main content

main content
19/04/201813:04
Cartel do evento.

O CPEIG brinda o seu apoio ao Día das Rapazas nas TIC (o 26 de abril)

Un ano máis, e xa van uns cantos, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai achegar o seu apoio á celebración das mulleres tecnolóxicas prevista para o 26 de abril, o Día Internacional das Rapazas nas TIC, un acontecemento sen fronteiras que se dirixe a acadar dous obxectivos ben claros: por unha banda tentar inverter a cada vez menor concorrencia das mozas nos estudos ligados ás novas tecnoloxías e, pola outra, mostrar ante o mundo o importante traballo despregado polas mulleres ao progreso científico-tecnolóxico e as súas grandes contribucións neste eido. O Día das Rapazas nas TIC terá coma sempre edición galega (o día 26) e é aí onde entra en xogo o traballo do CPEIG, que colaborará co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) nas actividades de difusión e concienciación que novamente impulsará o centro na súa sede de Santiago. 

Segundo lembra o colexio que preside Fernando Suárez, a devandita é “unha efeméride de ámbito internacional creada para motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren as TIC como un ámbito axeitado para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional”. Respecto do programa previsto, pola mañá (de 11:00 a 12:30 horas) celebrarase como vén sendo costume un coloquio virtual con varias mulleres emprendedoras galegas: emprendedoras, investigadoras e tecnólogas no eido das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), ás que as/os estudantes que participen dende os seus centros de secundaria/primaria conectados vía streaming coas salas do CESGA poderán facer calquera pregunta sobre os seus campos profesionais ou razóns persoais que as levaron a traballar no ámbito tecnolóxico-dixital. As convidadas deste ano son:

  • María José Durán. Enxeñeira en Informática e fundadora da tenda en liña Potingues Verdes.
  • Ana Cidre. Experta en desenvolvemento de tecnolóxica, organizadora de GDG Vigo e fundadora do grupo GalsTech. Ten un grao en Belas Artes e un máster en negocios e economía internacional. A día de hoxe é unha desenvolvedora de software especializada en Angular. 
  • Susana Rey. Enxeñeira en Telecomunicacións, máster en Seguridade da Información e responsable de Seguridade en R.
  • Cecilia Grela. Enxeñeira en Informática, máster en Consultoría en Software Libre e desenvolvedora de programas en múltiples proxectos de I+D+i (entre outros, o ICT-Go-Girls!), así como formadora en TIC. 

Pola tarde, de 17.00 a 19.00 horas, celebrarase unha xornada de portas abertas con actividades TIC divertidas para mozas e mozos de entre 10 a 14 anos: demostracións e obradoiros de impresión 3D, realidade virtual e aumentada, arte dixital, programación, robótica, e, por suposto, unha visita guiada ao corazón do CESGA, o supercomputador Finis Terrae 2. Para esta actividade cóntase co apoio das seguintes entidades: Xunta de Galicia (GAIN, Secretaría de Igualdade, Consellería de Educación e AMTEGA), o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Universidade de Santiago de Compostela (Facultade de Educación, Oficina de Igualdade de Xénero, Woman Emprende), a Universidade da Coruña (Facultade de Informática) e GalsTech, o Grupo de mulleres interesadas en tecnoloxía de Galicia. O evento a nivel internacional vén da man da International Telecommunications Union (ITU). 

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) é impulsor do proxecto europeo ICT-Go-Girls! (promoción do emprendemento das rapazas de Secundaria a través das TI) xunto co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). A iniciativa diríxese ás rapazas dos primeiros anos de Secundaria para proporcionarlles unha imaxe “máis atractiva do mundo do emprendemento tecnolóxico” e lograr así unha maior presenza feminina no eido das TIC. Amais das ditas entidades, tamén ten colaborado nas actividades o Concello de Santiago, sumándose deste xeito a esta fronte común contra a fenda dixital de xénero.

Contra os prexuízos e as ideas preconcibidas
A cita do 26 de abril é unha actividade de gran importancia para o desenvolvemento da nosa terra no ámbito informático. En concreto, diríxese a combater tendencias, prexuízos e estereotipos e incrementar a presenza feminina no ámbito profesional TIC galego, unha presenza sen a cal (sinxelamente) a sociedade dixital non dará avanzado nin progresado. A xornada tamén pon de relevo cifras inadmisibles, como por exemplo a que reflicte a porcentaxe profesional feminina no ámbito da creación de ferramentas e contidos dixitais, que é só do 9%.

06/04/201807:04
Cartel do evento.

O 26 de abril celebramos o Día Internacional das Rapazas nas TIC

Este 26 de abril temos unha nova cita coas mulleres e as novas tecnoloxías da información. Estamos a falar do Día Internacional das Rapazas nas TIC, unha celebración que, no que a nosa terra se refire, volverá ter (un ano máis) o epicentro de actividades na sede do Centro de Supercomputación de Galicia (o CESGA), con ramificacións (en liña) cos centros educativos. Trátase, para que non o saiba, dunha iniciativa orientada a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC como un ámbito axeitado e acaido para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.

Volvendo aos actos do CESGA, en Santiago, pola mañá (de 11:00 a 12:30 horas) celebrarase como vén sendo costume un coloquio virtual con varias mulleres emprendedoras galegas: emprendedoras, investigadoras e tecnólogas no eido das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), ás que as/os estudantes que participen dende os seus centros de secundaria/primaria conectados vía streaming coas salas do CESGA poderán facer calquera pregunta sobre os seus campos profesionais ou razóns persoais que as levaron a traballar no ámbito tecnolóxico-dixital. As convidadas deste ano son:

  • María José Durán. Enxeñeira en Informática e fundadora da tenda en liña Potingues Verdes.
  • Ana Cidre. Experta en desenvolvemento de tecnoloxía, organizadora de GDG Vigo e fundadora do grupo GalsTech. Ten un grao en Belas Artes e un máster en negocios e economía internacional. A día de hoxe é unha desenvolvedora de software especializada en Angular.
  • Susana Rey. Enxeñeira en Telecomunicacións, máster en Seguridade da Información e responsable de Seguridade en R.
  • Cecilia Grela. Enxeñeira en Informática, máster en Consultoría en Software Libre e desenvolvedora de programas en múltiples proxectos de I+D+i (entre outros, o ICT-Go-Girls!), así como formadora en TIC. 

O CESGA informa que as persoas interesadas en participar no evento da mañá dende o seu centro, deberán poñerse en contacto co centro cubrindo un formulario e recibindo logo unhas instrucións para a conexión no día. O evento durará aproximadamente 1 hora e media, até as 12:30. Pola tarde, de 17:00 a 19:00 horas, celebrarase unha xornada de portas abertas con actividades TIC divertidas para mozas e mozos de entre 10 a 14 anos: demostracións e obradoiros de impresión 3D, realidade virtual e aumentada, arte dixital, programación, robótica, e, por suposto, unha visita guiada ao corazón do CESGA, o supercomputador Finis Terrae 2. Para máis información, podemos consultar o Facebook de ICT Go Girls, o Twitter ou mesmo o Youtube

Para esta actividade cóntase co apoio das seguintes entidades: Xunta de Galicia (GAIN, Secretaría de Igualdade, Consellería de Educación e AMTEGA), o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Universidade de Santiago de Compostela (Facultade de Educación, Oficina de Igualdade de Xénero, Woman Emprende), a Universidade da Coruña (Facultade de Informática) e GalsTech, o Grupo de mulleres interesadas en tecnoloxía de Galicia. O evento a nivel internacional vén da man da entidade International Telecommunications Union (ITU). O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) é impulsor do proxecto europeo ICT-Go-Girls! (promoción do emprendemento das rapazas de Secundaria a través das TI) xunto co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). A iniciativa diríxese ás rapazas dos primeiros anos de Secundaria para proporcionarlles unha imaxe “máis atractiva do mundo do emprendemento tecnolóxico” e lograr así unha maior presenza feminina no eido das TIC. Amais das ditas entidades, tamén ten colaborado nas actividades o Concello de Santiago, sumándose deste xeito a esta fronte común contra a fenda dixital de xénero.

05/04/201808:04
Cartel del programa.

Convocada a II Bolsa de estudios aeroespaciais para mulleres enxeñeiras

O operador español de telecomunicacións por satélite Hispasat, ven de lanzar a segunda edición da Bolsa HISPASAT para que unha muller enxeñeira poda realizar estudios de posgrado nun máster habilitante de Enxeñaría Aeronáutica ou de Telecomunicacións relacionado co sector aeroespacial.

A Bolsa HISPASAT "Mujer Ingeniera", de carácter anual, pretende fomentar a presenza do talento feminino no ámbito tecnolóxico e contribuír así tanto ao desenvolvemento profesional das mulleres nestes estudos como ao aumento do número de mulleres no sector espacial.

O prazo para presentar solicitudes finaliza o vindeiro 18 de maio.

Bases da convocatoria

20/03/201814:03
Presentación do programa.

As mulleres galegas e a súa memoria contarán este ano con nova web

A Concellería de Patrimonio Histórico de Pontevedra vén de facer un repaso polos froitos acadados e por acadar do programa A Memoria das Mulleres, que entra no seu quinto ano e que conta co pulo, precisamente, do tipo departamento do Concello. Foi precisamente Luís Bará, o responsable da Concellería, quen deu a coñecer a pasada semana os obxectivos do programa para este ano. Fíxoo ademais na compaña de tres colaboradoras, Carmela Sánchez Arís, Montse Fajardo e María Abelleira. Bará lembrou os obxectivos básicos da iniciativa (investigación de fontes documentais e orais, divulgación off-line e dixital e visualización dos coñecementos acadados) e fixo saber que un dos grandes retos previstos para este ano é crear unha páxina web, que será presentada ao remate do ano.

O espazo en liña, sinalou, “será o grande escaparate do feito ao longo destes anos”. Ou sexa, que a web servirá entre outras cousas para mostrar a coñecemento público toda a información xerada polo programa A Memoria das Mulleres, en forma de biografía, artigos, fotos, vídeos… Outra das previsións é potenciar a presenza feminina nos espazos cidadáns mediante unha publicación do Roteiro en feminino de Pontevedra, a través da sinalítica urbana e co incremento de nomes de muller en prazas rúas e espazos públicos. Por outra banda elaboraranse homenaxes concretas, como unha lembranza a María Vitoria Moreno (homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas) na súa faceta como mestra, como escritora, tradutora e, tamén, “como muller comprometida social e politicamente”.

A encargada do desenvolvemento da web será a investigadora María Abelleira, que porá o foco en visualizar o traballo realizado ao abeiro do programa e facelo botando man de múltiples formatos e fontes de información. A idea é que a páxina estea rematada a finais de 2018.

19/03/201808:03
Portada do informe.

As mulleres galegas de 16 a 54 anos superan aos homes no uso de internet

  • Neses tramos de idade as mulleres navegan máis pola Rede, fan máis compras online e empregan a administración electrónica en maior medida que os homes
  • A fenda dixital de xénero faise patente a partir dos 55 anos e chega a superar os 9 puntos porcentuais entre os maiores de 65 anos
  • Galicia reduce a fenda de xénero no uso de internet (3 puntos) e sitúase por debaixo da media española (3,9 puntos) e europea (4 puntos)
  • A formación gratuíta en TIC a través da Rede CeMIT facilita o acceso á tecnoloxía a máis de 74.000 galegos dos cales o 58% con mulleres
  • A Amtega publica hoxe o estudo monográfico “A Sociedade da Información dende una perspectiva de xénero”, elaborado polo Osimga

 

As mulleres galegas entre os 16 e os 54 anos superan aos homes no uso de Internet e a partir dos 55 anos evidénciase a fenda dixital de xénero. Esta é unha das principais conclusións do estudo monográfico “A Sociedade da Información dende una perspectiva de xénero”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O informe constata que en Galicia, a fenda dixital de xénero no uso de Internet continúa a reducirse de forma lenta pero constante, experimentando unha diminución de 0,8 puntos no último ano. Pola contra, a nivel estatal increméntase 0,7 puntos porcentuais respecto ao ano anterior.

 

Posición no contexto europeo e estatal e evolución
O 75,5% dos homes e o 72,5% das mulleres galegas utilizaron Internet nos últimos tres meses. Mentres que en Galicia, o uso de Internet nos últimos tres meses é 3 puntos porcentuais maior entre os homes que entre as mulleres, no conxunto do Estado a diferenza é de 3,9 puntos.

Con respecto á media europea, a fenda dixital de xénero no uso de Internet en Galicia está 1 punto por debaixo da media da Unión Europea (4 puntos) e ao mesmo nivel de países como Alemaña ou Bélxica. Cabe salientar que a fenda de xénero en Galicia é inferior á que se rexistra en Croacia (8 puntos), Austria (7 puntos) e Italia (6 puntos). No extremo oposto, os países con menor fenda de xénero respecto á media europea como Dinamarca, Finlandia e Irlanda (-2 puntos, con vantaxe das mulleres) e Lituania (-1 punto).

 

Factores influentes na fenda de xénero 
A fenda de xénero no uso de Internet presenta unha tendencia marcada pola idade, sinalando unha ruptura dixital arredor dos 55 anos. Así, entre os máis novos as mulleres superan ou igualan aos homes no uso de Internet, mentres que a partir dos 55 anos as distancias aumentan sensiblemente en detrimento do uso feminino da Rede ata chegar aos 9,4 puntos porcentuais entre os maiores de 65 anos.

Atendendo ao nivel formativo, a fenda dixital de xénero afecta con máis intensidade ás persoas con menor nivel de estudos, para igualarse a partir da formación secundaria. Estudantes e ocupadas son os grupos laborais que rexistran unha menor fenda dixital de xénero, achegándose á universalidade entre as primeiras e cun alto grado uso entre as segundas. Pola contra, as mulleres dedicadas ás tarefas do fogar, con algunha discapacidade ou xubiladas son as máis afectadas polas diferenzas de sexo á hora do acceso á Rede.

Respecto á influencia do hábitat na fenda dixital segundo o sexo, a fenda de xénero é máis acusada nas vilas galegas de máis de 20.000 habitantes, onde supera os 4 puntos porcentuais. Pola contra, os concellos de menos de 5.000 habitantes amosan menor diferenza.

 

As mulleres empregan máis a administración electrónica
O estudo analiza tamén a interacción coas Administracións Públicas a través de Internet, observándose como as internautas galegas relaciónanse a través da Rede, en maior medida, coas Administracións Públicas que os homes.

O uso do comercio electrónico en termos globais é 2 puntos superior entre os homes que entre as mulleres galegas, aínda que sensiblemente inferior á fenda que se rexistra no conxunto do Estado (6,1 puntos porcentuais). Novamente as diferencias entre idades son notorias. Mentres que entre as mulleres de 25 a 34 anos o uso de comercio electrónico é dun 52,5%, superando en 4,4 puntos aos homes (48,1%), as diferenzas vanse acortando ou invertendo a medida que aumenta a idade.

 

Plan de Inclusión Dixital de Galicia
A mellora das infraestruturas de telecomunicación e as iniciativas para dinamizar o uso das TIC a través do Plan de Inclusión Dixital teñen contribuído en boa medida ao incremento no uso das TIC en Galicia. A rede de aulas públicas CeMIT conta con máis de 74.000 usuarios dos que o 58% son mulleres.

A formación pública en colaboración con outros axentes públicos e privados está a contribuír a achegar as TIC ao tramo de poboación galega con máis dificultades no acceso ás TIC: os maiores.
 

Ligazón ao estudo

14/03/201811:03
Amaya Falcón usando un portátil.

Case 5.000 mulleres formáronse no sector tecnolóxico cos cursos gratuítos de Emprego Dixital

  • "Máis iniciativas así, por favor!". Con motivo do Día Internacional da Muller, falamos con Beatriz, Amaya, Sara e Verónica para que nos conten como foi a súa incorporación a un sector onde a presenza feminina é moi baixa.

 

De profesora a programadora. De administrativa a desenvolvedora de aplicacións móbiles. De nutricionista a técnica de Java. Desde que se puxo en marcha o programa de Emprego Dixital (hai ano e medio), 4.840 mulleres formáronse nas profesións técnicas e dixitais que máis demandan as empresas. O seu obxectivo, reinventarse e acceder a un sector onde a fenda de xénero é aínda moi notable: en España, só o 18% dos traballadores son mulleres. Falamos con catro alumnas de Emprego Dixital para coñecer a súa experiencia. 

'Buscaba novos horizontes que me resultasen estimulantes e o desenvolvemento web era a miña materia pendente'. Beatriz Zarzo ten 29 anos e un longo currículo formativo. É diplomada en Maxisterio Musical, graduada en Música, licenciada en Psicopedagoxía e ten un Máster en Orientación Educativa. A súa inquietude por seguir aprendendo e esa espiña que tiña co dixital, levoulle a inscribirse no curso presencial de Desenvolvemento web con PHP.

'Aínda que o 90% dos meus compañeiros procedían de carreiras técnicas, eu, que viña dun perfil completamente distinto, fun capaz de liquidar os retos que se ían presentando e acabei a formación con moi boa nota'. Beatriz non só reforzou a súa capacidade de superación e resolución de problemas, con este curso descubriu a relación estreita que hai entre arte e programación: 'Para min programar foi como compoñer música'.

Tras acabar o curso, Beatriz mudouse a Madrid porque a empresa que lle impartiu o módulo de Metodoloxías Áxiles ofreceulle un posto de traballo. 'Estiven traballando sete meses con eles e fun capaz de montarlles a súa páxina web'. A súa experiencia lévaa a pedir: 'Máis iniciativas así, por favor!'

Sara Sanabria estaba desempregada cando se inscribiu ao curso de Desenvolvemento web con Java. Antes estudara Dietética e Educación Primaria. Traballou de nutricionista nun hospital e como profesora nun colexio de México. Co curso de Java buscaba novas aprendizaxes e oportunidades laborais: 'Achegoume tanto coñecementos técnicos como enfocados ao mundo da empresa e o negocio. Ofreceume ferramentas para a empregabilidade, o autocoñecemento e a mellora das miñas habilidades'.

Do curso tamén destaca 'a proxección de futuro que ten e as posibilidades de traballo que ofrece'. Despois de terminar a formación, Sara traballou en dúas empresas do sector dixital: 'Programei aplicacións e coñecín como se traballa no mundo do desenvolvemento e o testing'. Despois do vivido, anima a outras mozas para entrar no mundo tecnolóxico: 'Con ganas e ilusión podemos crear cousas moi bonitas e poñerlle un pouco máis de sensibilidade a un sector bastante basto en xeral'.

Verónica Mena era auxiliar administrativa e necesitaba reinventarse, así que se apuntou ao curso de Introdución á Programación. 'Resultoume moi útil porque adquirín os coñecementos necesarios para traballar no sector'. Cando acabou a formación contactou con ela unha empresa do mundo dixital para ofrecerlle un contrato. 'Durante o programa chamaba moito a atención dos reclutadores en LinkedIn o feito de que aprendese tanto en tan pouco tempo'.

Amaya Falcón viña do ámbito artístico e educativo e elixiu ampliar a súa formación co curso de Aplicacións Móbiles. 'Non só aprendín o relacionado con programación, tamén todo o que ten que ver co traballo en equipo e a preparación dun proxecto conxunto'. A formación deulle confianza para enfrontarse ao mundo laboral e atopou emprego no sector.

 

Márketing dixital, Programación e Big Data, o máis demandado

O obxectivo de Emprego Dixital é servir de ponte entre empresas tecnolóxicas e mozos/as, ofrecendo formación gratuíta nas profesións do futuro. Desde que se puxo en marcha, hai xa ano e medio, foron 4.840 mulleres as que fixeron algún dos nosos cursos.

Na modalidade online, o itinerario máis demandado foi Márketing Dixital (862 alumnas), seguido de Introdución á programación (528) e Metodoloxías Áxiles (455). Nos cursos presenciais, destaca Big Data (102 alumnas), seguido de Programación de Aplicacións móbiles (49) e Desenvolvemento Web con Java (44).

 

Inverter a tendencia

Só o 30% dos traballadores no sector tecnolóxico en Europa son mulleres. En España a cifra redúcese ao 18%. As mulleres abandonan o sector no ecuador da súa carreira profesional en maior medida que os homes e están infrarrepresentadas en postos directivos e de responsabilidade (mesmo máis que noutros sectores).

Segundo este estudo da Comisión Europea, se se invertese esta tendencia e as mulleres tivesen unha presenza no sector dixital similar aos homes, o PIB europeo podería rexistrar un incremento anual duns 9 000 millóns de euros.

Pero non só iso, tal e como destacan as creadoras da organización 'Girls in Tech', nunha entrevista de 'Muller emprendedora': 'É importante que a visión das mulleres se incorpore aos produtos tecnolóxicos, xa que así se desenvolverán mellores produtos e máis adaptados ás necesidades dos clientes finais (nos que si hai paridade entre homes e mulleres)'.

13/03/201810:03
Pantallazo da app.

A aplicación que pon ás "Mulleres sobre o mapa"

  • A Universidade Politécnica de Valencia desenvolve unha aplicación que permite xeolocalizar a destacadas mulleres da Historia
 

Tres novos graduados pola Escola Técnica Superior de Enxeñería Xeodésica, Cartográfica e Topográfica da Universitat Politècnica de València desenvolveron o proxecto 'As mulleres sobre o mapa'. Trátase dunha nova aplicación que xeolocaliza a destacadas mulleres da Historia, sobresalientes nas súas respectivas áreas de coñecemento. A aplicación recolle datos de mulleres, referentes en campos tan diversos como a informática e as telecomunicacións, ciencias biolóxicas, belas artes ou a política, entre outros moitos.

Os seus autores son Carmina Peiró, Branca Baixauli e Vicente Ortí. Segundo apuntan, xa existen moitas listaxes sobre mulleres que alcanzaron o éxito ou foron relevantes na súa área de traballo. Esta aplicación vai máis aló e permite xeoposicionalas. Desta maneira pódense extraer diferentes conclusións dunha simple ollada como, por exemplo, en que parte do mundo as mulleres destacaron máis nun campo de terminado.

Mediante ferramentas de xeoprocesos, os tres novos enxeñeiros extraeron as coordenadas das cidades onde destacaron ditas mulleres, información fundamental para xeolocalizalas e visualizalas nun mapa.

De cada muller xérase unha ficha que inclúe o seu nome e apelidos; data de nacemento - e no seu caso defunción; cidade e país de nacemento, residencia ou de relevancia e área de coñecemento e profesión. A ficha complétase cunha breve descrición dos seus logros e inclúe tamén unha película coa evolución temporal da localización das mulleres no mapa, unha especie de cronobiografías xeolocalizadas.

'Esta ferramenta pode servir de base para estudos de como ao longo do tempo a muller foi sumando protagonismo na sociedade. A variable posición xeográfica enriquece a análise de forma exponencial, evidenciando territorios cun maior desenvolvemento económico e tolerancia social ao longo da nosa historia', apunta Ana Anquela, directora da Escola Técnica Superior de Enxeñería Xeodésica, Cartográfica e Topográfica.

A plataforma é ademais aberta, de modo que calquera cidadán pode incluír novos datos de máis mulleres e xeoposicionalas no mapa.

'Con esta aplicación queremos homenaxear a todas as mulleres que, a pesar dos obstáculos que se atoparon no seu camiño, lograron grandes avances nas súas áreas de traballo. Mulleres con talento houbo sempre. Outra cousa é que fosen menosprezadas ou tapadas pola sombra do home. Nós o que facemos é poñelas no mapa', conclúen os creadores desta aplicación.

13/03/201807:03
Recollida do Premio Nacional Wisibilízalas.

O CEIP de Laredo, primeiro premio nacional Wisibilízalas

Finalmente, o Colexio de Infantil e Primaria de Laredo (Chapela, Redondela) foi recoñecido o pasado sábado 10 de marzo co primeiro Premio Nacional Wisibilízalas (categoría junior), convocado polo buscador Google e a Universitat Pompeu Fabra coa finalidade de dinamizar a ciencia e as tecnoloxías nos perfís femininos, poñendo o foco en figuras referentes nestes eidos. O proxecto do CEIP de Laredo foi realizado pola titora de sexto de EP (Educación Primaria) Paula Pérez, e (por suposto), na compaña das súas alumnas e alumnos. 

Segundo nos contan fontes do colexio, a iniciativa recoñecida por Wisibilízalas (o proxecto Donas do Código) consistiu en mostrar ante o mundo docente mulleres actuais dos ámbitos da ciencia e a tecnoloxía, referencias, destacadas e sobranceiras. Para impulsar a visualización do traballo destas investigadoras incluíronse charlas, encontros e outras actividades coas mulleres investigadas. Encontros como o realizado recentemente no centro con África González, unha das figuras máis salientables dos eidos da inmunoloxía e a nanotecnoloxía, ou Alba Alonso e Edita de Lorenzo, referentes nos ámbitos das tecnoloxías da información e na loita contra a fenda dixital de xénero. 

