main content

main content
15/03/201708:03
Logo DepoEmprega.

DepoEmprega mete nas redes sociais aos colectivos en risco de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra, a través do seu programa DepoEmprega, vai organizar dous obradoiros este mes de marzo para contribuír á inserción laboral e social das persoas desempregadas da provincia. Os talleres, moi centrados nas TIC, están destinados a 60 persoas (dos concellos de Bueu, Cangas, Poio, Pontevedra e Vigo) de colectivos en risco de exclusión, abranguéndose cidadáns con diversidades funcionais ou, tamén, mulleres vítimas da violencia machista. Entre outras cousas, forneceránselles recursos e coñecementos sobre como preparar un encontro cun axente empregador ou sobre como tirar o máximo proveito das ferramentas tecnolóxico-dixitais.

A primeira das accións, A entrevista de traballo, impartirase os vindeiros 14 e 15 de marzo, na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo (na que participarán 31 persoas) e no salón de actos do edificio administrativo da institución provincial, en Pontevedra (con 29 persoas participantes), respectivamente, de 10:00 a 12:00 horas. Neste obradoiro, sinala a entidade que preside Carmela Silva, “prestaráselle atención ao xeito de preparar unha entrevista, a como comportarse durante esta, a coñecer as preguntas que se poden realizar no seu desenvolvemento e, tamén, a elaborar as respostas axeitadas”. Serán obradoiros participativos, con proxección de vídeos, simulacións e debates sobre experiencias reais.

A segunda das accións, A marca persoal e as redes sociais na procura de emprego, terá lugar os vindeiros días 21 e 22 de marzo, en Vigo e Pontevedra, respectivamente, (nas mesmas localizacións e coa mesma participación que nos obradoiros anteriores), de 10:00 a 13:00 horas. Os obxectivos desta acción son a creación dun perfil ou marca persoal para mellorar a visibilidade profesional e laboral dos participantes. Tamén aprenderán a manexar as redes sociais para acadar un emprazamento axeitado no mercado laboral e realizar, en palabras dos organizadores do obradoiro, “unha procura de emprego eficaz”. O obradoiro, engaden, “será práctico e vivencial, traballarase a través de dinámicas que axuden a interiorizar conceptos e practicar novas olladas de cara á busca e xeración de oportunidades laborais”.

Como lembraremos, a Deputación de Pontevedra iniciou o proceso de selección das persoas participantes en DepoEmprega 2016 o pasado mes de setembro. Estas puideron solicitar a participación directamente nas súas oficinas do Servizo Público de Emprego. Este programa ten por obxectivo mellorar a inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego (concretamente búscase a integración do 35 %, é dicir, 21 persoas). Nun plano máis concreto, fornécese formación para acadar certificados de profesionalidade, prácticas en empresas e busca de postos de traballo para aquelas persoas que xa teñen estudos e experiencia laboral, ademais dun apartado de autoemprego. O programa tamén acubilla accións individuais, coas que se ofrecerá orientación en elaboración de currículos, entrevistas de traballo, obradoiros de habilidades sociais, adestramento, ou novas tecnoloxías.

30/11/201608:11
José Manuel Brandeiro (Viewnext) e José Manuel Baltar (Deputación de Ourense).

A Deputación de Ourense e Viewnext (IBM) impulsarán o emprego no eido das novas tecnoloxías

Mozas e mozos desempregados da provincia de Ourense que teñan formación en Informática, sistemas e programación web son os destinatarios elixidos pola Deputación de Ourense e a compañía Viewnext (pertencente ao Grupo IBM) de cara a participar no primeiro Plan Piloto de Emprego Tecnolóxico en Ourense, que permitirá a preto de 20 desempregados acceder ao mercado laboral no eido tecnolóxico. Cómpre sinalar que o paso previo a este Plan Piloto será un curso de programación que a Deputación desenvolverá xunto ao Ministerio de Industria, a través da Escola de Organización Industrial (EOI), e no que poderán participar até 30 mozos e mozas desempregados, incluíndo axudas de até 5.000 euros para empresas que contraten a estes mozos.

A acción formativa, cofinanciada co Fondo Social Europeo de Garantía Xuvenil, abrangue 100 horas de formación tecnolóxica, especializada en programación web Java, centrándose en aspectos prácticos, co obxectivo de que o alumnado poida ser contratado axiña por empresas do sector. En canto á temática desta acción formativa constará de: Orientación de obxecto, Asignacións e operadores, Arquitectura de WebSphere e Commerce, etc. O curso, cunha duración de mes e medio, desenvolverase en clases teóricas e prácticas, todas presenciais e impartidas en Ourense.

Os interesados en asistir a este curso xa se poden inscribir dende hoxe a través da web da EOI, estando previsto o comezo do curso a mediados do vindeiro mes de decembro.

Segundo informaba o presidente da Deputación, Manuel Baltar, no seu encontro co director xeral de Viewnext, José Manuel Brandeiro, esta proposta forma parte do proxecto Provincia Intelixente, que está a desenvolver a Deputación de Ourense, "proxecto que inclúe ademais a creación en Ourense dun centro tecnolóxico para a innovación por parte das compañías IBM e Vodafone, que ten como obxectivo impulsar novas oportunidades de progreso económico e social na provincia da man da Deputación de Ourense". Deste xeito, a Deputación únese a IBM e Vodafone para desenvolver un proxecto que quere estar na vangarda da innovación tecnolóxica.

23/11/201612:11
Imaxe dun anterior encontro de Lanzadeiras.

O CNTG acolle este xoves un foro de emprego organizado polas Lanzadeiras de Santiago, Redondela e Marín

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (o CNTG, con sede en Santiago) vai acoller este xoves 24 de novembro un foro de emprego organizado polas Lanzadeiras de Compostela, Redondela e Marín. Segundo informan, o evento desenvolverase baixo o epígrafe Sinerxías para o emprego e servirá, entre outras cousas, para conectar a setenta persoas desempregadas que participan no programa con empresarios e responsables de recursos humanos. Lembrar que as devanditas palestras laborais, xunto coas de Lugo, Ourense e Arteixo, forman parte da edición galega das Lanzadeiras de Emprego, unha iniciativa da Fundación Telefónica e a Fundación Santa María A Real para impulsar na nosa Comunidade (e no resto do ámbito estatal) a capacitación innovadora e tecnolóxica dos profesionais de cara ao mercado de contratación. A vertente galega do programa ten o apoio da Xunta.

Como recordaremos, as iniciativas de Santiago de Compostela, Redondela e Marín comezaron a funcionar a finais de xuño para axudar a 71 persoas desempregadas a adestrar unha innovadora procura de traballo (colectiva, solidaria, proactiva e con novas ferramentas) “acorde ás necesidades que presentan as empresas hoxe en día”. Tras varios meses de adestramento e na recta final do programa, os participantes das tres lanzadeiras quixeron sumar os seus esforzos para organizar este xoves o foro de emprego Sinerxias para ou Emprego, co que queren cumprir un triplo obxectivo: darse a coñecer como profesionais cun talento renovado; contactar de forma directa con empresarios e recrutadores; e acadar unha nova oportunidade laboral.

O encontro comezará ás 9:45 horas no auditorio do Centro de Novas Tecnoloxías, e continuará desde as 10 até as 11:30 horas cos relatorios de Galejobs, Corporación Noroeste e Programa Santander-Yuzz. Logo celebrarase un espazo de networking entre participantes de lanzadeiras, especialistas, empresarios e responsables de recursos humanos, “con obxecto de que poidan conversar e ampliar información sobre os procesos de selección que se organizan a día de hoxe, en que sectores, para que perfís, con que requirimentos e demandas, etc”.

De 12:30 a 13:30 horas, levarase a cabo a mesa redonda Sinerxías para o emprego, que contará coa intervención de varios participantes das lanzadeiras e empresarios locais, moderados por Carla Reyes Uschinsky, presidenta da Asociación de Executivas de Galicia.

O foro chegará ao seu remate a partir das 13:30 horas, coa proxección dos “mellores momentos vividos” e polos logros acadados polas Lanzadeiras de Emprego de Redondela, Marín e Santiago. Falamos de Re[d]lánzate, Red Marín e SCQ Adiante. Minutos despois será o intre da clausura institucional, con representantes da Fundación Telefónica, a Fundación Santa María A Real, o Concello de Marín e a Xunta de Galicia.

28/09/201610:09
BeJob

Santillana lanza Bejob, o portal para mellorar a empregabilidade

  • O novo 'site' ofrece máis de 50 cursos online en materias tecnolóxicas
  • Todo o que se precisa para atender os cursos é un ordenador ou tableta e conexión a internet.
  • Os cursos abordan os nichos de mercado con maior demanda de traballo


As tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) avanzan tan rápido que moitos dos novos postos de traballo que xeran non se poden cubrir por falta de candidatos aptos. Hoxe en día custa atopar especialistas en realidade aumentada, robótica ou impresión 3D. A falta de especialistas en determinados ámbitos é especialmente sanguento tendo en conta que vivimos nun país con máis de tres millóns e medio de parados.
 
Contribuír a mellorar a empregabilidade dos usuarios é o obxectivo de Bejob, o novo portal de formación do grupo Santillana. O novo site (www.bejob.com) incorpora desde esta semana máis de 50 cursos distintos e de duración variable. A temática está sempre relacionada coas TIC, abarcando desde disciplinas máis técnicas como programación en distintas contornas ata para perfís máis asociados á xestión, como os cursos de experto en márketing e estratexia dixital, de medición de audiencias online ou ben o de compra programática de publicidade.
 
"Cando analizabamos que temáticas podiamos incluír nos nosos cursos vimos que as que tiñan máis demandas de emprego eran as relacionadas coas novas tecnoloxías", explica a directora xeral de Bejob, Mariola García Arellano. "Deseñámolos de tal forma que non fai falta ter coñecementos previos sobre a materia da que se queira aprender", engade. Así, por exemplo, quen se queira dedicar á realidade aumentada ten á súa disposición un pequeno curso de infografía 3D, e no caso de que decida seguir, pode chegar a realizar un máis amplo sobre ferramentas e aplicacións da realidade aumentada.
 
Esa é outra das características da oferta de Bejob: a duración dos programas de formación varía desde os chamados nanocursos, pensados para dar unha pequena visión sobre un tema en particular e que se completa en dúas semanas, ata os máis avanzados, a realizar nuns tres meses. Todos eles están certificados pola Universidade de Alcalá.
 
Os cursos impártense online, pensados para que se sigan desde o computador ou a tableta. En tódolos casos contan cun vídeo introductorio no que o profesor presenta o curso. A partir de aí, o alumno pode picar nas distintas leccións, transmitidas tamén por vídeo, e ir descargándose os apuntamentos e demais materiais para seguir as clases. Cada unha delas conclúe cunha tarefa ou exercicio de recapitulación, ademais de ofrecer ao estudante un apartado con links nos que atopar información adicional. No caso dos cursos máis técnicos, por exemplo de robótica ou programación, o alumno deberá descargarse tamén un software específico co que traballar. E, por suposto, os programas de formación contan con titorías nas que resolver as dúbidas dos usuarios.
 
Ofertas de emprego personalizadas
Outro dos puntos fortes de Bejob é que ofrece aos alumnos que completasen algún curso, a través de Bejob Emprego, ofertas de traballo relacionadas coa súa formación. Avísase en tempo real de 2.000 ofertas ao mes en España e outras 600 en Latinoamérica, zona na que o portal pretende tamén facerse forte.
 
"Os contidos dos cursos están deseñados por expertos en cada materia. O que é común a tódolos profesores é a metodoloxía de aprendizaxe", explica García Arellano. Así, por exemplo, detrás dos cursos de programación está o equipo da firma tecnolóxica española Bq. Conta tamén cun contrato de colaboración con Amazon, neste caso para que ofrecer o seu programa de aprendizaxe relacionada coa nube AWS Educate, que Bejob ofrecerá en exclusiva en lingua española.
 

De robótica a análise de audiencias dixitais
Tódolos cursos que ofrece o portal Bejob están orientados a formar ao usuario en competencias necesarias para cubrir perfís que agora mesmo teñen unha alta proxección de empregabilidade.
 
As seis categorías nas que se clasifican os cursos dispoñibles son reveladoras. 3D, cloud, desenvolvo web, linguaxes de programación, márketing e programación das cousas son as etiquetas dispoñibles.
 
Tódolos cursos clasifícanse tamén en tres niveles de dificultade: básico, no que non se require coñecementos previos sobre a materia; intermedio, no que si é conveniente ter experiencia no tema, e avanzado, que a miúdo esixen completar anteriormente outro curso de nivel inferior.
 
Hai algunhas temáticas que, pola súa complexidade, teñen cursos nos tres niveles mencionados. É o caso, por exemplo, de Didáctica de programación de Arduino con bloques, enfocado a profesores que queiran ensinar nocións de programación. Outros, sen ser a continuación de ningún curso, compleméntanse entre si ao tocar temáticas interrelacionadas.
 
Os prezos dos cursos oscilan desde os 30 euros dos nanocursos (os máis curtos e sinxelos) ata os ao redor de 500 que custan os cursos de especialización ou másteres. Como oferta de lanzamento, estes prezos contarán con importantes reducións (de case o 50%) durante as primeiras semanas.

28/09/201609:09
Portada informe

Un 40% de parados con discapacidade e un 26% de maiores de 45 anos usan Internet para buscar emprego

  • Un 40% dos parados con discapacidade e un 26% dos maiores de 45 años utilizan as Redes Sociais para buscar emprego, segundo se desprende das conclusións dun estudo realizado por Adecco e Infoempleo, no que se constata que estas porcentaxes son moi inferiores á media xeral, que se sitúa no 83%.

O informe subliña que, aínda que moi importantes, á hora de buscar emprego, xa non son suficientes as canles tradicionais como os portais online ou a rede de contactos. Neste sentido, as Redes Sociais de carácter profesional (fundamentalmente Linkedin e Twitter) convertéronse nun imperativo para toda persoa que está a buscar emprego.

Así, a maioría dos adultos (83%) xa as utiliza como recurso para optimizar a súa procura de traballo a pesar de que en certos sectores da poboación a súa presenza en redes é moi inferior á media, segundo puntualiza o estudo.

Neste sentido, o director xeral da Fundación Adecco, Francisco Mesonero, afirma que "os desempregados con discapacidade, os maiores de 45 anos ou as persoas con escasos recursos económicos, acostuman a atopar obstáculos engadidos na súa procura de emprego, fundamentalmente debido a prexuízos e estereotipos sociais que se trasladan ás empresas".

"A iso hai que engadir que, a miúdo, seguen unha estratexia incorrecta na súa procura de emprego, o que se reflicte, entre outras cuestións, no seu escaso uso das redes de carácter profesional. Linkedin e Twitter convertéronse nun recurso fundamental e, o feito de que non estean presentes, disminúe aínda máis as súas oportunidades profesionais, invisibilizando a súa candidatura e reforzando o estigma", denuncia.

Por este motivo, a Fundación Adecco presentará, proximamente, #RedesParaTodos, un manual para axudar ás persoas que o teñen máis difícil a ter presenza nas mesmas e a maximizar as súas oportunidades laborais.

Segundo Mesonero, "hai que desterrar o temor a usalas e pensamentos como son para xente máis nova, xa que estas reflexións levan á autodiscriminación e reforzan os estereotipos sociais. As Redes non deben ser un espazo segregacionista ou limitado a perfís hiper cualificados, senón que toda persoa que busque emprego ha de ter cabida".

09/08/201612:08
Cartel das xornadas.

A Guarda acolle un curso sobre novas tecnoloxías para mocidade emprendedora

A Asociación Érguete Baixo Miño vai iniciar o vindeiro 23 de agosto unha actividade formativa sobre as vantaxes e posibilidades das TIC á hora de iniciarmos un proxecto comercial e empresarial ou ben lanzarnos á busca de emprego. O curso Emprender a través das Novas Tecnoloxías desenvolverase até o 16 de setembro na Guarda abranguendo un total de 60 horas e incluíndo a achega dun certificado de participación.

