A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Fundación Vodafone, poñen en marcha un programa formativo con preto de 50 actividades-talleres en diversas localidades con aula CeMIT destinadas a introducir principalmente ás persoas maiores no manexo dos teléfonos móbiles "intelixentes" e das tablets, así como nos seus diferentes usos e aplicacións.
Estas actividades chegarán a 23 aulas da Rede que ofertan máis de 500 prazas libres e gratuítas distribuídas entre os meses de marzo a novembro. Cada un dos centros CeMIT que participan nesta iniciativa dispoñerá de diversos terminais telefónicos e de tablets para facilitar a aquelas persoas que non dispoñan deles o seu manexo. Ademais, os participantes recibirán uns manuais en papel que recollerán dunha forma visual sinxela as operacións básicas (acender, chamar, gardar números, etc) así como exemplos de aplicacións básicas e de interese para diferentes colectivos.
As aulas implicadas dispoñerán, tamén, dunha serie de vídeo pílulas formativas breves e moi prácticas que servirán de material de apoio audiovisual á hora de formar dunha maneira fácil e á medida da persoa interesada.
As persoas interesadas na asistencia a estas iniciativas formativas poderán consultar as súas datas de realización e formalizar a súa inscrición na páxina web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), onde tamén poderán atopar os datos de contacto de cada unha das aulas para resolver as dúbidas que poidan xurdir.
As vantaxes que ofrece o uso destes terminais tecnolóxicos para as persoas maiores son innumerables en aspectos relacionados coa súa seguridade (xeolocalización, teleasistencia...), a posibilidade de gozar novas formas de lecer (lectura, música, libros, xogos, turismo, museos, monumentos, cultura, gastronomía, TV...), maior relación cos demais (redes sociais, intercambio de fotos e vídeos, mensaxería por Internet...), un acceso máis rápido a información (noticias e prensa en liña...), aplicacións de servizos xerais (accesibilidade, administración electrónica, m-saúde), en calquera lugar e a calquera hora.