A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia vai poñer en marcha o Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia, DICO Mindset, aprobado no último Consello da Xunta. A estratexia define actuacións en tres eixos: o reforzo do capital humano, o desenvolvemento de proxectos tractores e o fomento da competitividade dixital para configurar un sector de contidos dixitais galego máis potente, maduro e competitivo, que neste momento aglutina en torno a 900 empresas con preto de 5.400 empregados.
Proxectos tractores
Desde a Administración autonómica impulsaranse iniciativas en diferentes ámbitos, que ademais de dar resposta a demandas concretas, buscan ter un efecto de estímulo para o sector.
Entre os proxectos previstos a Amtega colaborará coa CRTVG para incorporar tendencias interactivas nas súas emisións, avanzando no posicionamento da televisión pública autonómica nos novos hábitos de consumo de contidos con tres liñas de actuación:
Con estas iniciativas darase un paso máis na adaptación da oferta da televisión pública autonómica á experiencia de usuario que esixe a audiencia, incorporando as posibilidades de interactividade, personalización e especialización que facilita o contexto dixital e internet.
Ademais, en colaboración co sector audiovisual e o sector TIC crearase un centro de produción de contidos dixitais e dentro da iniciativa de Memoria Dixital apostarse pola aplicación da innovación tecnolóxica a todo o ciclo de vida de preservación, xestión e promoción do patrimonio cultural galego.
Capital humano dixital: mellora das capacidades dos profesionais do sector
As actuacións deste eixo céntrase en facilitar o acceso á formación do capital humano vinculado ao sector dos contidos dixitais para que conten coas ferramentas necesarias para afrontar procesos de renovación e reorientación empresarial.
Para iso apostarase pola xeración e atracción de talento a través de programas de bolsas para prácticas non laborais; formación específica para directivos como o Programa AceleraTIC para construír un perfil directivo no sector que manexe o dixital desde un punto de vista estratéxico e a convocatoria de actividades divulgativas orientadas a que os máis novos se orienten profesionalmente cara ao eido dos contidos dixitais.
Colaboración e competitividade dixital
As actuacións deste eixo buscan establecer colaboracións entre empresas, que permitan abordar retos tecnolóxicos e definir novos contidos audiovisuais que poidan rendibilizarse noutros mercados.
A través do programa DICO Challenge, porase en marcha unha aceleradora de contidos dixitais, na que unha empresa tractora presentará retos e demandas ao sector para súa resolución.
Facilitarase o acompañamento ás pemes do sector dos contidos dixitais co programa ReAcciona Digital Content, que presentará un catálogo de servizos que permita ás empresas deste perfil a incorporación ao seu proceso produtivo de novas tendencias tecnolóxicas.
Para facilitar o acceso ás novidades neste ámbito prevese a posta en marcha dun centro de análise e vixilancia das tendencias tecnolóxicas, en colaboración cos Clústers TIC e Audiovisual, que favoreza e fomente o contacto e a transferencia de coñecemento entre os axentes do ecosistema dos contidos dixitais.
Orzamento
A execución do Plan obedece a unha filosofía de coordinación e colaboración entre distintas entidades do ámbito público (Amtega, Igape, CRTVG, Agadic, etc.), que se estende tamén aos actores do ámbito privado (Clúster TIC, Clúster Audiovisual, empresas tractoras, etc.). En total, DICO Mindset conta cun investimento de máis de 13 millóns de euros, dos que máis de 1,6 millóns de euros se corresponden con capital privado, no período 2018-2020.