O resultado do traballo das crianzas do CEIP de Chapela pode verse na web donasdocodigo.ceipdelaredo.com ou ben, na súa versión para móbiles con Android, nun espazo específico de Google Play


Máis detalles sobre Donas do Código
En detalle, os obxectivos de Donas do Código son os seguintes: xerar reflexión no centro de Redondela sobre a menor visibilidade das mulleres en ciencia e tecnoloxía; mostrar mulleres que traballan no ámbito das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), salientando referentes locais, autonómicos, estatais; potenciar as referencias femininas no ámbito da ciencia e a tecnoloxía nun contexto escolar; e sensibilizar sobre a “interdisciplinariedade” do ámbito tecnolóxico: medicamento, pedagoxía, astrofísica... escollendo figuras senlleiras en diferentes ámbitos. Para acadar os ditos obxectivos o alumnado investigou durante o primeiro trimestre do curso 2017-2018 a nove mulleres senlleiras no ámbito do TIC en Galicia, creando unha páxina web específica (donasdocodigo.ceipdelaredo.com) na que describen carreira (biografía, resultados destacados, curiosidades...) de maneira libre (incluíndo texto, fotos, vídeos...) e achegando testemuños inéditos como entrevistas persoais.

12/03/201809:03
A Raíña dona Letizia durante a presentación do proxecto de Google.

Google dará formación a mulleres para acabar coa 'fenda dixital' no campo

  • O buscador lidera un proxecto para formar dixitalmente a 5.000 mulleres de contornas rurais de España.

 

A fenda dixital é unha realidade en España, tanto desde un punto de vista xeográfico como de xénero. Ante iso, Google.org xunto á Fundación Mulleres e a Fundación Cibervoluntarios, en colaboración co Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, puxeron en marcha unha iniciativa que pretende pechar ao máximo esta grande fenda que afecta a mulleres en contornas rurais no noso país.

Baixo o nome de Dixitalizadas presentouse o pasado venres en Santiago de Compostela este novo proxecto, nun acto que contou coa participación da Raíña Letizia, a Ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade Dolors Monsterrat, o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo e o director de Políticas e Asuntos Públicos de Google España e Portugal, Francisco Ruiz, entre outras personalidades. A dita iniciativa ten como máxima conseguir a formación dixital de 5.000 mulleres que actualmente viven en contornas rurais en máis da metade do territorio español.

Segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), a fenda dixital está relacionada principalmente coa "falta de coñecementos de informática e habilidades necesarias para participar na sociedade da información". Feito que se acentúa ante "a falta de infraestrutura" que afecta, especialmente, ás zonas rurais.

 

Obradoiros

Dixitalizadas defínese como un proxecto que quere contribuír a empoderar á muller no ámbito tecnolóxico e dixital, así como dotala de mellores ferramentas dixitais para o seu desenvolvemento profesional. Por este motivo, o programa dividiuse en tres partes: obradoiros para cubrir os coñecementos básicos do manexo e contorna de Internet; obradoiros de ferramentas dixitais para que as mulleres poidan empezar a xestión da súa propia empresa ou idea emprendedora; e obradoiros de habilidades dixitais para a procura activa de emprego.

Ante o grande avance da tecnoloxía no día a día, a alfabetización dixital converteuse nunha das medidas prioritarias para reducir a fenda dixital, que afecta especialmente á contorna rural. Un exemplo represéntao María José Álvarez, de Palomares del Río, pobo de 8.500 habitantes na provincia de Sevilla. Aos seus 39 anos de idade, María é artesá e fai bonecos de gancho. Tras quedar en paro hai uns anos, reconverteu a súa afección na súa forma de vida grazas á creación dunha plataforma que lle permite vender os seus produtos por Internet. María del Carmen Cao Sánchez, pola súa banda, é coidadora familiar, de 63 anos, e asegura que os obradoiros de informática que recibiu cambiáronlle a vida. Xa ten conta en Facebook.

Estes son só dous exemplos da repercusión que segundo Google vai ter o seu proxecto, que arrincará o próximo mes de abril.

09/03/201814:03
Entrega de premios Son Muller 2018.

As emprendedoras de Lugo mostran espírito innovador inquebrantable nos Premios Son Muller 2018

O espírito innovador e as novas tecnoloxías foron co-protagonistas dos Premios Son Muller 2018 que se desvelaron e entregaron onte en Lugo, un co-protagonismo que compartiron co que foi, sen dúbida, a gran estrela da xornada: o emprendemento feminino. Na gala co certame (organizado pola Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, AELU, coa colaboración da Deputación e o Concello de Lugo, e máis da Xunta, co obxectivo de visualizar o poder creativo-empresarial das mulleres da provincia), recoñeceuse a traxectoria e o alento innovador de Champivil, Muuhlloa, a plataforma tecnolóxica Sientegalicia.com, Gerosonajero, Coeduca e Tastelab.

Na cita participaron o deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López; e a presidenta de AELU, Beatriz Varela Regueira. O certame, como dixemos, veu da man da dita asociación provincial e contou coa colaboración da Deputación e Concello de Lugo, que achegaron 4.600 euros, converténdose nas principais patrocinadoras. 

Segundo lembraron, nesta primeira edición, que tivo como fin promover e potenciar a actividade da muller no entorno económico e social lucense, participaron 51 empresarias e emprendedoras cos seus proxectos. Os premios contaron con 3 categorías: Son Empresaria Rural, Son Empresaria e Son Emprendedora. 

No acto de entrega dos galardóns, tamén participaron o delegado da xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, a deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, e a concelleira de Benestar Social, Ana González Abelleira.
Santos Ramos felicitou a todas as participantes e gañadores desta iniciativa e salientou que “esta gala non sería posible sen a labor da Asociación de Empresarias da Provincia de Lugo, unha organización liderada por emprendedoras e que leva 30 anos empoderando á muller traballadora na nosa provincia”.

A alcaldesa de Lugo deu os parabéns ás mulleres que presentaron candidatura, ás finalistas, ás premiadas e á homenaxeada, “e en xeral a todas as mulleres empresarias e emprendedoras de Lugo por contribuír co voso traballo ao desenvolvemento socioeconómico da nosa cidade”. 

Amais dos premios das ditas categorías, nesta primeira edición tamén se distinguiu a Blanca García Montenegro, presidenta do Grupo El Progreso, co Premio á longa traxectoria. A AELU, Deputación e Concello de Lugo recoñeceron con este galardón especial “o frutífero traballo desta pioneira empresaria lucense de prestixio”. 


Premiadas
Os Premios Son Muller 2018 contaron cun xurado formado por representantes de AELU e personalidades de recoñecido prestixio, pertencentes a distintos ámbitos das administracións, empresas e sociedades lucenses. As premiadas desta primeira edición foron: 

  • Son Empresaria rural: 1º premio para Champivil, que recibiu 1.000 euros, máis un ano de cota de balde como asociada da asociación e un xogo de Matrioskiñas galegas. O 2º premio foi para Muuhlloa, que recibirá un ano de cota gratuíta como asociada da asociación e un xogo de Matrioskiñas galegas.
  • Son Empresaria: 1º premio para Siente Galicia, que recibiu 1.000 euros, máis un ano de cota de balde como asociada da asociación e un xogo de Matrioskiñas galegas. O 2º premio foi para Gerosonajero, que terá un ano de cota gratuíta como asociada da asociación e un xogo de Matrioskiñas galegas.
  • Son Emprendedora: 1º premio foi para Coeduca, que recibiu 1.000 euros, máis un ano de cota gratuíta como asociada da asociación e un xogo de Matrioskiñas galegas. O 2º premio foi para Tastelab, que recibirá un ano de cota de balde como asociada da asociación e un xogo de Matrioskiñas galegas.

Blog Xente Dixital

Disculpa, pero esta entrada está disponible sólo en Gallego.

(Galego) 4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Vie 24 Sep

Disculpa, pero esta entrada está disponible sólo en Gallego.

LEER MÁS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán la luz próximamente

Mar 21 Sep

La aplicación de mensajería Whatsapp es una de las apps más utilizadas a la hora de comunicarnos: hablar con nuestros amigos y familiares, organizar tareas con nuestros compañeros de trabajo o establecer citas médicas es mucho más fácil a través de esta aplicación. Whatsapp es consciente del nivel...

LEER MÁS

Lun 28 Jun