Galicia Maker Faire, a feira anti-límites de desenvolvemento (trátase de recalcar a mensaxe de que todas e todos podemos facer tecnoloxía e innovación, mesmo partindo do coñecemento máis básico), xa está a piques de chamar ás nosas portas. Celébrase esta semana en Santiago, no Gaiás, os días 24, 25 e 26 de novembro, e, segundo lembraron hoxe as entidades organizadoras, constituirá “un escaparate para a creatividade e o enxeño pensado para todos os públicos e disciplinas”. O programa definitivo e os obxectivos consolidados de Galicia Maker Faire 2017 (terceira edición) foi dado a coñecer hoxe pola concelleira de Turismo en Santiago, Marta Lois, e pola organizadora do evento, Matilde Rodríguez. O evento fará honra ao seu nome: será Maker (ao amparo da filosofía do “faino coas túas mans”) e será Faire (un encontro multitudinario onde compartir recursos, enxeño e formación).
Este ano, sinalaron, introdúcense no programa “tres importantes novidades”. A primeira é que a cita, logo de que no 2015 se celebrase en Área Central e a segunda no Pazo de Congresos, terá lugar este ano na Cidade da Cultura. A segunda novidade é que a organización decidiu ampliar o programa do evento nun día máis, pasando de dous a tres (adicándose este novo día ao sector empresarial interesado nas múltiples posibilidades de desenvolvemento económico que ofrece a inventiva Maker). Tendo en conta isto, a estrutura das xeiras fica da seguinte maneira: a xornada do venres 24 será para empresas, mentres que os días 25 e 26 o evento estará aberto e contará con actividades para todos os públicos.
A terceira novidade é que o encontro, que nas edicións anteriores se celebrou no mes de outubro, pasa agora a celebrase no mes de novembro. Este cambio de datas, sinalou Marta Lois, vai “na liña de fomento da desestacionalización que se está desenvolvendo dende o Concello”, que traballa “co obxectivo de que a cidade acubille máis eventos de todo tipo nos meses de temporada baixa”.
A xornada do 24
Como dixemos, o evento contará por vez primeira cunha xornada dirixida especificamente ao sector profesional e na que participarán figuras senlleiras a nivel internacional no ámbito da innovación. Esta xeira profesional está programada para a mañá do 24 de novembro. O programa de actividades abranguerá charlas e debates sobre múltiples temas (Industria 4.0, tecnoloxía, innovación, produtividade intelixente e movemento Maker) con múltiples vantaxes para todo tipo de ámbitos empresariais; e abordados dende múltiples puntos de vista. Por exemplo o de Tomás Garces, enxeñeiro principal de Deseño en First Build, proxecto innovador levado a cabo por General Electric; ou os de Arian Group e Edesdev.
Ademais, haberá un espazo de exposición sobre Industria 4.0 no que os asistentes poderán coñecer de primeira man exemplos da Galicia máis innovadora, coa presencia de makersgalegos compartindo os seus achados e enxeños tecnolóxicos. O acto rematará cunha entrega de premios na que se resaltará ao proxecto máis innovador dos expostos durante ese día.
O obxectivo dos organizadores da Galicia Maker Faire con esta sesión profesional de apertura é “que a xornada funcione como punto de encontro entre os argalleiros e a industria máis avanzada, favorecendo a aparición de sinerxías que poidan levar a unha colaboración fluída entre estes dous mundos tan complementarios”. Desta maneira, “as compañías poderán coñecer os proxectos tecnolóxicos máis innovadores levados a cabo por emprendedores e estes terán unha gran oportunidade de acadar posibles socios e colaboradores”. Os contidos desta primeira xornada terán continuidade con diferentes charlas e actividades durante a celebración da feira propiamente dita, o 25 e 26 de novembro, na que contarán, entre outros, coa presenza de importantes figuras significativas a nivel mundial como a de Richard Stallman, creador do movemento do software libre.
Detalles sobre a xuntanza
O evento internacional Galicia Maker Faire vén da man de VermisLAB e O Gato Cósmico, do Concello de Santiago (Concellería de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo) e da Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Na presentación da feira, celebrada o pasado mes de maio, fíxose saber que durante as edicións de 2015 e 2016 acudiron máis de 24.000 asistentes e máis de 300 makers dando conta dos seus enxeños, converténdose “en punto de encontro dos mellores creadores da Comunidade e axudando a potenciar unha Galicia máis innovadora e cooperativa”, explicouse.