Ribeira, máis en detalle o Parque Natural de Corrubedo, acolleu hoxe a presentación dunha iniciativa tecnolóxica que ten moito que ver (precisamente) coa conservación do noso medio natural. Mellor dito: coa conservación do medio a través da súa promoción e divulgación no dixital. A iniciativa foi dada a coñecer pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), impulsoras da mesma. Consiste na dixitalización, este ano, dos sete parques naturais galegos, o Parque Nacional das IIlas Atlánticas e catro aulas da natureza. A isto cómpre engadir importantes melloras na web de Galicia Natural e Única e na aplicación dos parques.
En total, o proceso abranguerá 11 espazos de incalculábel valor medio ambiental para equipalos con solucións tecnolóxicas innovadoras e facilitar aos visitantes o acceso información sobre rutas, servizos, patrimonio, flora e fauna de cada parque ou aula dun xeito lúdico e atractivo.
O programa foi presentado no complexo dunar de Corrubedo (nun acto no que participaron a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e a directora da AMTEGA, Mar Pereira), por ser este enclave costeiro o primeiro dos once espazos previstos por intervir. Segundo fixeron saber, os traballos de dotación TIC fornecidos no complexo de Ribeira inclúen entre outras cousas recursos como un videowall con contidos dixitais e unha mesa interactiva con 30 fichas que describen a fauna e flora proxectando a información gráfica e textual de cada ficha nun videowall.
A listaxe de espazos dixitalizados complétase coas Fragas do Eume, O Invernadoiro, A Serra da Enciña da Lastra, A Baixa Limia-Serra do Xurés e O Monte Aloia, amais do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e as catro aulas da natureza da nosa terra.
Durante a presentación desta iniciativa, Mar Pereira lembrou que os traballos insírense nas actuacións da Axenda Dixital de Galicia 2020, a folla de ruta do Goberno galego para consolidar a dixitalización de servizos públicos, e sectores estratéxicos para Galicia. A directora de AMTEGA engadiu que a iniciativa abordouse “dun xeito integral e cun enfoque global”, que permitise facela evolucionar nun futuro, de aí que incluíuse para a súa elaboración e desenvolvemento unha análise previa das necesidades e das posibilidades de cada un dos 11 espazos. Este estudo, dixo, determinou a dotación do equipamento máis axeitado a cada caso cun mesmo obxectivo: ofrecer información sobre os servizos, rutas, flora e fauna de cada parque e aula da natureza dun xeito más atractivo, lúdico e en soportes audiovisuais e interactivos.
O equipamento tecnolóxico
Entre os traballos a desenvolver salienta unha plataforma de contidos que permite que cada parque xestione a súa información que se proxecta ben a través de videowalls, pantallas informativas ou mesas interactivas. Segundo fixeron saber Medio Ambiente e AMTEGA, o proxecto incorpora tamén solucións de realidade aumentada ou gafas de realidade virtual, amais dun especial coidado nos elementos que garanten a accesibilidade dos contidos dende outras canles, como o portal Galicia Natural e Única (http://galicianaturaleunica.xunta.gal) e a aplicación dos parques.
Por certo que no marco deste proxecto, tanto a web Galicia Natural e Única como a dita ferramenta móbil ofrecen xa novas versións. Así, o novo portal amplía os seus contidos incluíndo información de todos os parques, reservas da biosfera e espazos naturais de Galicia baixo a etiqueta “espazos imán”. Pola súa banda, a app dos parques naturais de Galicia, dispoñíbel en iOS e Android, posibilita o selado dixital do Pasaporte Natural ao activar a localización do dispositivo móbil cando se visitan os parques.
Tal e como destacou a conselleira, coa nova app de Galicia Natural e Única lévase a cada dispositivo móbil unha nova experiencia para gozar plenamente en primeira persoa a experiencia de visitar os "espazos imán", identificados no Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia. Estes espazos son os parques galegos así como o monumento natural da Praia das Catedrais, as zonas de especial protección dos valores de Carnota- Monte Pindo, Canóns do Sil; as Reservas da Biosfera de Terras do Miño, Área de Allariz, Os Ancares lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá, o Río Eo, Oscos e Terras de Burón; a Reserva Transfronteiriza Gerés- Xurés, as Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e a Serra do Courel.
Premios para os visitantes
Co gallo de afondar aínda máis na defensa do patrimonio natural que atesouran os parques da nosa terra e máis na súa visualización, o Goberno galego premiará os esforzos dos visitantes que se achegan a estes espazos medio ambientais; polo que se concederán tres premios ás tres primeiras persoas que completen o pasaporte dixital. Dito galardón consistirá nunha experiencia natural a elixir entre as distintas actividades ecoturísticas e aloxamento nos parques naturais de Galicia, unha oferta extensa e variada que ofrece, aloxamentos de turismo rural, experiencias de restauración, visitas guiadas, rutas fotográficas ou ornitolóxicas, actividades que combinan o deporte e o turismo, a través do senderismo, ciclismo, equitación ou ben saídas en barco, kaiak, paddle surf ou paddleboard; ademais de visitas a covas, aldeas ou adegas. Para ampliar a información destas experiencias ecoturísticas pódese consultar a web: http://galicianaturaleunica.xunta.gal/es/experiencias-naturais.