main content

main content
08/02/201808:02
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, hoxe en Santiago nun encontro que mantivo cos axentes do sector TIC galego.

A Xunta expón ao sector TIC a súa aposta pola cualificación especializada a través das unidades formativas na empresa

  • O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, mantivo hoxe en Santiago un encontro cos axentes e emprendedores deste ámbito para explicarlles a aposta do Goberno galego pola formación á carta en consonancia coas demandas das empresas
  • Apuntou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano 6,5 millóns de euros para formar a 2100 traballadores en 540 empresas galegas de sectores estratéxicos vinculados coa Axenda Industria 4.0
  • Puxo en valor o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) que forma ao ano unha media de 1000 profesionais das TIC

 

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, salientou hoxe en Santiago nun encontro que mantivo cos axentes do sector TIC galego, incluíndo tamén emprendedores, a aposta da Xunta por este eido ofrecendo unha formación especializada en consonancia coas demandas das empresas, que se traduce, en palabras de Marnotes, na creación de máis e mellores postos de traballo.

O director xeral explicou que o Goberno galego traballa en adaptar a formación dos traballadores galegos ás necesidades reais do tecido produtivo con diversas ferramentas orientadas ao novo modelo industrial e ás novas tecnoloxías, entre as que destacou as unidades formativas na empresa, dirixidas a empregados e ocupados, que permite ás compañías contar con persoal cualificado tras unha formación á carta, co apoio da Administración.

Para esta iniciativa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano 6,5 millóns de euros para formar a 2100 traballadores en 540 empresas galegas, que inclúe cualificación para firmas de sectores estratéxicos vinculados coa Axenda Industria 4.0, como é o ámbito das TIC.

As unidades formativas dirixidas a desempregados ofrecen formación á carta na propia empresa que, pola súa banda, ten que comprometerse a un mínimo de contratación, ao 40% dos alumnos que participen en cada unha das 40 unidades previstas. O prazo de solicitude para a primeira das convocatorias deste programa xa está aberto. Para presentar as inscricións das axudas correspondentes ao financiamento das accións formativas con compromiso de contratación, o prazo rematará o 5 de abril. No caso dos incentivos á actividade laboral vinculada ás accións formativas, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da contratación laboral que se produza ao remate da acción formativa, respectando en todo caso o límite máximo do 14 de decembro de 2018.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria financia, a través desta actuación, o 100% da formación, e para aquelas compañías que superen o compromiso mínimo de contratación ofreceráselles axudas para promover os contratos indefinidos, que oscilan entre os 7000 e 16.000 euros. O apoio mínimo de 7000 euros aumentará ata os 8000 para os parados de longa duración, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. Ademais, as mulleres, maiores de 45 anos e emigrantes retornados, así como as empresas emprazadas no rural, recibirán un 25% máis de axuda sobre os 7000 ou 8000 euros, segundo sexa o caso, podendo chegar os apoios, desta maneira, aos 16.000 euros.

Nesta convocatoria, optarán a estas axudas as empresas ou agrupacións temporais de firmas que presenten unha solicitude conxunta. Este programa inclúe tamén para 2018 de xeito novidoso o seu carácter bianual coa finalidade de que os cursos sexan máis complexos e poidan prolongarse durante máis meses, ata o ano 2019.

O programa destinado a ocupados céntrase na formación en empresas de sectores estratéxicos, entre os que se atopan as TIC. A previsión é a través desta iniciativa formar a 1500 traballadores en 500 compañías. O prazo de solicitude deste programa tamén está aberto, rematando o 2 de abril. O Goberno galego, a través desta actuación, financia tamén o 100% da cualificación, cun límite de 200.000 euros para empresas ou agrupacións de firmas, priorizando actuacións vinculadas coa silvicultura, transformación de madeira, fabricación de compoñentes electrónicos e ordenadores, automoción, naval, aeronáutica, fabricación de mobles, edición de programas informáticos e telecomunicacións e actividades relacionadas coa informática. O principal requisito deste programa de axudas é que as compañías pertenzan a algún dos sectores estratéxicos da Axenda Industria 4.0.

 

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia

Outra das iniciativas que puxo en valor o director xeral de Orientación e Promoción Laboral é o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), dependente da Xunta, específico para o sector TIC, no que se forman ao ano unha media de 1000 traballadores.

Marnotes avanzou a programación para este ano e lembrou que este centro vén de recibir un dos galardóns dos Premios TIC Galicia, que organiza o Clúster TIC Galicia, xunto coa Laconnetwork, o premio Iniciativa TIC, dedicado a organismos, organizacións, asociacións, fundacións (públicas ou privadas) que axudan na creación, lanzamento e asentamento de empresas e ao propio emprendedor. O galardón recoñece o labor do CNTG no seu impulso á formación dos traballadores con perfís tecnolóxicos e pola súa contribución a que este colectivo de profesionais estea preparado para dar resposta ás necesidades, retos e proxectos dos diversos sectores do tecido produtivo galego relacionados coas novas tecnoloxías e a sociedade da información.

“Trátase, en definitiva, de ofrecer formación á carta, adaptada ás necesidades que require o mercado de traballo actual”, rematou Marnotes, quen subliñou que un dos retos da Axenda 20 para o Emprego é que o sistema formativo se oriente á realidade da industria, é dicir, á revolución tecnolóxica na que está inmerso o tecido produtivo galego.

06/02/201808:02
Man sostendo un folio.

As pemes e as empresas de base tecnolóxica xa poden solicitar as axudas da Xunta de 7 M € para o impulso á contratación

  • O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar os programas de incentivos á contratación nas pemes e as axudas para a consolidación do emprego nas pequenas empresas tecnolóxicas e de nova creación
  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria dedica 4,2 millóns para incentivar en 500 pemes a contratación de 550 desempregados con máis dificultades para atopar un emprego con axudas que poden chegar aos 8000 euros
  • Establécese por primeira vez neste programa a posibilidade dun bono formación de 1000 euros por cada persoa contratada
  • Para fomentar o emprego de 300 traballadores en 195 novas pemes e nas iniciativas de emprego de base tecnolóxica destínanse máis de 2,7 millóns

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar as axudas da Xunta para impulsar a contratación nas pemes e para a consolidación do emprego nas pequenas empresas tecnolóxicas e de nova creación ás que destinará este ano preto de 7 millóns de euros.

Dunha banda, ábrese a partir do luns e ata o 15 de outubro o prazo para solicitar os incentivos á contratación nas pemes, dotado con 4,2 millóns de euros, para favorecer o emprego de 550 persoas con máis dificultades para atopar un traballo en 500 empresas. Por medio desta actuación, as compañías terán a oportunidade de obter axudas para a contratación e formación por conta allea. Por unha banda, a contratación inicial, cunha duración mínima dun ano, apoiarase cun bono de 4000 euros sempre que o desempregado sexa parado de longa duración, presente algunha discapacidade ou se atope en situación ou risco de exclusión social. Esta contía aumentará nun 25% para as mulleres, maiores de 45 anos, emigrantes retornados e se a empresa está situada no rural, polo que a contía máxima de axuda deste programa poderá alcanzar os 8000 euros.

Como novidade, inclúese un bono de 1000 euros de formación por cada persoa contratada que será opcional para as empresas.

 

Empresas de nova creación e de base tecnolóxica

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, doutra banda, inviste máis de 2,7 millóns de euros para o programa de fomento e consolidación do emprego para as pequenas empresas de nova creación e as cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT). Con esta actuación prevé beneficiar ao redor de 300 traballadores en 195 firmas.

Para impulsar o emprego nas pequenas empresas de nova creación establécense axudas para a xeración de emprego estable, a formación xerencial e/ou directamente relacionada coa actividade que se vai desenvolver ou para o inicio de actividade, financiando gastos relacionados cos honorarios de notario e rexistrador, arrendamento do local, maquinaria ou equipamentos informáticos, entre outros. O prazo de solicitude neste caso xa está aberto e remata o próximo 31 de xullo.

Apóiase tamén a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras destas empresas co 75% do custo da escola infantil dos fillos menores de 3 anos cun máximo de 3000 euros. Poderán ser beneficiarias destes apoios as empresas que sexan promovidas como máximo por 5 persoas, cun capital social máximo de 120.202 euros, sendo como mínimo o 50% titularidade dos promotores que sexan desempregados e creen o seu propio posto de traballo na empresa.

O programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cuxo prazo de solicitude acaba o 1 de outubro, pretende dinamizar a vocación emprendedora da comunidade universitaria e aproveitar o potencial empresarial das persoas dedicadas á investigación e con amplos coñecementos das novas tecnoloxías. Do que se trata é de impulsar a transformación do coñecemento creado nas universidades e nos centros de investigación en proxectos xeradores de riqueza e emprego. Esta iniciativa, polo tanto, está dirixida a fomentar o espírito innovador e emprendedor, principalmente entre os investigadores e titulados universitarios de calquera área do coñecemento científico, técnico ou humanístico.

Os beneficiarios destas axudas son as empresas e autónomos que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT. Concederanse axudas á creación directa de emprego estable, para a contratación de persoal técnico de alta cualificación e para a posta en marcha do proxecto empresarial. Os apoios poden alcanzar os 24.000 euros.

As contías base dos dous programas incrementaranse nun 25% para as mulleres, emigrantes retornados, maiores de 45 anos e no caso de que a compañía estea situada no rural. Deste xeito, a axuda máxima será de 22.000 euros por beneficiario no caso de pequenas empresas de nova creación e de 48.000 euros para as IEBT.

Esta actuación está enmarcada na liña que segue o Goberno galego para impulsar en Galicia o emprendemento a través da innovación e as novas tecnoloxías.

06/02/201808:02
Darío Campos.

As profesións informáticas están presentes nos 188 postos de traballo que creará a Deputación de Lugo

Deputación de Lugo anunciou hoxe que xerará no eido da provincia outros 188 novos postos de traballo en empresas e colectivos sen ánimo de lucro. Farao a través da cuarta edición do programa Ben Empregado e, igual que en convocatorias previas, apostando polas profesións TIC (entre outras moitas). Novamente, a entidade que preside Darío Campos asumirá durante 1 ano os custos laborais dos novos traballadores con 2,4 millóns de euros (ao cen por cen no caso de contratos a persoas con capacidade diferentes, ás que están risco de exclusión social e ás que retomen a súa actividade laboral en colectivos socias; e nun 50% cando as contratacións sexan a desempregados lucenses en xeral). Os empregos a crear abranguerán todos os sectores, incluído o das novas tecnoloxías. De feito, impulsaranse novamente os comunity managers ou os técnicos en informática.

O presidente Darío Campos, na presentación destes 188 novos postos de traballo, puxo en valor o “esforzo que estamos a facer dende o Goberno provincial para xerar emprego de calidade para os lucenses e na nosa provincia”. Segundo engadiu, malia que “a Deputación non ten as competencias directas en emprego”, dende o Executivo provincial “non miramos cara a outro lado, pois a nosa prioridade son as persoas”. Campos engadiu que, neste senso, o esforzo investidor xa foi alén dos 20 millóns de euros na xeración, nos 67 concellos da provincia, de máis de 1.000 empregos para lucenses a través do Ben Empregado e do DepuEmprego.

O prazo de solicitude para participar abrirase o vindeiro luns e ficará aberto até o 19 de febreiro. Os interesados deberán inscribirse a través da Axencia de Colocación da Deputación. Poden facelo de maneira telemática, entrando directamente a http://deputacionlugoportalemp.com, que o enderezo da plataforma web da dita Axencia, ou ben entrar en www.deputacionlugo.gal e logo premer no bannerda Axencia. Unha vez entradas nesta plataforma, as persoas interesadas deberán rexistrase e acceder ao Espazo do Demandante, onde verán todos os empregos ofertados para solicitar os mesmos. Tamén poden inscribirse, de xeito presencial na oficina da Axencia de Colocación da Deputación, que se sitúa no primeiro andar do Pazo de San Marcos. 

Como dixemos, os 188 empregos son en practicamente todos os sectores, incluído o sector das novas tecnoloxías e os chamados da innovación (comunity managers, técnicos superiores en sistemas informáticos, programadores, deseñadores gráficos, etc).

19/01/201810:01
Presentación do Plan.

Feijóo avanza a posta en marcha do plan Galicia Innova 2020 para, a través da innovación e cun investimento de 1775 millóns, impulsar a actividade económica e industrial e xerar máis emprego

  • Salienta que a través deste plan a Xunta seguirá avanzando cara a un modelo de Hubs de Innovación Dixital, estruturas que permitirán agrupar, ordenar e especializar a I+D+i en ámbitos estratéxicos para a Comunidade
  • Destaca que Galicia aspira a incrementar un 10% máis de traballadores ligados á I+D+i, un 15% máis de empresas innovadoras e un 20% máis de investimentos privado en innovación

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a posta en marcha do Plan Galicia Innova 2020 para, a través da innovación e cun investimento de 1775 millóns, impulsar a actividade económica e industrial e xerar máis emprego.

Logo de precisar que Galicia investirá en innovación ata 2020 un 35% máis que no período anterior, Feijóo salientou que este plan se marca tres grandes retos á hora de definir un crecemento baseado na innovación: poñer en valor o coñecemento científico-tecnolóxico; mellorar a transferencia do coñecemento entre os investigadores, as empresas e o sociedade; e procurar un retorno para o investimento que se realice en innovación.

Cara a esta tripla meta, o presidente da Xunta precisou que o Galicia Innova debuxa tres grandes áreas de acción para o desenvolvemento da I+D+i.

Na primeira área, a xeración e transferencia de coñecemento especializado. Nesta liña reforzarase a investigación en sectores clave como a industria intelixente, a biotecnoloxía, a sanidade ou a aviación civil non tripulada.

Sobre a segunda área, referida á captación e retención de talento innovador, Feijóo avanzou a posta en marcha de accións para fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas e para impulsar que as novas empresas con grandes ideas poidan acceder ao financiamento.

Por último, e en relación ao terceiro eixo de actuación, centrado na innovación nas empresas, o titular da Xunta aseverou que o Plan Galicia Innova porá especial atención nas pequenas e medianas empresas.

Para desenvolver o Galicia Innova, a Xunta seguirá avanzando, ademais, cara a un modelo de Hubs de Innovación Dixital, estruturas que permitirán agrupar, ordenar e especializar a I+D+i en ámbitos estratéxicos para a Comunidade. Estes hubs estarán integrados por centros de investigación, pemes, grandes empresas, incubadoras, universidades, clústers, asociacións sectoriais, inversores e a propia Administración pública, coa misión de sacar o máximo partido do potencial innovador de Galicia.

Feijóo concluíu aseverando que, con este plan, Galicia aspira a incrementar un 10% máis de traballadores ligados á I+D+i, un 15% máis de empresas innovadoras e un 20% máis de investimentos privado en innovación.

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou que grazas á capacidade de Galicia para anticiparse aos novos retos e crear unha cultura innovadora “hoxe temos a infraestrutura necesaria para xerar coñecemento de valor e convertelo en solucións con capacidade de competir no mercado garantindo o retorno e a sustentabilidade do sistema de I+D+i”.

Conde tamén incidiu en que o novo Plan Innova Galicia 2020 prestará especial atención ao traballo investigador, que é o pilar fundamental da innovación, é as persoas, especialmente ao desenvolvemento do seu talento e ao apoio para a xeración de coñecemento.

16/01/201807:01

A Deputación de Lugo combate a exclusión laboral con community managers , mecánicos e expertos en mercadotecnia

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, comprobou hoxe de primeira man a pegada social e laboral que deixa o programa da entidade provincial para favorecer a contratación na provincia, abranguendo tamén colectivos en risco: o programa Ben Empregado. Máis polo miúdo, mantivo este luns unha xuntanza con tres persoas beneficiarias desta iniciativa (terceira edición), tres novos traballadores que retomaron o fío da actividade laboral en dúas entidades de Cospeito, contando coa colaboración das entidades COGAMI e FADAS co fin de promover a súa inserción. 

Segundo lembrou no encontro Darío Campos, a día de hoxe un total de 28 lucenses con capacidades diversas ou en risco de exclusión están a traballar xa en empresas da provincia. Tamén recordou que Ben Empregado é un programa que favorece a contratación co financiamento, por parte da Deputación, do cen por cen cos custes laborais dos novos traballadores en establecementos de autónomos e PEMES da provincia. Co temos sinalado en repetidas ocasións, moitas destas ocupacións teñen relación directa coas novas tecnoloxías da información. Sen ir máis lonxe, unha das profesionais que participou na visita de Darío Campos traballa de responsable de comunicación web e redes sociais (community manager). 

Na cita, amais do presidente da Deputación, participou a deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo. Estiveron acompañados polos representantes das empresas contratadoras, o deputado da Terra Chá, Eduardo Vidal Baamonde, así como de membros de COGAMI e FADAS (que se encargan do Servizo de Intermediación Laboral do Ben Empregado)

Campos Conde salientou que “coa terceira edición do Ben Empregado ofrecemos por vez primeira financiar na súa totalidade os custos laborais de lucenses desempregados de colectivos vulnerables dentro da nosa aposta por unha Deputación coas persoas e máis social, que traballa pola igualdade de oportunidades”. Respecto dos bos resultados que están a acadar as diferentes edicións da iniciativa, engadiu que “é unha satisfacción comprobar que somos útiles e capaces de romper calquera tipo de barreira con compromiso e sumando esforzos”. 

Como dixemos, entre as persoas que participou hoxe na xuntanza atopábase unha experta en redes e comunicación dixital: Raquel, veciña de Castro de Rei, que traballa como comunity manager na casa rural Pazo de Verdes, en Cospeito, xestionando as redes sociais e a páxina web deste establecemento. Na visita tamén participaron Francisco, veciño de Lugo de 48 anos, que tamén traballa en Pazo de Verdes, realizando as funcións de xardinería, mantemento e carpintería; e Gonzalo, natural de Cospeito e de 50 anos, que traballa grazas a Ben Empregado en Saiga Muimenta, unha empresa de Cospeito adicada ao comercio ao por maior de maquinaria para o sector agroalimentario, á reparación desta maquinaria nos seus talleres e á venda de recambios. 

Darío Campos engadiu que son un total de 28 os lucenses de colectivos vulnerábeis que estaban no paro e hoxe están a traballar en empresas da provincia grazas ao Ben Empregado 3 da Deputación: 1 traballa nunha empresa da Mariña, 12 da Terra Chá, 11 da Comarca de Lugo, 1 da Comarca de Sarria, 1 da Montaña e 2 de Lemos.

30/11/201710:11
Antonio Fernandes.

Antonio Fernandes salienta na UVigo as posibilidades laborais do ámbito hacker

A figura do hacker perante a sociedade está ateigada de connotacións negativas (mesmo delitivas), sendo esta visión tan simplista algo que dista bastante da realidade pois na actualidade a experiencia dalgunhas destas persoas están a axudar a atallar debilidades, atopar puntos febles e introducir medidas máis seguras dentro do ciberespazo. É o caso de Antonio Fernandes, hacker de Vigo que se achegou até a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación dentro do ciclo Enxeñaría e Sociedade para falar de diferentes aspectos relacionados coa ciberseguridade.

Segundo explicaba Fernandes, “a ciberseguridade é unha materia transversal a calquera eido no que estea presente a tecnoloxía” e, pouco a pouco, mediante a transformación dixital, estará presente en “todos os sectores profesionais e no noso día a día”. De feito, o Internet da Cousas é un dos retos da ciberseguridade e “moitos dispositivos de IoT (Internet of Things) para uso persoal carecen das medidas de seguridade suficiente” e é preciso concienciar á sociedade da cantidade de “información de carácter persoal que damos consciente ou inconscientemente a estes aparatos no noso día a día”.

Dende a automatización da industria aos coches intelixentes, das casas domóticas aos teléfonos móbiles, a sociedade está cada vez máis conectada e, segundo o hacker, “temos que comezar a considerar que todos os servizos e produtos que se creen, deben pensarse coa ‘seguridade por deseño’, cousa que actualmente podemos dicir que en multitude de produtos non está ocorrendo”.

Para rematar, Fernandes quixo facer fincapé en que o eido doshackers estase a converter nunha opción máis a nivel laboral encamiñada ao alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. De feito, o centro porá en marcha o vindeiro curso un Máster en Ciberseguridade e conta, dende 2016, coa Cátedra Deloitte en Ciberseguridade.

14/11/201709:11
O deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos.

Até 336 entidades da provincia de Lugo optan a programa Ben Empregado 4

Deputación de Lugo achegou hoxe datos de interese (sobre todo de cara ás entidades participantes), acerca da edición número catro do programa Ben Empregado da entidade provincial, salientando a apertura de prazo desta nova convocatoria (a cuarta), o seu obxectivo fundamental (impulsar a contratación de persoas desempregadas no seo das entidades da provincia) e a súa fortalecida vertente TIC (fomentando novamente, entre outras moitas profesións, as profesións ligadas ao dixital). A Deputación informou hoxe de que 336 empresas e colectivos da provincia optan ás axudas para contratar a novos traballadores que ofrece o Goberno da Deputación a través do programa. 

As entidades aspirantes, engade a entidade, deberán consultar as súas solicitudes en deputacionlugo.gal e, de ser necesario, completalas ou modificalas para seguir concorrendo ás subvencións de até un máximo de 22.000 euros que inclúe dita programación.
Con estes 22.000 euros asumiranse, durante un ano, os custes laborais dos desempregados lucenses que pasarán a ser persoal dos seus equipos profesionais. Poden facelo dende hoxe e até o 24 de novembro inclusive. 
A contía total de axudas é de 2,2 millóns de euros.

Na resolución das subvencións favoreceranse as empresas e colectivos que non se teñan beneficiado das anteriores edicións do Ben Empregado; ás que ofrezan contratacións indefinidas do posto subvencionado, medidas específicas de conciliación laboral, de protección do medio ambiente ou de responsabilidade social e corporativa. Ademais, valorarase positivamente que os promotores das entidades sexan de nova creación, impulsadas por mulleres, mozos de entre 16 a 35 anos ou maiores de 45. 

Os entes que resulten beneficiados deberán aceptar ao traballador asignado pola Deputación e mantelo no seu cadro de persoal durante un período mínimo de 12 meses de duración; manter o cadro de persoal, incluíndo aos anteriores traballadores das edicións do Ben Empregado, durante a vixencia deste programa; facilitarlle ao contratado os medios técnicos necesarios para o desenvolvemento das súas tarefas; ou achegar ao organismo provincial nos primeiros 10 días do mes a nómina e xustificante de pago do traballador correspondente, entre outras obrigas. 

Lembrar que entre os postos máis impulsados nas anteriores entregas de Ben Empregado figura o de community manager. Ao abeiro desta etiqueta figuran os profesionais que constrúen, xestionan e administran comunidades en liña arredor dunha marca en Internet. 

A Deputación engade que Ben Empregado 4 responde a un duplo obxectivo do Goberno provincial: por unha banda combater a taxa de paro na provincia (“xerando postos de traballo de calidade ao incorporar cláusulas sociais nos contratos para salvagardar ou mellorar os dereitos laborais dos traballadores”) e, pola outra, “contribuír ao pulo da actividade do tecido empresarial e asociativo da provincia na procura da dinamización da economía lucense”.

Novamente, unha parte importante do programa irá destinado a fomentar o emprego relacionado coas novas tecnoloxías. Por exemplo os devanditos profesionais community managers, técnicos en informática, especialistas en mercadotecnia dixital ou responsables de proxectos transmedia.

29/08/201710:08
Reunión na Deputación de Lugo.

A Deputación de Lugo segue a impulsar nos concellos os empregos TIC

O venres 25 de agosto a Deputación de Lugo fixo reconto do emprego xerado pola institución provincial ao longo dos últimos tres meses no conxunto do territorio lugués. O balance veu da man do voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos. Segundo fixo saber creáronse 210 novos postos de traballo ao longo do devandito período. Esta actividade a prol da reactivación laboral artellouse a través de dúas iniciativas da Deputación, Ben Empregado 3 e DepuEmprego 2, arestora en activo. Por certo que unha parte importante dos empregos xerados a través destes programas (en empresas, entidades, colectivos sociais e concellos de todas as comarcas provinciais) tiñan novamente relación coas novas tecnoloxías da información e a electrónica. O obxectivo xeral da institución que preside Darío Campus é “combater o paro así como reforzar o fornecemento de servizos públicos en todos os concellos, especialmente en zonas rurais”. 

Santos Ramos explicou que dos 210 novos postos, 129 son do Ben Empregado 3 e 81 do DepuEmprego 2. Ademais, engadiu que “representan o 46% da oferta de emprego que poremos a disposición de todos os lucenses mediante estas dúas programacións de xeración de emprego directa na provincia”. De feito, o obxectivo é impulsar co primeiro programa 150 empregos e co segundo 300. “Facémolo con 6,1 millóns de euros, cos que financiamos os custos laborais destes 450 novos traballadores nos 67 Concellos da provincia”, explicou, engadindo que nas vindeiras semanas, ofreceranse os restantes 240 postos de traballo. Nas comarcas de Chantada, Quiroga e Lemos, a entidade provincial leva xerado nos últimos 90 días un total de 36 novos empregos en 9 concellos.

Inclúense, entre os profesionais formados e incorporados ao mercado laboral, comunity managers, comerciais, peóns forestais, camareiros, limpadores ou coordinadores de proxectos transmedia, entre outros. 

Na Comarca de Lugo, o Goberno Provincial creou nos últimos 90 días un total de 36 novos empregos en 5 municipios. Inclúense, entre outros, técnicos asesores, comerciais, recepcionistas, técnicos superiores en mercadotecnia e publicidade, comunity managers, técnicos informáticos, auxiliares administrativos, reporteiros de axencias de información, técnicos de medio ambiente, electricistas ou traballadores sociais. 

Na Comarca da Mariña, a Deputación leva xerado nos últimos 90 días un total de 33 novos empregos en 12 concellos. Na listaxe de postos xerados hai peóns de xardinería, cociñeiros, técnicos forestais, biólogos ou auxiliares administrativos. Na Comarca da Terra Chá, impulsáronse nos últimos tres meses un total de 33 novos empregos en 10 concellos. Entre estes novos empregos inclúense (entre outros moitos) mecánicos, auxiliares de produción en viveiros, carpinteiros metálicos e (novamente) community managers
Polo que respecta ás comarcas da Montaña e da Ulloa, xeráronse un total de 34 novos empregos en 10 concellos e 27 postos en 3 municipios, respectivamente. No que atinxe á Sarria e a súa contorna, impulsáronse 11 novos empregos en cinco concellos.

05/06/201707:06
Presentación de obradoiros de Lugowork.

A Deputación de Lugo formará aos desempregados novos en vendas en liña

A Deputación de Lugo vén de anunciar a posta en marcha de novas achegas ao abeiro do seu programa LugoWork. Máis polo miúdo, trátase de 3 novos cursos destinados a incrementar a formación e as posibilidades de inserción laboral de 45 mozas e mozos. A inclusión destas tres novas actividades forma parte do plan de emprego xuvenil e participativo posto en marcha pola entidade provincial, cun orzamento de dous millóns de euros captados da Unión Europea a través da EOI. Un dos tres novos cursos diríxese a capacitar aos participantes en materia de vendas en liña e atención ao público. Os outros dous céntranse en mantemento de aeronaves e máis en emprendemento.

Segundo indica a Deputación, quen concorra nestas tres accións formativas terá a posibilidade de ser contratado en empresas da provincia durante medio ano. Con este fin, o Goberno provincial abrirá unha convocatoria pública, dirixida ás empresas lucenses, ofrecéndolles axudas de 4.200 euros para a contratación dos mozos que “conclúan con éxito esta formación”. Despois da consulta ás propias empresas, engade a Deputación, “os traballadores sairán cun perfil formativo que tenta cubrir as necesidades demandadas polos empresarios da provincia”. Os interesados en participar nestes 3 cursos, deberán estar inscritos no Rexistro de Garantía Xuvenil. Poden facer a súa solicitude ata o 15 de xuño, incluído, en www.deputacionlugo.gal ou en www.eoi.es.

A primeira nova achega é o Curso de auxiliar de vendas online e offline e atención ao público. Nesta acción formativa, que conta con 15 prazas, os alumnos recibirán contidos dirixidos a habilidades sociais e de comunicación, ofimática e técnicas administrativas básicas e coñecementos sobre ventas dixitais e ventas tradicionais.

Outro dos cursos que se achega é sobre mantemento de aeronaves. Nel, familiarizarase aos participantes no mantemento de vehículos aéreos, mediante formación teórico-práctica impartida por profesionais do Aeroclub de Rozas. Participarán un total de 15 alumnos. Por último, achégase tamén un Curso de Emprendemento, dirixido a 15 persoas que teñan unha idea de negocio e queiran montar unha empresa. Nun plano máis detallado, informa a Deputación, “os participantes terán un titor asignado que os asesorará en aspectos como os modelos de negocio ou as estratexias de vendas, entre outras cuestións”. Esta liña do LugoWork inclúe formación e axudas de 3.000 euros para que os participantes poñan en marcha os seus propios establecementos, favorecendo o emprendemento. Informar tamén de que na actualidade, a maiores de todo o devandito, xa están en marcha 6 accións formativas, nas que participan outros 91 mozos.

21/03/201710:03
Cartel do evento.

Chega a segunda edición da feira virtual galego-portuguesa de emprego universitario: Finde.U

Este martes 21, e até o día 24, celébrase un evento que dalgunha maneira complementa e amplía cara a novos horizontes (horizontes dixitais e sen limitacións de espazo) os obxectivos e estratéxicas do Foro Tecnolóxico de Emprego, desenvolvido hai uns días no Campus de Vigo. Estamos a falar da segunda edición da Feira Internacional Virtual de Emprego Finde.Eu, unha cita organizada polas universidades de Vigo, Porto e Tras Os Montes e Alto Douro. Segundo puidemos saber, nela van participar máis de cen empresas procedentes de todos os recantos de Europa. Lembrar que na edición anterior concorreron 78 firmas ofertando 1.324 postos de emprego para os que se recibiron máis de 4.400 currículos. As novas tecnoloxías e a enfermería foron os ámbitos máis demandados da convocatoria de 2016.

O obxectivo da Área de Emprego da UVigo, co-organizadora, é que “durante catro días expositores de toda Europea teñan a oportunidade de entrar en contacto virtual con máis de 60.000 estudantes e 110.000 titulados e tituladas das tres universidades organizadoras”. A estes estudantes e titulados cómpre engadir os egresados doutras institucións educativas de toda Europa que se atopen na mesma situación de procura de emprego, prácticas ou oportunidades de investigación.

Na anterior edición desta feira participaron 114 expositores virtuais: 78 empresas con necesidades de contratación de persoal, 23 servizos ou puntos de información relacionados con emprego e mobilidade e 13 entidades relacionadas co ámbito da rede Eures. Dende a organización (a devandita Área de Emprego) explican que o sector con máis demanda foi o das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as TIC, que copou o 32% do total dos requirimentos. A continuación situouse enfermaría, coa cuarta parte das demandas. Segundo explican o impulsores desta feira virtual, no caso das TIC a demanda é moi alta tanto en España en Portugal coma no resto de países, mentres que no caso de enfermaría a demanda vén sobre todo do estranxeiro.

Por países, os máis representativos no que a oferta de postos de traballo se refire, foron Alemaña, Reino Unido, España e Portugal, seguidos de Malta, Suecia, Noruega, Dinamarca, Holanda, Bélxica e Eslovaquia. Ao igual ca o ano pasado, esta feira virtual completarase a finais de ano con dúas feiras presencias, unha en Porto, que se celebrará do 17 ao 18 de outubro, e outra en Vigo, do 24 ao 25 do mesmo mes. Na primeira edición da feira, celebrada o pasado mes de novembro, ao longo das catro xornadas nas que se prolongou este actividade, preto de 5.000 estudantes das universidades de Vigo, Porto e Tras- Os-Montes e Alto Douro visitaron os stands das máis de 120 empresas e institucións que participaron.

Blog Xente Dixital

Disculpa, pero esta entrada está disponible sólo en Gallego.

(Galego) 4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Vie 24 Sep

Disculpa, pero esta entrada está disponible sólo en Gallego.

LEER MÁS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán la luz próximamente

Mar 21 Sep

La aplicación de mensajería Whatsapp es una de las apps más utilizadas a la hora de comunicarnos: hablar con nuestros amigos y familiares, organizar tareas con nuestros compañeros de trabajo o establecer citas médicas es mucho más fácil a través de esta aplicación. Whatsapp es consciente del nivel...

LEER MÁS

Lun 28 Jun