main content

main content
19/10/202009:10
PassCOVID.
Santiago de Compostela

A Xunta lanza a aplicación PassCOVID, que ofrece información actualizada, avisos e alertas sobre a situación da crise sanitaria

  • De descarga voluntaria, permite coñecer as medidas e restricións que activen as autoridades sanitarias por concello
  • Facilita o envío de contactos estreitos ao Centro de Seguimento de Contactos e o acceso ás distintas plataformas de Sanidade para o seguimento dos casos positivos
  • Posibilitará o rexistro de establecementos a través de un código QR, de xeito que o usuario recibirá unha alerta en caso de concentración de contaxios nalgún dos locais rexistrados
  • PassCOVID complementa o labor de rastrexo automatizado de RadarCOVID con outras funcionalidades para seguir facilitando a colaboración cidadá na resposta á crise sanitaria

A aplicación PassCOVID está xa dispoñible desde hoxe para os dispositivos con sistema operativo iOS e en proceso de publicación para os móbiles con sistema operativo Android, coa previsión de que estea accesible para a súa descarga a principios de semana. De descarga voluntaria, a aplicación pode empregala calquera persoa que se atope en Galicia, sexa residente ou transeúnte. Conectada directamente co Servizo Galego de Saúde, PassCOVID é un instrumento de apoio á xestión da pandemia e unha canle de contacto telemática cos cidadáns.

Con esta aplicación Galicia suma unha nova ferramenta dixital para facilitar a colaboración cidadá na resposta á crise sanitaria. Así, ao labor de rastrexo automatizado que realiza a app estatal RadarCOVID, PassCOVID engade múltiples funcionalidades como ofrecer información actualizada da situación da pandemia; facilitar a comunicación de contactos estreitos en caso de ser confirmado positivo; acceso ao código alfanumérico para introducir en RadarCOVID e alertas de establecementos nos que se rexistren concentración de contaxios.

Información

As persoas que descarguen PassCOVID poderán optar por facelo como usuarios identificados, empregando o sistema de claves concertadas Chave 365, ou facelo de xeito anónimo. En función do perfil que elixan a información que recibirán será máis ou menos personalizada.

Calquera usuario da aplicación terá acceso a información sobre a situación da pandemia en toda a Comunidade e poderá seleccionar o concello do seu interese para estar ao tanto das restricións ou medidas que se adopten nese municipio. Ademais, todos os usuarios recibirán alertas, avisos e recomendacións que as autoridades sanitarias emitan sobre a evolución da covid-19.

Situación epidemiolóxica do cidadán respecto á covid-19 e declaración de contactos estreitos

A persoa que se identifique empregando a Chave 365 recibirá información sobre se foi identificado como contacto estreito ou diagnosticado da covid-19. Neste caso, poderá informar a través da app dos contactos estreitos ao Centro de Seguimento de Contactos do Sergas. Tamén recibirá no móbil o código para introducir en RadarCOVID e iniciar a comunicación a posibles contactos de proximidade que permite esa aplicación.

Neste labor de apoio á xestión da crise, a app facilita tamén o acceso ás ferramentas do Sergas para o seguimento da enfermidade en pacientes en domicilio; dos contactos estreitos así como ao rexistro de viaxeiros para aquelas persoas que chegan á Comunidade procedentes dunha zona de alta incidencia do virus.

Rexistro en establecementos

Para facilitar a xestión temperá de posibles contactos en establecementos PassCOVID permitirá ao usuario rexistrar, a través dun código QR, aqueles establecementos nos que estivese.

No caso de que a autoridade sanitaria determine que nun establecemento concentrouse un número de contaxios relevante nunha data ou datas concretas, poderá enviar un aviso á PassCOVID. Se un usuario da app estivo nese local e o rexistrou debidamente, recibirá un aviso da situación e as instrucións adecuadas.

Ademais, se a persoa é diagnosticada de covid-19, poderá compartir co Servizo Galego de Saúde a súa listaxe de establecementos e así colaborar coa xestión da pandemia. Esta funcionalidade irase activando progresivamente, comezando polos establecementos turísticos, que poderán descagarse o código QR a través da plataforma Turespazo.

Toda a información relativa a PassCOVID está dispoñible no portal passcovid.xunta.gal.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS