A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) Alfredo García, presentaron esta mañá en Santiago a terceira convocatoria do Programa CeMIT-Innova.
Esta iniciativa, enmarcada no Plan de Inclusión Dixital de Galicia, impulsa proxectos colaborativos de base tecnolóxica a través da rede de aulas CeMIT para superar desafíos sociais da súa contorna local. Na presentación desta terceira edición de CeMIT-Innova participaron un centenar de persoas de concellos, empresas TIC e non TIC, entidades de acción social, asociacións culturais e aulas pertencentes a Rede CeMIT.
Mar Pereira destacou o papel da Rede CeMIT como unha das ferramentas esenciais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia, en cuxo desenvolvemento a Amtega conta coa colaboración da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) xunto con colexios profesionais, universidades, empresas, entidades do terceiro sector e voluntarios e voluntarias dixitais.
Pereira lembrou que a rede CeMIT leva impartidas desde 2011, ano no que se puxo en marcha, máis de 237.700 horas de formación en TIC en diferentes niveis. Actualmente, conta con máis de 64.600 usuarios rexistrados e este ano o obxectivo é superar os 65.000 usuarios, impartir máis de 35.000 horas de formación e organizar 2.500 actividades.
A directora da Amtega agradeceu o traballo e a implicación das 18 aulas que participaron nas dúas anteriores edicións de CeMIT-Innova e que desenvolveron propostas innovadoras para a mellora da empregabilidade e a inclusión social da cidadanía e dentro dela, de colectivos en risco de exclusión, o envellecemento activo, a promoción económica, a mellora do acceso a coñecementos tecnolóxicos e a participación cidadá.
Terceira convocatoria
As actuacións previstas para este ano, terán un prazo máximo de execución de 9 meses. Do 23 ao 31 de marzo abrirase a convocatoria de inscrición dos proxectos piloto, que se resolverá na primeira semana de abril. A partir do día 10 de abril as aulas CeMIT seleccionadas terán 7 meses para o deseño e execución dos proxectos piloto seleccionados.
A novidade deste ano é a convocatoria do I Concurso de Innovación Social Dixital: Premio Son Dixital que recoñecerá a orixinalidade e carácter innovador e creativo do proxecto de innovación social dixital presentado, así como o número e calidade de resultados tanxibles. O premiado coñeceranse a finais de ano nun acto de presentación de resultados das iniciativas desenvolvidas.
Balance
O Encontro de presentación da terceira convocatoria serviu para facer balance do realizado ata agora e unha mesa de experiencias expuxo a visión máis estratéxica e analítica do que estes proxectos están a supoñer, a través das iniciativas desenvolvidas nos concellos de Ourense, A Bola e Pontedeume.
A xornada completouse coa participación de Juan Freire, experto en Innovación cidadá e cultura dixital, co-fundador de varias empresas e actualmente, colaborador activo en varios proxectos empresariais, relacionados coa aprendizaxe o emprendemento, a tecnoloxía e o pensamento crítico e creativo.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), impulsada pola Amtega, está integrada por 98 aulas, presentes en 92 municipios e 53 comarcas. O seu obxectivo é promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar, a pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.