Levarase a cabo en colaboración coa Consellería de Política Social - Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado- dentro do Programa Iniciativa Xove. Trátase dunha serie de obradoiros dirixidos a amosar á mocidade as potencialidades de uso das novas tecnoloxías ao mesmo tempo que se fomenta a idea de empregabilidade a través da Rede.

O curso está dirixido a mozos e mozas desempregados/as preferentemente de entre 16 a 35 anos. O horario será de 9:00 a 14:00 horas, os martes, xoves e venres. Os talleres serán de balde e levarase a cabo na Aula de Informática San Benito da Guarda.Segundo sinala a organización, é imprescindible realizar a inscrición a través do formulario que atoparemos na web www.erguete.org. Abordaranse, entre outros, os seguintes eidos temáticos: mercadotecnia dixital (que facer, como facelo, cando facelo, onde facelo), redes sociais (cal é a máis acaida, como se lles pode tirar o máximo partido) e aplicacións móbiles.

29/07/201612:07
Concello de Lugo.

O obradoiro EmpregaTIC de Lugo arrinca en setembro

A xunta de Goberno do Concello de Lugo vén de aprobar a execución do obradoiro de emprego EmpregaTIC, unha iniciativa dirixida a achegar a 15 desempregados locais medio ano de formación especializada no eido das novas tecnoloxías da información. Este futuro de EmpregaTIC, unha clara aposta a prol da empregabilidade pola vía tecnolóxica, foi dado a coñecer este mércores polo voceiro municipal, Miguel Fernández, que lembrou que o orzamento para o obradoiro é de 130.800 euros (subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria) e que as persoas que queiran participar nesta iniciativa de formación innovadora deben dirixirse ás oficinas de emprego, formalizando previamente a súa inscrición no Plan de Garantía Xuvenil. A selección terá lugar en agosto. En setembro, co curso académico, comezará oficialmente EmpregaTIC.

Este programa, por certo, ten unha vertente dupla: amais de impulsar a empregabilidade no termop municipal diríxese a reivindicar e visualizar o rico patrimonio documental, natural e histórico do concello. E todo a través das novas tecnoloxías.

EmpregaTIC artéllase en dous módulos: Xestión de marketing e comunicación, para 8 alumnos e Desenvolvemento de produtos multimedia interactivos, para 7 alumnos. Entre as actuacións principais atópase o deseño dun produto multimedia onde consultar os arquivos dixitalizados, a realización dun vídeo e dunha infografía, e a posta en marcha dun plan de mercadotecnia, así como eventos sobre cultura dixital, entre outros. Os participantes obterán os certificados profesionais homologados pola Xunta de Galicia para desenvolver estes traballos.

Segundo informou o Concello, EmpregaTIC dará continuidade aos tres últimos obradoiros que financiou ao Concello a Administración Autonómica: a Memoria da Cidade, Arqueo Lvcvs e Urbs Lvcvs, relacionados coa xestión documental, arquivo, dixitalización e catalogación do patrimonio histórico e cultural do que é titular o Concello de Lugo. “Estas medidas”, engade o Goberno local, “favoreceron a inserción de 70 persoas desempregadas, contribuíndo a atesourar 198 libros, 21.000 imaxes, 2.300 planos, máis de 3.200 fotografías e dixitalización 3D”.

Blog Xente Dixital

Disculpa, pero esta entrada está disponible sólo en Gallego.

(Galego) 4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Vie 24 Sep

Disculpa, pero esta entrada está disponible sólo en Gallego.

LEER MÁS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán la luz próximamente

Mar 21 Sep

La aplicación de mensajería Whatsapp es una de las apps más utilizadas a la hora de comunicarnos: hablar con nuestros amigos y familiares, organizar tareas con nuestros compañeros de trabajo o establecer citas médicas es mucho más fácil a través de esta aplicación. Whatsapp es consciente del nivel...

LEER MÁS

Lun 28 Jun