A Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS), no marco das súas actividades como aliado do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 da Amtega, ofrece o seu segundo ciclo formativo sobre o manexo de móbiles e tablets.
Este segundo itinerario formativo, que comezará o próximo 8 de setembro e rematará o 20 de outubro leva por título “Usa as novas tecnoloxías para unha madurez máis activa e positiva” e está destinado a persoas cun nivel de uso básico das novas tecnoloxías.
Os contidos están orientados a sacar o maior proveito ao uso habitual da tecnoloxía mediante o descubrimento de novas aplicacións ou funcionalidades (video dixital, compra a través de internet, relacións coa administración, aplicacións para viaxes, para coidar a saúde ou a compartición de contidos nas redes sociais)
Nesta quenda as actividades chegarán a 16 aulas da rede CeMIT, que ofertan preto de 300 prazas en total, e cuxa inscrición figura aberta na web https://cemit.xunta.gal.
As aulas nas que poderán seguir calquera destas 7 actividades son: Arzúa, Bande, Beariz, Betanzos, Boborás, Celanova, Cuntis, Fisterra, Marín, Oroso, Padrón, Sada, San Sadurniño, Santa Comba, Valga e Vilanova de Arousa. Os seminarios impartiranse presencialmente desde unha aula CeMIT, de forma rotatoria, e poderán seguirse por videoconferencia nas restantes aulas.
Para anotarse nestas charlas, de hora e media de duración cada unha delas e de carácter gratuíto, é recomendable poñerse en contacto co responsable da aula CeMIT ou inscribirse a través de internet, cara a reservar praza para acudir ás sesións presenciais.
Estrutura dos seminarios
Os seminarios realizaranse todos os venres comprendidos entre o 8 de setembro e o 20 de outubro (7 xornadas), en horario de 11:00 a 12:30 horas, presencialmente nunha aula CeMIT e seguíndose nas demais aulas CeMIT por videoconferencia.
O alumnado disporá dun soporte titorial que realizará FEGAUS, a través dos seus titores online, de forma que tras finalizar cada un dos seminarios poidan acceder a máis información relativa aos contidos da materia tratada, que se incorporará na plataforma de teleformación coa que conta a rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal/ema), así como á resolución de dúbidas como nun curso online tradicional.
Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 - Aliad@s Dixitais
FEGAUS é un dos 700 aliados dixitais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), ao que se poden adherir como tales aquelas empresas e entidades interesadas en participar no desenvolvemento da sociedade dixital en Galicia no marco da súa responsabilidade social empresarial, mediante a achega de recursos financeiros, humanos ou, como neste caso, de coñecemento.
O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.
Esta estratexia, impulsada pola Administración autonómica estase a desenvolver en colaboración cos axentes do ecosistema dixital, o que permite sumar capacidades, recursos e iniciativas e conseguir un efecto multiplicador das actuacións.