Os estudos TIC son creativos, abren unha chea de portas, permítenos contribuír a mellorar o mundo e, aínda por enriba, incrementan ao máximo as nosas posibilidades de atopar traballo. Por se isto fose pouco, as profesións relacionadas coas TIC adoitan ser profesións flexibles, que abren a marxe para traballar a distancia e sen limitacións. Con estes outros moitos argumentos as participantes na celebración galega (no CESGA, en Santiago) do Día Internacional das Rapazas nas TIC tentaron (e en certa medida conseguírono) botar abaixo todos e cada un dos argumentos que separan ás nosas mozas dos estudos tecnolóxicos.
Na cita, impulsada por sexto ano consecutivo polo CESGA (coa colaboración activa do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e con ramificacións cos nosos centros educativos), todas as participantes expresaron o seu desexo de que chegue un día en que non sexa necesario celebrar o Día Internacional das Rapazas nas TIC, por estar normalizada a súa presenza no plano dixital. “Non pode ser que nas aulas dos estudos tecnolóxicos só haxa unha moza por cada quince mozos”, lembrou a directora de GAIN, Patricia Argerey.
A celebración deste 26 de abril comezou ao fío das 11.00 horas nas dependencias do Centro de Supercomputación de Galicia e, unha vez máis, dirixiuse a alentar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC como un ámbito axeitado para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional. A xeira de mañá incluíu como de costume un coloquio virtual con varias mulleres emprendedoras galegas: emprendedoras, investigadoras e tecnólogas no eido das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), ás que as/os estudantes que fixeron acto de presenza no CESGA (estudantes de primaria e secundaria de Cerceda) ou que se conectaron co centro vía streaming, puideron facer todo tipo de preguntas sobre as súas respectivas experiencias profesionais.
Previamente ao coloquio houbo unha sesión de apertura na que participaron María José Malmierca, responsable de eLearning do CESGA, Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade, Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación, e Fernando Suárez, presidente do CPEIG. Segundo fixo saber Argerey, “queremos romper coa tendencia que baleira as aulas de estudos tecnolóxicos de mulleres; estamos aquí para lembrar que nós podemos crear tecnoloxías, dirixir equipos de traballo e levar produtos innovadores ao mercado”. A maiores, alén de poñer o foco no talento das mulleres, recordou que o mercado profesional está a reclamar mozas tecnólogas e que as empresas necesitan delas para acadar graos de competitividade e calidade que doutro xeito non serían posibles: “Van facer falta máis físicas, máis matemáticas e máis informáticas”. E engadiu: “Non é certo que a unha nena á que lle gustan as TIC sexa unha friki, nin, por suposto, hai nada de verdade no argumento de que as nenas teñan menos capacidades”.
López Abella, pola súa banda, lembrou a importancia do Día Internacional das Rapazas nas TIC. Segundo fixo saber, máis de 300.000 mozas participaron xa na celebración dende os seus inicios, procedentes de 166 países, o que dá unha idea da relevancia deste acontecemento e pon de manifesto que non se trata dun problema local, senón que abrangue todos os países. “O sector das novas tecnoloxías precisa novos talentos”, engadiu, “e aí temos que estar as rapazas”. López Abella tamén puxo o foco na importante contribución do CPEIG para visualizar as grandes contribucións das mulleres á sociedade dixital e ao seu desenvolvemento, e puxo como exemplo deste compromiso o Premio Ada Byron, que convoca anualmente o colexio para mostrar profesionais galegas referentes nas TIC e distinguir as súas achegas e o seu traballo normalizador.
Logo das presentacións foi a quenda do coloquio coas profesionais convidadas, comezando a rolda de relatorios Susana Rey, enxeñeira en Telecomunicacións, máster en Seguridade da Información e responsable de Seguridade en R. Susana falou das orixes mesmas da súa vocación tecnolóxica (dende nena amañaba cousas), dos seus estudos (de Telecomunicacións) e dos seus primeiros pasos profesionais, que non estaban ligados á protección dos datos e das tecnoloxías, senón a garantir que os usuarios de R tiveran os mellores servizos de rede posibles. Segundo fixo saber, o seu rumbo profesional virou logo dun ataque masivo que deixou a medio mundo sen conexión e que lle mostrou a importancia da seguridade informática para garantir non só a actividade das empresas senón do progreso tecnolóxico en si mesmo. Na súa opinión, o termo “hacker” non significa algo malo, senón que alude a unha persoa que atesoura tantos coñecementos tecnolóxicos que é quen de facer con eles cousas que os creadores de tecnoloxías non foron capaces de prever”. Isto pode ser orientado cara ao negativo, pero acada grandes cotas de relevancia cando é encamiñado cara ao ben. Este eido de acción, dixo, é sen dúbida unha gran oportunidade de traballo para as nosas mozas.
