O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, presentou onte un programa piloto que mellorará a atención á parada cardiorrespiratoria fóra dos centros sanitarios mediante a coordinación dunha rede de voluntarios que a través dunha aplicación móbil enviará unha notificación cando se produza un suceso deste tipo nun lugar público da súa contorna. “Os voluntarios poderán auxiliar á persoa que sufre a parada mentres non chegan os servizos sanitarios”, sinalou Feijóo.
Este proxecto piloto comezará a desenvolverse en Santiago, en colaboración coa Sociedade Española de Cardioloxía e a Cruz Vermella de Galicia. Nun primeiro momento, os participantes no programa serán os membros da rede de voluntarios da Cruz Vermella, pero o obxectivo é crear un rexistro de persoas formadas en soporte vital básico, listas para seren activadas. Esta información cruzarase co Rexistro de desfibriladores externos de Galicia.
“Este programa é un dos 11 que está a coordinar o 061 para mellorar a xestión das emerxencias sanitarias”, dixo Feijóo. Entre eles están a formación aos escolares galegos en técnicas de reanimación cardiopulmonar, a creación dun rexistro nacional da morte súbita a nivel prehospitalario e proxectos de investigación para determinar o xeito no que se deben ensinar manobras de soporte vital aos rapaces en idade escolar.
O presidente da Xunta en funcións lembrou que de entre todas as situacións de emerxencia, a parada cardiorrespiratoria é aquela onde unha atención rápida e eficaz pode marcar máis a diferenza. Neste tipo de situacións, a dispoñibilidade inmediata de desfibriladores e voluntarios, que é o que se quere mellorar con este programa, é imprescindible para salvar a vida e minimizar as secuelas.
Esta iniciativa enmárcase nas que se están levando a cabo a través dos programas Innova Saúde e Hospital 2050, que buscan seguir modernizando a Sanidade pública galega. Ademais deste proxecto, impúlsanse outros como a aplicación móbil de localización e guiado de pacientes que presentamos a semana pasada.