na industria cinematográfica, obtendo numerosos premios internacionais, incluíndo un premio BAFTA New Talent. O seu primeiro proxecto profesional na industria dos xogos de rol converteuse no segundo proxecto máis financiado en España en todas as industrias.
  • Rocío Martínez Núñez estudou Bioloxía na Universidade Complutense de Madrid, seguida dun doutoramento en Bioloxía Molecular e Inmunoloxía na Universidade de Southampton. Actualmente é profesora e investigadora no King’s College London na especialidade de regulación do ácido ribonucleico (ARN) en inflamación, enfermidades inflamatorias e, en especial, asma e infeccións respiratorias. Na crise da covid-19 conseguiu traer a España uns súper robots capaces de facer test PCR masivos. Tamén ten interese na área do Big Data.
  • Amparo Alonso Betanzos naceu en Vigo. É una enxeñeira química española e investigadora en intelixencia artificial. Tamén é catedrática e coordinadora do grupo de investigación LIDIA (Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial) no departamento de Ciencias da Computación da Facultade de Informática da Universidade da Coruña. En paralelo, continúa co seu labor investigador no Colexio Médico de Georgia (EEUU) e no departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. Foi a primeira española en recibir o premio internacional L´Oréal-UNESCO For Women in Science.
  • Susana Martínez-Conde é unha científica neuronal nada na Coruña. É catedrática de Oftalmoloxía, Neuroloxía, Fisioloxía e Farmacoloxía; e directora do Laboratorio de Neurociencia Integrada na Universidade do Estado de Nova York (SUNY). Doutorouse na USC para, a continuación, trasladarse aos EE. UU. a traballar xunto ao Premio Nobel David Hubel na Universidade de Harvard. Actualmente é profesora na Universidade Estatal de Nova York, no Centro Médico SUNY Downstate, onde dirixe o Laboratorio de Neurociencia Integrativa. Recibiu o EyeTrack Award polos seus estudos con pacientes de Parkinson, o Empire Innovator Award outorgado polo Estado de Nova York e o Premio 100 Españois.
  • Gisela Vaquero traballou na industria dos videoxogos durante máis de cinco anos. É licenciada en Comunicación Audiovisual, en Publicidade e Relacións Públicas e especializada en deseño e guión de videoxogos. É fundadora de Jellyworld Interactive, unha compañía que busca mellorar a igualdade de xénero mediante os videoxogos; é Presidenta da Asociación Women in Games España (WIGES).
  • Luz Castro Pena, nada en Ferrol, estudou Enxeñería Informática na Universidade da Coruña. Fundou a Plataforma polo Galego na Informática. É socia fundadora da empresa galega Imaxin Software e profesora na Facultade de Comunicación Audiovisual da UDC dende 2008. Foi vicepresidenta da asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e, dende 2012, é representante na Rede de Mulleres en Informática (MUIN). Tamén foi parte do comité directivo do Cluster TIC de Galicia e é cofundadora da Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos. Recibiu premios como o Eganet ao mellor ambiente de traballo para a súa empresa Imaxin Software e o Ada Byron do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS