main content

main content
04/05/201808:05
Portada do estudo.

O 90% dos internautas galegos considera necesario dispor de máis información sobre ciberseguridade

  • O primeiro estudo da Xunta sobre a seguridade e confianza dixital nos fogares galegos analiza o coñecemento da sociedade neste ámbito
  • Máis do 38% dos galegos desconfían da seguridade en Internet, o menor grao de confianza rexistrado no conxunto do Estado
  • Preto da metade dos usuarios recoñece ter sufrido incidentes de seguridade na Rede e a maioría están concienciados coas principais medidas de seguridade
  • O 69,1% dos internautas en Galicia emprega algún tipo de ferramenta ou software de seguridade
  • O 77,2% dos galegos que emprega Internet limitou o seu perfil ou contidos nas redes sociais
  • Un 40,2% só se conecta a redes WIFI seguras distintas á do seu domicilio
 
A ciberseguridade preocupa aos galegos e o 90% considera recomendable ter máis información para navegar de xeito seguro pola rede. Esta é unha das principais conclusións do primeiro estudo “Ciberseguridade e confianza dixital nos fogares galegos. Edición 2017”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
 
O obxectivo deste informe, o primeiro deste tipo que realiza a Administración autonómica, é analizar o coñecemento en materia de ciberseguridade na sociedade galega.
 
 
O menor grao de confianza rexistrado en España 
O 38,2% dos internautas galegos confían pouco ou nada en Internet. O grao de confianza dos galegos que navegan a través da Rede é o menor dos rexistrados en España, situándose 5,5 puntos porcentuais por debaixo da media española.
Ademais un 28,9% está moi preocupado pola privacidade en Internet e amósase preocupado ante a posibilidade de que as súas actividades en Internet poidan ser gravadas por outras persoas ou empresas.
 
 
Preto da metade sufriu incidentes de seguridade en Internet 
O 47,4% dos internautas galegos declararon ter sufrido algún incidente coa seguridade en Internet no último ano. Os virus son os incidentes máis habituais (36,9%), seguidos pola perda involuntaria de información (12%).
 
Un dos riscos asociados aos incidentes de ciberseguridade é facilitar información de carácter persoal a través de Internet. Neste senso, cabe salientar que un 67,2% dos internautas galegos facilitaron voluntariamente información de contacto (dirección, número de teléfono ou correo electrónico) e un 60,7% proporcionaron datos persoais (número do documento de identidade, data de nacemento...). Ademais, catro de cada dez internautas (43,9%) facilitaron detalles de pago (por exemplo, número de tarxetas de crédito ou de contas bancarias).
 
 
A importancia das medidas de seguridade e privacidade
O 69,1% dos internautas galegos empregaron algún tipo de software ou ferramenta de seguridade. A diferenza coa media española (71,8%) é de tan só 2,7 puntos porcentuais, aínda que en termos globais, sitúa aos internautas galegos nos últimos postos en canto ao uso de medidas de ciberseguridade.
 
Entre as medidas de seguridade e privacidade adoptadas polos internautas galegos, cabe salientar a denegación de permiso de información persoal para fins publicitarios (78,9%) e a limitación do perfil ou contidos das redes sociais (77,2%). Ademais, máis da metade dos internautas galegos (51,1%) realizan regularmente copias de seguridade da súa información persoal.
 
No caso concreto das medidas de seguridade aplicadas nos teléfonos móbiles ou tablets, o recurso de protección máis empregado polos internautas galegos é o uso do PIN de desbloqueo (81,6%), seguido a moita distancia polo uso da pegada dixital ou datos biométricos (23%).
 
A desconfianza ante os posibles perigos da navegación ou uso de Internet, tamén incide nas redes WIFI ás que se conectan. Así, un 40,2% dos internautas galegos verifica que as redes WIFI distintas á do seu domicilio cumpre cuns requisitos mínimos de seguridade e só se conecta a redes WIFI con seguridade.
 
En relación ás cookies, información enviada por sitios web que se almacena nos equipos dos usuarios e recaban información deles, un 64,1% dos internautas galegos manifesta que coñece as cookies, dos cales, máis da metade indicou que directamente deixou de navegar polos sitios web que empregan cookies.
 

A ciberseguridade e a confianza dixital nos fogares galegos. Edición 2017

10/11/201713:11
Portátil executando un entorno de programación.

A Xunta destaca a importancia da ciberseguridade para protexer os servizos públicos e xerar un clima de confianza nos usuarios

  • A directora da Amtega e o director xeral de Emerxencias e Interior participaron hoxe na inauguración da Xornada Intelixencia e Ciberseguridade

 

A transformación dixital converteu a ciberseguridade nun elemento inherente ao funcionamento de empresas e institucións, que precisan perfís cun alto grao de especialización para implementar os seus plans de seguridade. Estes e outros retos neste eido centran a xornada Intelixencia e Ciberseguridade, que se celebra hoxe na Coruña e en cuxa inauguración participaron a directora da Amtega, Mar Pereira, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor.   

A responsable da política tecnolóxica da Xunta sinalou que a Administración autonómica busca “ofrecer máis e mellores servizos dixitais pero tamén dinamizar o seu uso, xerando un clima de confianza, que require da colaboración conxunta de gobernos, corpos e forzas de seguridade e sector tecnolóxico”.

 

Alta demanda de perfís especializados

En 2016 o Instituto Nacional de Ciberseguridad (Incibe) contabilizou 115.000 incidentes informáticos a empresas e particulares en España, un 130% máis que os 50.000 rexistrados o ano anterior. Esta estatística sitúa a España como o terceiro país máis atacado do mundo, tras Estados Unidos e Reino Unido. Para afrontar esta realidade, as organizacións públicas e privadas precisan de perfís cun alto grao de especialización difíciles de atopar.

A Unión Europea calcula que en 2025 haberá unha carencia de 825.000 perfís tecnolóxicos, que continuará aumentando se non se toman as medidas para paliala. Desde a Xunta apóstase pola colaboración conxunta entre administracións, universidades e sector TIC para captar talento tecnolóxico.

 

Adaptación ao novo Regulamento Europeo

Un dos retos actuais para empresas e administracións públicas é a adaptación ao novo Regulamento Europeo de Protección de Datos, que entrará en vigor en maio de 2018.  Esta lei que incorpora novos dereitos para os cidadáns como o dereito ao esquecemento, o consentimento expreso ou a portabilidade dos datos e implica un maior compromiso das organizacións públicas e privadas coa protección de datos.

A Administración autonómica está a abordar este proceso no marco do Plan Director de Seguridade TIC da Amtega. Nos dous últimos anos as medidas deste Plan incrementaron a capacidade de prevención, detección e reposta ante incidentes de seguridade e facilitaron unha maior colaboración cos corpos e forzas de seguridade do Estado, achegando información de valor para axudar na investigación de posibles de delitos relacionados co ciberespazo. O Plan incide ademais na concienciación dos empregados públicos, cuxa implicación é fundamental no proceso transformación dixital da Administración.

29/09/201709:09
Comisarios da Comisión Europea presentando as directrices.

A Comisión Europea insta aos xigantes da Internet a pór medidas contra os contidos ilícitos en liña

A Comisión Europea presentou as súas directrices e principios aplicables ás plataformas en liña para potenciar a prevención, detección e eliminación proactivas de contidos ilícitos na Rede que inciten ao odio, a violencia e o terrorismo, xa que supoñen unha grave ameaza para a seguridade e a protección dos cidadáns europeos e socavan a confianza dos cidadáns no contorno dixital.

O vicepresidente responsable do mercado único dixital, Andrus Ansip, declarou que «as nosas orientacións inclúen medidas de salvagarda para evitar a eliminación abusiva e garantir a transparencia e a protección de dereitos fundamentais como a liberdade de expresión», e mentres que a comisaria de Xustiza, Consumidores e Igualdade de Xénero, Vera Jourová, salientaba que Facebook, Twitter, Google e Microsoft acordaron o código de conduta, se a autorregulación non é dabondo a Comisión actuará. De feito, a comisaria de Economía e Sociedade Dixitais, Mariya Gabriel, criticou a pouca efectividade das actuacións destas compañías na actualidade, xa que «en máis do 28% dos casos as plataformas en liña tardan máis dunha semana en suprimir os contidos ilícitos».

A proposta da Comisión inclúe instrumentos para, de xeito proactivo e dilixente, detectar, eliminar e previr a reaparición dos contidos ilícitos en liña, de xeito que deberán cooperar coas autoridades nacionais competentes, facilitar aos usuarios mecanismos que permitan alertar da existencia dos contidos ilícitos e investir en tecnoloxías de detección automática; a eliminación dos contidos deberá realizarse o antes posible (no futuro analizarase o establecemento de prazos fixos) aínda que tamén haberá que introducir garantías que eviten a eliminación abusiva; e as plataformas deberán adoptar medidas para disuadir aos usuarios de publicar de xeito reiterado os contidos ilícitos (para o que instan á adopción de ferramentas automáticas que impidan a reaparición de contidos eliminados anteriormente).

A Comisión vixiará a aplicación destes principios para avaliar se hai que crear medidas adicionais e a necesidade de establecer medidas lexislativas que complementen o actual marco regulador.

08/06/201713:06
Cartel da xornada.

A directora da Amtega lembra que a ciberseguridade é unha das prioridades da Axenda Dixital de Galicia 2020

  • Destacou que as actuacións do Plan Director de Seguridade TIC 2015-2020 permitiron incrementar a capacidade de prevención, detección, resposta e recuperación da Administración ante este tipo de ameazas
  • Indicou que o incremento da seguridade na rede é prioritario para xerar confianza no uso dos servizos dixitais por parte de cidadáns e empresas

 

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Xunta (Amtega), Mar Pereira, destacou hoxe que o incremento da seguridade na rede é unha das prioridades da Axenda Dixital de Galicia 2020, que se plasma no Plan Director de Seguridade TIC 2015-2020. A máxima responsable da política tecnolóxica autonómica inaugurou hoxe en Santiago a II Xornada de Ciberseguridade de Galicia, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Informática (CPEIG).

Pereira sinalou que os ciberataques xeran un dobre prexuízo, o que causan directamente aos afectados e o clima de desconfianza que xeran na cidadanía respecto do uso de medios electrónicos. Neste sentido, a directora da Amtega afirmou que aínda que os ataques informáticos non se poden evitar ao 100%, cada vez existen máis servizos e ferramentas  para minimizar o máximo posible o seu impacto. Por iso, engadiu, a ciberseguridade é un aspecto imprescindible a ter en conta en calquera tipo de organización pública ou privada e tamén no ámbito persoal.

 

Seguridade na rede e confianza dixital

A directora da Amtega afirmou que o Plan Director de Seguridade da Xunta, que conta cun investimento de 11 millóns de euros en 5 anos, é folla de ruta para protexer os servizos públicos dixitais fronte a este tipo de ameazas e crear un clima de confianza para xeralizar o seu uso por parte de cidadáns e empresas.

No marco do Plan estanse a desenvolver una serie de actuacións, tanto técnicas e operativas como organizativas e formativas, que permitiron aumentar as capacidades de prevención, detección e reposta ante incidentes de seguridade.

Estas medidas permiten, tamén, unha mellor colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, achegando información de valor para axudar na investigación de posibles delitos relacionados co ciberespazo.

 

Colaboración

Nun proceso de dixitalización intensivo, como o que se está a desenvolver a nivel mundial,  as infraestruturas tecnolóxicas que garanten o funcionamento de servizos públicos convértense en infraestruturas críticas e a ciberseguridade nun elemento clave de seguridade nacional. Mar Pereira incidiu en que incrementar a seguridade require da acción conxunta dos diferentes Gobernos, dos corpos e forzas de seguridade, e tamén da colaboración estreita do sector tecnolóxico.

 

21/10/201608:10
Logo CCN Cert

Como usar o noso móbil de forma segura e evitar ciberataques

  • O CCN-CERT publica o seu informe de Boas Prácticas CCN-CERT BP-03/16 cun decálogo de seguridade cos principais puntos a ter en conta.
  • España, un dos países cunha maior penetración de teléfonos intelixentes, é un dos máis afectados polo crecente número de ataques, cada vez máis complexos e sofisticados.
  • O documento ofrece un conxunto de pautas e recomendacións para mitigar posibles ataques, dando a coñecer as técnicas e os recursos máis utilizados polos atacantes para conseguir infectar un dispositivo móbil ou obter información persoal da vítima.

Actualizar sempre o sistema operativo e as aplicacións do dispositivo móbil (que deberían descargarse sempre de fontes de confianza), realizar copias de seguridade periódicas do contido que se desexa protexer, evitar conectarse a redes Wi-Fi públicas abertas e rexeitar permisos innecesarios nas apps son algunhas das principais recomendacións que o Centro Criptolóxico Nacional (CCN) realiza no seu Informe CCN-CERT BP-03/16 Boas Prácticas en Dispositivo móbiles recentemente publicado.

O documento, o segundo dunha serie de informes destinados a un público xeral que busca concienciar e facilitar o uso seguro das tecnoloxías da información e as comunicacións, céntrase precisamente nun dos segmentos nos que se observa un maior incremento no número de ataques e de roubo de información e, pola contra, menor percepción de perigo teñen os seus usuarios. Máxime, tendo en conta que os dispositivos móbiles son utilizados tanto nas comunicacións persoais, como nas profesionais, privadas e relevantes, e para o almacenamento e intercambio de información sensible.

A maior parte dos exemplos do Informe fan referencia ás dúas plataformas máis utilizadas nestes momentos: Android (Google) e iOS (Apple) e nel pódense atopar epígrafes dedicados á pantalla de bloqueo, as comunicacións a través de USB, a actualización do sistema operativo e das aplicacións, o cifrado do dispositivo móbil, as copias de seguridade ou a xestión remota do dispositivo.

CCN-CERT BP-03/16 inclúe ademais un apartado sobre as capacidades de comunicación inalámbricas, as aplicacións móbiles (apps) ou outras recomendacións de seguridade de carácter xenérico (tanto desde o punto de vista corporativo como persoal) xunto cun decálogo de recomendacións.

Comunicado CCN-CERT (20-10-2016)

Acceso ao Informe

16/06/201613:06
I Xornada de Ciberseguridade de Galicia

A directora da Amtega sinala que o incremento da seguridade na rede é prioritario para xerar confianza no uso dos servizos dixitais

  • Mar Pereira inaugurou hoxe a I Xornada de Ciberseguridade de Galicia, organizada polo Colexio de Enxeñaría en Informática
  • Destacou que a Xunta está a desenvolver as actuacións do Plan Director de Seguridade TIC 2015-2020 para incrementar a capacidade de prevención, detección, resposta e recuperación da Administración ante este tipo de ameazas

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Xunta (Amtega), Mar Pereira, inaugurou hoxe a I Xornada de Ciberseguridade de Galicia, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Informática (CPEIG). A máxima responsable da política tecnolóxica autonómica destacou que o incremento da seguridade na rede é unha das prioridades da Axenda Dixital de Galicia 2020 para protexer os servizos públicos dixitais fronte a este tipo de ameazas e crear un clima de confianza para xeralizar o seu uso por parte de cidadáns e empresas.

Pereira sinalou que os ciberataques xeran un dobre prexuízo, o que causan directamente aos afectados e o clima de desconfianza que xeran na cidadanía respecto do uso de medios electrónicos. Neste sentido, a directora da Amtega afirmou que aínda que os ataques informáticos non se poden evitar ao 100%, si se poden poñer os medios para minimizar o máximo posible o seu impacto. Por iso, engadiu, a ciberseguridade é un aspecto imprescindible a ter en conta en calquera tipo de organización pública ou privada e tamén no ámbito persoal.

Seguridade na rede e confianza dixital, liñas estratéxicas da ADG2020
Mar Pereira lembrou que a Axenda Dixital de Galicia 2020 afonda e amplía ao traballo que vén realizando a Administración autonómica no relativo á seguridade TIC, a través da  Política de Seguridade da Información da Xunta de Galicia e do Sector Público Autonómico e do Plan Director de Seguridade TIC da Amtega 2015-2020, aprobados ambos o pasado ano.

No marco deste Plan, a Amtega está a desenvolver una serie de actuacións, tanto técnicas e operativas como organizativas e formativas para as que conta cun investimento de máis de 11 millóns de euros en cinco anos.

As actuacións operativas en marcha permitiron aumentar as capacidades de prevención, detección e reposta ante incidentes de seguridade. Estas medidas permiten, tamén, unha mellor colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, achegando información de valor para axudar na investigación de posibles de delitos relacionados co ciberespazo.
A nivel organizativo, constituíronse órganos colexiados coa responsabilidade do goberno dos aspectos relacionados seguridade da información, con participación de tódalas consellerías da Xunta de Galicia, a Asesoría Xurídica e Amtega, xa que a seguridade da información non é un aspecto unicamente técnico e é necesario elevar esta cuestión a niveis directivos das organizacións. O Plan Director de Seguridade TIC inclúe tamén accións de formación e concienciación para usuarios dos sistemas de información.

Colaboración
Nun proceso de dixitalización intensivo, como o que se está a desenvolver a nivel mundial,  as infraestruturas tecnolóxicas que garanten o funcionamento de servizos públicos convértense en infraestruturas críticas e a ciberseguridade nun elemento chave de seguridade nacional. Incrementar a seguridade require da acción conxunta dos diferentes Gobernos, dos corpos e forzas de seguridade, e tamén da colaboración estreita do sector tecnolóxico. protexer os servizos públicos dixitais fronte a este tipo de ameazas e crear un clima de confianza para xeralizar o seu uso por parte de cidadáns e empresas.

13/06/201610:06
Cartel da I Xornada de Ciberseguridade en Galicia.

Expertos en Ciberseguridade danse cita en Compostela nunha xornada organizada polo CPEIG

A seguridade e a privacidade son dous grandes retos aos que se enfrontan a cidadanía e as administracións

Un amplo elenco de expertos en ciberseguridade daranse cita en Santiago de Compostela o vindeiro 16 de xuño convidados polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), baixo o patrocinio da firma Emetel e a colaboración de Abanca e Ackcent. Mediante a “I Xornada de Ciberseguridade en Galicia. Protexendo os nosos Activos”, o colexio profesional conecta co reto da seguridade e a privacidade, unha das principais preocupacións de usuarios e administracións.

A asistencia ao encontro é aberta, previa inscrición no correo electrónico eventos@cpeig.gal e terá lugar no Centro Abanca Obra Social, na praza de Cervantes, en Santiago de Compostela.

 

Programa

A xornada comezará ás 10 da mañá cunha benvida institucional na que participarán o presidente do CPEIG, Fernando Suárez; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; o director xeral de Emetel, Manuel Lago; e Roberto Baratta, Global Executive VP and director of Loss Prevention, Business Continuity and Security de Abanca.

A continuación, ofrecerase uha serie de relatorios a cargos dos seguintes expertos: Francisco García Morán, chief IT advisor da Comisión Europea; Daniel Fírvida, IT security analyst, CEH, GCFA&CISSP do Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe); e Gianluca D’Antonio, director de Seguridade da Información e Riscos Tecnolóxicos do ISMS, Asociación Española para o Fomento da Seguridade na Información.

Despois dun descanso, celebrarase a mesa redonda "Ciberseguridade, retos diante da nova ameaza", moderada por Roberto Baratta e na que intervirán Guillermo Llorente, subdirector xeral de Seguridade e Medio Ambiente de Mapfre; Román Ramírez, fundador de Roote, responsable de Seguridade en Arquitecturas, Sistemas e Servizos de Ferrovial; e Fernando Picatoste, leader of Security Practice de Deloitte España.

Ás 13 horas terá lugar unha nova mesa redonda baixo o epígrafe de "As empresas galegas no novo contexto tecnolóxico", moderada por Domingo Olmos, chief sales officer de Ackcent e expresidente do Colexio Oficial de Enxeñaría Informática de Cataluña (Coeinf). Intervirán Andrés Tarascó, socio fundador de Tarlogic Security e director da área de Ciberseguridade, especialista en seguridade informática e hacking ético; Rafael Ave, director adxunto de Emetel; e Carlos Eloy López Blanco, xerente de Tecnoloxía e Contornos Colaborativos de Estrella Galicia.

O peche da xornada está previsto ás 14 horas coa intervención de Domingo Olmos, Fernando Suárez, Roberto Baratta e Francisco García Morán.

 

87% das pemes afectadas

Segundo os datos que manexa o CPEIG, de acceso a través dos medios de comunicación, o 93 por cento das grandes organizacións e o 87% das pemes tiveron unha fenda de ciberseguridade no último ano. O tempo medio de reacción tras un ataque informático é, a nivel mundial, de 256 días.

Os atacantes informáticos profesionalizáronse e os expertos alertan de que a súa motivación xa non é técnica nin intelectual, senón económica e política. Trátase dun risco global que pode ter gravísimas consecuencias para a economía ou a seguridade da cidadanía, alerta o CPEIG.

Con máis de 70.000 ciberincidentes, España foi o ano pasado o terceiro país do mundo, tras Estados Unidos e Reino Unido, que máis ataques sufriu. Non se trata só dun dano virtual, senón físico en coches, dispositivos médicos, fábricas, redes eléctricas e de comunicacións, etc.

En opinión do CPEIG, a resposta vai máis alá da tecnoloxía, require un enfoque multidisciplinar, e unha estreita colaboración de gobernos e empresas que cómpre reforzar. Xornadas como a que convoca o CPEIG, fortalece ese enfoque máis amplo.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS