A Xunta e a Fegamp abordaron hoxe os pasos para avanzar nas medidas paliativas impulsadas pola Administración autonómica para mellorar a cobertura de telefonía móbil en Galicia, das que se beneficiarán 290 núcleos de 65 concellos. Na xuntanza, na que participaron a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, concretouse o Plan de Actuación que deberán seguir os municipios nos que se realizarán as actuacións.
Este Plan contempla a presentación dun proxecto por parte dos concellos, que inclúe a posta á disposición da Xunta das parcelas nas que o operador público Retegal construirá as torres de telecomunicación, os permisos correspondentes e a execución das acometidas eléctricas. A Administración autonómica, a través de Retegal, xa iniciou en colaboración cos concellos os traballos de campo para identificar os terreos dos futuros emprazamentos.
De feito, a día de hoxe máis do 97% dos concellos enviaron datos de contacto a Retegal para iniciar o proceso de validación do proceso e desde Retegal se lles trasladaron as áreas de busca máis apropiadas para as parcelas. Máis do 30% dos concellos enviaron xa unha proposta de terreos para situar as torres de telecomunicación e o 85% destas propostas xa recibiron unha validación previa.
Esta actuación comezaba en 2019 coa sinatura dun convenio entre a Axencia e a Fegamp que permitiu identificar as carencias de cobertura móbil en todos os concellos que se adheriron ao programa. Tras solicitar á Comisión Europea autorización para realizar esta actuación a Xunta adxudicaba o pasado mes de decembro a primeira liña de axudas para extensión de telefonía móbil aprobada por Europa a Vodafone. O operador ofertou a mellora da cobertura na totalidade dos concellos adheridos ao programa que cumpriron cos requisitos establecidos. En total, 290 núcleos de 65 municipios das catro provincias galegas.
A Xunta e a Fegamp tamén abordaron na xuntanza a situación da cobertura móbil en Galicia e comparten a diagnose en relación ao impacto que teñen a dispersión no despregamento das redes de telecomunicacións. Neste sentido, ambas entidades coinciden na necesidade de que o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación dixital teña en conta este criterio no desenvolvemento do Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión (UNICO).
A Xunta ten trasladado ao Goberno do Estado esta necesidade en diferentes ocasións así como a modificación do actual Servizo Universal de Banda Ancha co obxecto de incluír, non só un incremento da velocidade do acceso fixo a internet nos fogares que é de tan só 1 Mega, senón tamén a cobertura móbil de internet e voz.
O último dato dispoñible, de mediados de 2020, sinala que o 72,2% dos galegos, dispoñen de cobertura de redes de máis de 100Mbps, fronte ao 54,8% do ano 2014. A cobertura incrementouse en case un 32% dende 2014, grazas aos despregamentos derivados do Plan de Banda Larga 2014 con 81 millóns de euros de Fondos Feder, xestionados pola Administración autonómica e do Plan de Banda Larga da Xunta 2020, con 18,6 millóns de euros de Fondos Feader, como actuación complementaria ao Programa Estatal de Extensión de Banda Larga de Nova Xeración. Desde 2015 o Estado xestiona directamente os Fondos Feder para a extensión da Banda Larga.
Agora o Estado ten en marcha o Programa ÚNICO con máis de 4.000 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTP), do que o Ministerio xestionará o 91% e Galicia recibirá o 0,4% para desenvolver un conxunto de actuacións predefinidas polo Goberno do Estado.
É preciso continuar a mellorar a cobertura e tecnoloxía das redes móbiles para que o 5G estea dispoñible para todo o territorio de Galicia. Por iso a Xunta tamén solicita ao Goberno de España que os proxectos de despregamentos de 5G ao amparo dos dos Fondos PRTP se descentralicen nas comunidades autónomas para gañar axilidade e acadar unha mellora adaptación das actuacións ás necesidades de cada territorio.