O Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio (CEIN) de DXC Technology, en colaboración coa axencia autonómica AMTEGA e a empresa madeireira FINSA, convoca a quinta edición do desafío Hackathon Big Data & Analytics. Será os días 16 e 17 de abril de 2021 na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela. A cita, que se celebra dende 2017, forma parte das iniciativas do Plan Digitalent da dita axencia galega, dirixido a promover vocacións tecnolóxicas.
Segundo confirmaron as entidades organizadoras facendo balance dos éxitos previos, o número total de participantes das catro edicións anteriores supera o centenar, incluíndo analistas, investigadores, universitarios, emprendedores e persoas con inquietudes tecnolóxicas relacionadas co análise de datos, a estatística, o aprendizaxe automático, o Big Data e a Intelixencia Artificial.
Nesta edición o desafío a resolver e o conxunto de datos que o acompañan serán proporcionados pola empresa galega FINSA, dentro das súas iniciativas no marco de Industria 4.0. FINSA, empresa de referencia no sector da transformación da madeira en Europa, é impulsora na busca e desenvolvemento de solucións analíticas para optimizar os seus procesos industriais. As anteriores edicións dos hackathons organizados polo CEIN estiveron vencellados a ámbitos tan dispares como o estudo da mobilidade dentro de centros comerciais, a análise das redes sociais dos xogadores do equipo de baloncesto CAB Obradoiro, o estudo de datos medioambientais para mellorar a calidade de vida da cidadanía ou o desenvolvemento de ferramentas de apoio á toma de decisións para afeccionados e profesionais do mar e dos deportes acuáticos.
O obxectivo desta edición é “atopar e premiar o desenvolvemento de modelos de predición vencellados á industria no ámbito de operacións”. A participación está limitada a 30 participantes. A inscrición pódese facer a través da Rede na web do evento, ben de xeito individual ou en grupos de ata cinco persoas.
Un formato novo
As entidades organizadoras lembran que tradicionalmente o hackathon levábase a cabo en dúas xornadas: o venres as 17.00 horas facíase unha presentación, por parte do director do CEIN, e tras ela arrincaba una sesión de traballo ata as 20.00 horas que continuaba o sábado a partir das 9.00. Amais, tras un xantar conxunto de todos os participantes, a partir das 18.00, cada equipo presentaba a súas solucións e o xurado avaliaba e seleccionaba aos gañadores.
Desta volta, en función da situación provocada pola COVID, as actividades serán adaptadas ao estado no que se atope a Comunidade nese momento e serán anunciadas na web do evento. Os premios divídense en dúas categorías: mellor solución global e mellor proposta de valor. Os gañadores serán elixidos por un xurado multidisciplinar formado por profesionais do CEIN e de FINSA.