- A Xunta celebrou o sábado “Emotraxe” no Auditorio de Caranza para favorecer a exposición de ideas
O Auditorio de Ferrol converteuse o sábado nun espazo de encontro e intercambio de experiencias e emociones grazas ao Encontro Mostra Transfronteiriza da Xuventude Emprendedora (Emotraxe). Á cita, organizada pola Xunta, acudiron uns 500 mozos de Galicia e o norte de Portugal, entre os que se atopaban membros de asociacións xuvenís e entidades prestadoras de servizos á mocidade, participantes en actividades de voluntariado, membros de grupos informais, así como técnicos, informadores, educadores e mediadores xuvenís que mostraron publicamente as súas vivencias de participación, compromiso social e de emprendemento.
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou o sábado a iniciativa e asegurou que o que se pretendía con ela foi “ceder a palabra á xuventude e darlle a oportunidade de amosar todo a seu potencial”.
Desde as 9.30 ata as 18.00 horas, o Auditorio serviu para que os mozos tivesen un espazo para trasladar os seus proxectos en distintos ámbitos, co “fin de xerar ilusión e contaxiar do seu espírito emprendedor e comprometido”, afirman desde a Xunta. Así, facilitouse a 28 entidades uns estands para que mostrasen as súas ideas aos asistentes.
O encargado de conducir o acto central foi o actor galego Rubén Riós e nel, ademais das tres mesas redondas incluídas no programa –“Mocidade en movemento, ou valor de tomar a iniciativa” (que contou, entre outros con Silvia Folgueira Rico e Miguel Paz Pena, gañadores dos campionatos de FP Galicia e Spain skills 2017), “Competencias clave para superar ou reto da inserción laboral e o emprendemento” e “Implicados ao 100%: iniciativas con impacto social”–, levaron a cabo dúas charlas, “Onde está o límite?” e “Emocións a través da mirada”, a cargo do televisivo Josef Ajram, catalán de ascendencia siria, e María José Freire Blanco, respectivamente.
Esta actividade enmárcase no proxecto ‘Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo' (Lidera), aprobado ao amparo do programa Interreg V a España Portugal 2014-2020, cun orzamento de 1,4 millóns de euros e unha duración de catro anos.
Así mesmo, forma parte da actividade “Emprende” da Xunta, dirixida a todos aqueles que desexen iniciar unha nova liña de negocio e que conten cun grao de madurez suficiente co obxectivo de apoialas, afianzalas e acompañalas durante a súa posta en marcha.
Ademais do goberno autonómico, son socios do proxecto a Fundación Galicia Europa; Cámara Oficial de Comercio; Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela; Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia (Ascega); Instituto Português do Desporto e da Juventude; Federación Nacional de Asociacións Xuvenís Portuguesas (FNAJ); e a Comunidade Intermunicipal do Ave.
Importancia do voluntariado
A asociación sociocultural ASCM tamén quixo estar presente en Emotraxe para compartir cos asistentes a súa experiencia co mundo do voluntariado e poñer en valor “as competencias que se adquiren a nivel profesional á hora de realizar esta actividade”, comentou a xerente da entidade, Paula Gárate, ao termo do encontro.
Para a ASCM este tipo de axuda é fundamental á hora de sacar adiante os seus proxectos e, tanto é así, que cada ano outorgan o premio “Voluntario do Ano” a algún dos membros do seu equipo. Tanto o ano pasado como este, a gañadores – María López (18 anos) e Adrián García (27)– comezaron na asociación para partir do programa de Voluntariado Xuvenil que pon en marcha a Xunta, polo que Paula Gárate destaca a importancia deste tipo de iniciativas debido aos resultados que se obteñen posteriormente.
Así mesmo, ao tratarse dun encontro galaico-portugués, a cita do sábado serviu tamén para fomentar a colaboración entre ambos os países nesta materia e debuxar posibles liñas de actuación conxuntas.