O Concello de Vilar de Santos (Ourense) vén de levar a cabo unha serie de importantes avances en materia de tecnoloxías, transparencia e participación. Estas melloras, que responden ao Plan de Modernización Dixital posto en marcha hai uns meses, abranguen a modernización da web municipal e máis a implantación local da Administración Electrónica. O obxectivo xenérico do Concello é “fomentar a transición do modelo analóxico ao dixital co horizonte de 2018”, incorporando novos servizos e impulsando a xestión interna municipal. A orixe deste Plan está no convencemento de que as TIC e a Internet son “unha ferramenta fundamental para axilizar e dotar de maior eficiencia a relación que mantemos cos novos veciños e veciñas”.
Respecto á modernización e actualización do portal web, abrangueu a adopción dun novo formato, adaptado e adaptable, cunha maior presenza nos dispositivos móbiles e nas redes sociais cara ao novo dominio, vilardesantos.gal, que xa está operativo. Segundo informou o Concello, grazas ás melloras aplicadas “poderemos compartir directamente os contidos en calquera aplicación social”, gozando, no que ao portal se refire, “dun deseño máis moderno, limpo, contidos máis accesibles e con capacidade para adaptarse a calquera dispositivo de navegación”. Ademais, o sitio tamén permite crear novos apartados “dun xeito máis doado de cara a adaptarse con maior axilidade ás necesidades informativas e de comunicación do Concello”.
Os traballos de actualización e optimización, levados a cabo pola empresa Ainet, deixan marxe ampla para a inclusión de novos servizos e funcionalidades e para ficar “en permanente actualización”. Ademais, a estrutura da nova web persegue estruturar os contidos en función do interese de quen a visite.
O novo portal, a maiores, incorporará unha aplicación municipal que arestora atópase en fase de probas e que se prevé estea operativa en xaneiro. Esta ferramenta, en palabras do Goberno local, permitirá non só acceder a contidos de interese, senón tamén comunicar de xeito electrónico ao Concello todo tipo de incidencias e consultas sobre cuestións como avarías de auga, saneamento, alumeado público, camiños, mobiliario urbano, etc.
A outra gran novidade da web, como dixemos, é a incorporación do novo servizo da Administración Electrónica, co que se pretende “dar cumprimento ás esixencias e normativas legais actuais e futuras”. O Concello comunicou que irá introducindo de maneira paulatina este servizo nos seus procedementos. Dentro deste proceso estase abrindo a sede electrónica (vilardesantos.sedelectronica.gal/info.0), que será “o punto de referencia para as xestións administrativas online coa Administración local, de información e de transparencia municipal”. O obxectivo é acadar “unha Administración sen papel, baseada nun funcionamento que non só sirva mellor aos principios de eficacia e eficiencia, de aforrar custos, senón que tamén reforce as garantías dos veciños nas xestións coa administración: simplificando e facilitando os procedementos con transparencia, en calquera momento e desde calquera lugar con acceso a Internet”.
Este proceso iniciouse no mes de agosto para implantar a Administración Electrónica na actividade diaria e os servizos municipais, coa plataforma Gestiona e a necesaria formación e acompañamento do persoal dos diferentes servizos municipais, ademais da adquisición de novos equipos.