main content

main content
18/11/202110:11
Plano nadir dunha persoa camiñando.
Santiago de Compostela

A Olimpíada Informática Galega 2022 celebrarase o 4 de febreiro, organizada polo CPEIG en colaboración coas Universidades da Coruña, Santiago e Vigo

  • A Facultade de Informática da UDC, a Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC e a Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo serán as sedes do certame
  • O concurso xa ten a pre-inscrición aberta na web https://oig.gal/ para estudantes de secundaria, bacharelato ou grao medio
  • O vindeiro venres iniciaranse os adestramentos para os participantes 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coas tres universidades galegas –Universidade da Coruña (UDC), Universidade de Santiago (USC) e Universidade de Vigo (UVigo)– organizan a Olimpíada Informática Galega 2022 (OIG 2022) que se celebrará o vindeiro 4 de febreiro.

A OIG 2022 desenvolverase de xeito presencial, sempre que a situación sanitaria o permita, e de maneira simultánea en tres sedes: A Coruña, Santiago e Ourense (Facultade de Informática da UDC, Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC e Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo). 

Os participantes na Olimpíada Informática Galega deberán resolver unha serie de problemas mediante unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. Na OIG permítese o uso de C++, Python ou Java. Os problemas da olimpíada soen centrarse no deseño correcto e eficiente de algoritmos.  

Este concurso de programación está orientado a estudantes de ensinanza secundaria, bacharelato e grao medio (ou equivalente). Permitirá seleccionar a dous representantes galegos para que participen na Olimpíada Informática Española, que se celebrará en abril de 2022. De aí, os gañadores poderán acceder á Olimpíada Informática Internacional, que se celebrará en agosto de 2022 en Indonesia. A inscrición a cada unha das sedes aínda non está aberta, pero si está aberta unha pre-inscrición que dará preferencia para a elección de sede na inscrición final.

Ademais, o próximo venres, 26 de novembro, dará comezo un curso de preparación para os participantes da OIG 2022, formación organizada pola academia Leagues of Code. O curso, de carácter gratuíto grazas a un acordo establecido coa Olimpiada Informática Española (OIE), permitirá aos inscritos nesta olimpíada galega adestrarse para o campionato durante varias semanas. É apto para todos os niveis, mesmo para os participantes que xamais programasen e non saiban de linguaxes de programación. O curso contará cunha proba de nivel, e en función do seu resultado o alumno será asignado a un grupo adaptado aos seus coñecementos previos. 

A formación comporase de clases e exercicios semanais. As clases serán a través de Zoom durante as fines de semana. Trataranse os algoritmos e estruturas de datos e usarase o C++ como linguaxe de programación. Os exercicios semanais serán través da plataforma Codeforces para aprender a escribir un código propio e resolver problemas interesantes. 

Máis información: https://oig.gal/. Contacto: informacion@oig.gal

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS