Unha sociedade cada vez mais dixital debe afrontar o reto de que ninguén quede excluído, porque estar do lado positivo da denominada fenda dixital supón ter máis oportunidades de emprego, de coñecemento e de novas formas de relacionarse. As persoas maiores non poden quedar á marxe da transformación dixital, especialmente en Galicia, onde as persoas de máis de 65 anos superan a porcentaxe do 23% da poboación.
Facilitar o acceso ás vantaxes da tecnoloxía a todo o mundo, independentemente do lugar onde vivan ou do seu nivel formativo, é un dos obxectivos da estratexia dixital da Xunta de Galicia. Baixo o lema ‘Faite Dixit@l’, desde a Amtega, e en colaboración con máis de 700 aliados dixitais, entre institucións, empresas e organizacións do terceiro sector, ofrecemos un abano de servizos para que todo o mundo poida sacarlle o máximo rendemento á tecnoloxía no seu día a día.
A columna vertebral de ‘Faite Dixit@l’ é a Rede de aulas públicas CeMIT, que abriu as súas portas en 2011 e que hoxe conta con 98 aulas presentes en 92 concellos que cobren todas as comarcas galegas. Máis de 15.000 galegos maiores de 55 anos, principalmente de zonas rurais, participan nas súas actividades.
Só en 2016, realizáronse nas aulas da rede máis de 280 cursos e 4.200 horas de formación específicas para persoas maiores. Ao labor das aulas súmanse as actividades que se desenvolven a través do Programa de voluntariado dixital, no que o colectivo dos maiores ten un peso moi importante.
Aínda que os maiores galegos están por debaixo da media estatal no uso das TIC, o esforzo dos últimos anos acurtou a distancias entre Galicia e o conxunto do Estado. Mentres en 2012 só o 12% das persoas de entre 65 e 74 anos navegaban pola rede, en 2016 superaron o 27%.
Consolidar a inclusión dixital dos maiores é esencial no proceso de transformación dixital no que estamos inmersos e no que a aplicación da tecnoloxía ao coidado integral da persoa vai contribuír ao envellecemento activo.
Se a teleasistencia no fogar supuxo un avance de calado para que as persoas maiores permanezan na súa contorna, a evolución tecnolóxica xa nos sitúa no seguinte paso: a teleasistencia avanzada. Un novo modelo de servizo que deixa atrás o botón de alarma que ten que premer o usuario e ofrece unha monitoraxe continua no fogar que identifica situacións de risco de forma automática e as comunica telemáticamente aos coidadores.
Galicia é unha das nove rexións europeas que participará na pilotaxe deste novo sistema co que se busca favorecer a autonomía e a independencia das persoas maiores. Esta iniciativa, xunto con outras en marcha no eido sanitario, ten como obxectivo final configurar un fogar dixital no que poderemos recibir asistencia social e sanitaria a través dun único sistema tecnolóxico.
Aínda non sabemos se a tecnoloxía poderá engadir máis anos á nosa vida pero, sen dúbida, será un apoio esencial para que poidamos vivila dun xeito máis independente e autónomo.