A pasada fin de semana no marco do TEDxGalicia, Chus Prol, a xestora de Doutroxeito Coworking, deu conta da pasada celebración da Compostela Mini Maker Faire en Área Central, adiantando que este evento de reivindicación da cultura Maker reformularase este ano deixando o ámbito local para dirixir a vista a toda a comunidade galega, de xeito que teremos unha Maker Faire Galicia.
O novo evento vén de abrir a súa inscrición, para que os interesados en realizar obradoiros, espectáculos ou outras actividades Maker poidan manifestar o seu interese nesta cita que terá lugar no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia entre os días 1 e 2 de outubro.
Tras o éxito do anterior encontro Maker é de esperar que estamos ante unha interesante feira da innovación galega que contribuirá a dar visibilidade a un xeito de facer as cousas no que a colaboración, o coñecemento aberto e as inquedanzas por aprender e experimentar con novas tecnoloxías abren unha chea de oportunidades para o emprendemento e a creación, de xeito que tanto poderemos atopar aplicacións artísticas ou artesanais, como iniciativas empresariais, servindo este tipo de eventos para facilitar tamén a creación de sinerxías entre os profesionais que avogan pola cultura Maker.
Tamén está aberta a inscrición a voluntarias e voluntarios para o apoio na preparación e desenvolvemento da Maker Faire Galicia.