A seguinte en intervir foi Cecilia Grela, enxeñeira en Informática, máster en Consultoría en Software Libre e desenvolvedora de programas en múltiples proxectos de I+D+i (entre outros, o ICT-Go-Girls!), así como formadora en TIC. Cecilia falou dos porqués do seu rumbo profesional (tamén era unha nena que tentaba amañar todo canto aparello electrónico ou eléctrico caía nas súas mans, incluído o seu primeiro computador) e lembroulles ás mozas que participaron na actividade do CESGA que a informática “está en todos lados”, e máis que estará, mesmo nas pequenas cousas e nos obxectos máis teoricamente insignificantes da nosa vida cotiá, dende o noso sistema doméstico de calefacción até a nosa neveira, que coas novas tecnoloxías de acceso á Rede e de intelixencia nas máquinas pode chegar a ofrecernos as mellores suxestións gastronómicas do día tendo en conta o que acubilla no seu interior. Neste espallamento das TIC cara ao máis inmediato, sinalou, tamén hai un importante nicho profesional e unha palestra de talento para a nosas rapazas.
A continuación foi a quenda de María José Durán, enxeñeira en Informática e fundadora da tenda en liña Potingues Verdes. María José comezou o seu relatorio facendo un percorrido polos seus estudos e polas razóns que a levaron a pór en marcha un establecemento en liña de cosméticos ecolóxicos. “O bo dos estudos TIC”, sinalou, “é que che permiten facer calquera cousa que se ocorra”, mesmo darlle soporte tecnolóxico a unha empresa. Segundo fixo saber, as carreiras tecnolóxicas teñen unha manchea de saídas profesionais e mostran un número salientable de camiños a percorrer. “Xa que a informática está en todos os recantos”, explicou, “podemos traballar no ámbito que queiramos, facer todo o que se nos ocorra, mesmo sermos empresarias”.
A rolda de presentacións pechouna Ana Cidre, experta en desenvolvemento de tecnolóxica, organizadora de GDG Vigo e fundadora do grupo GalsTech. Ana falou dos seus estudos (grao en Belas Artes e máster en negocios e economía internacional) e da súa actividade presente (a día de hoxe é desenvolvedora de software especializada en Angular). Respecto dos porqués de terse orientado cara as TIC logo de ter estudado Belas Artes, sinalou que “non sempre tes que saber exactamente o que queres facer”, e que ás veces a resposta aparece logo, no medio do camiño. Porén, sinalou, “o importante é non ter límites e non negarnos a facer cousas novas, como, no meu caso, escribir códigos informáticos e manexar computadores”. Segundo deu a entender, non hai unha gran distancia entre a carreira de Belas Artes e as carreiras tecnolóxicas, todas elas teñen en común ser moi creativas e abrir unha chea de portas. Asemade, salientou que o traballo TIC sexa moi flexible, “e malia que ás veces hai que estar en persoa nas dependencias dunha empresa”, permítenos en determinadas ocasións e para determinadas tarefas estar desenvolvendo o noso labor a distancia.
Todas elas coincidiron en que non lles resultou complicado atopar traballo.
Logo do xantar
Pola tarde, de 17.00 a 19.00 horas, celebrarase unha xornada de portas abertas con actividades TIC divertidas para mozas e mozos de entre 10 a 14 anos: demostracións e obradoiros de impresión 3D, realidade virtual e aumentada, arte dixital, programación, robótica, e, por suposto, unha visita guiada ao corazón do CESGA, o supercomputador Finis Terrae 2.
Para esta actividade cóntase co apoio das seguintes entidades: Xunta de Galicia (GAIN, Secretaría de Igualdade, Consellería de Educación e AMTEGA), o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Universidade de Santiago de Compostela (Facultade de Educación, Oficina de Igualdade de Xénero, Woman Emprende), a Universidade da Coruña (Facultade de Informática) e GalsTech, o Grupo de mulleres interesadas en tecnoloxía de Galicia.
O evento a nivel internacional vén da man da International Telecommunications Union (ITU).
O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) é impulsor do proxecto europeo ICT-Go-Girls! (promoción do emprendemento das rapazas de Secundaria a través das TI) xunto co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).
A iniciativa diríxese ás rapazas dos primeiros anos de Secundaria para proporcionarlles unha imaxe “máis atractiva do mundo do emprendemento tecnolóxico” e lograr así unha maior presenza feminina no eido das TIC.
Amais das ditas entidades, tamén ten colaborado nas actividades o Concello de Santiago, sumándose deste xeito a esta fronte común contra a fenda dixital de xénero.
Contra os prexuízos e as ideas preconcibidas
A cita do 26 de abril é unha actividade de gran importancia para o desenvolvemento da nosa terra no ámbito informático. En concreto, diríxese a combater tendencias, prexuízos e estereotipos e incrementar a presenza feminina no ámbito profesional TIC galego, unha presenza sen a cal (sinxelamente) a sociedade dixital non dará avanzado nin progresado. A xornada tamén pon de relevo cifras inadmisibles, como por exemplo a que reflicte a porcentaxe profesional feminina no ámbito da creación de ferramentas e contidos dixitais, que é só do 9%.