main content

main content
07/03/201914:03
startups R DiCo Challenge.
Santiago de Compostela

Unha vintena de iniciativas compiten para acceder á aceleradora de contidos dixitais startups R DiCo Challenge

  • O programa enmárcase nas actuacións do Plan de impulso aos contidos dixitais, Dico Mindset da Amtega
  • Esta mañá celebrouse na sede da Axencia o “Pitch Day”, evento no que os vinte preseleccionados defenderon as súas propostas para algún dos cinco retos lanzados en decembro
  • Nos vindeiros días daranse a coñecer os 5 finalistas que completarán o programa de aceleración cun espazo propio na Cidade da Cultura
  • Entre as candidaturas hai startups e emprendedores, pequenas e medianas empresas e mesmo algún centro tecnolóxico e universitario
  • O programa startups R_DiCo Challenge enmárcase nas actuacións do plan de impulso aos contidos dixitais, Dico Mindset


As 20 iniciativas preseleccionadas para o acceder ao programa da aceleradora startups R DiCo Challenge defenderon esta mañá as súas candidaturas no denominado “Pitch Day”, unha xornada na que expuxeron a utilidade e viabilidade das súas propostas para algún dos cinco retos lanzados polo programa. A apertura do encontro, celebrado na Cidade da Cultura, correu a cargo da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, o director de Innovación e Desenvolvemento de Produto de R e do Grupo Euskaltel, Javier Rodríguez Gil e o director de Innovación da CRTVG, Xosé Pereira.
 
Mar Pereira, lembrou que “startups R Dico Challenge se enmarca no Plan Dico Mindset para promover o sector dos contidos dixitais en Galicia; unha estratexia impulsada dende a Administración Autonómica en colaboración co Clúster TIC e do Audiovisual de Galicia para configurar un sector de contidos dixitais galego máis potente, maduro e competitivo, que neste momento aglutina arredor de 900 empresas con preto de 5.400 empregados”. 

Pola súa banda, o director de Innovación de R e do Grupo Euskaltel, salientou que “é unha satisfacción chegar a este punto de desenvolvemento do programa e poder concretar, dentro de pouco, que cinco ideas, das 20 que hoxe participan na xornada de ”pitching”, pasan definitivamente á fase de aceleración. Hai moito potencial e variedade de proxectos polo que auguramos que a decisión do comité non será doada”. 

Xosé Pereira, director de innovación da CRTVG, que promove un dos retos, incidiu en que “a CRTVG debe apostar pola innovación e participar activamente na transformación dixital do sector audiovisual galego. Acordos coma este van nesta boa dirección e esperemos que haxa moitos máis”. 

Ao longo da mañá, e divididos en dúas quendas, os vinte participantes foron expoñendo as súas propostas nun máximo de 5 minutos, tempo de que dispuxeron para explicar, defender e convencer das vantaxes da aplicación da súa idea e do modelo de negocio que teñen previsto para desenvolvela. 


Cinco finalistas
Nos vindeiros días coñeceranse os 5 emprendedores e/ou empresas escollidos para pasar á fase de aceleración do programa de startups R DiCo Challenge durante catro meses (marzo-xullo). Os elixidos terán á súa disposición cadanseu mentor e a axuda económica da Amtega para afrontar os gastos cotiáns durante o desenvolvemento dos proxectos. Tamén poderán utilizar en todo momento o espazo startups R habilitado no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura con este fin, traballarán man a man con R, terán acceso á súa infraestrutura e modelo de negocio e beneficiaranse do uso das instalacións e a visibilidade derivada de camiñar a carón do operador galego durante este tempo. 

Ademais, R converterase nun potencial primeiro cliente e nun trampolín orientado a outras saídas comerciais ao mercado. Os que desenvolvan o reto lanzado pola CRTVG contarán, pola súa banda, cun mentor da entidade e cos seus medios e infraestruturas. A primeira edición de startups R DiCo Challenge pecharase cunha xornada “Demo Day” a finais deste verán, onde os cinco participantes mostrarán os avances acadados. 

 

Plan Dico Mindset
O programa startups R_DiCo Challenge enmárcase no Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia (DICo Mindset), que ten entre os seus obxectivos establecer colaboracións entre empresas para abordar retos tecnolóxicos e definir novos contidos audiovisuais que poidan rendibilizarse noutros mercados, ademais de lograr a visibilidade necesaria para o sector. 

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS