As nosas universidades celebraron este 11 de febreiro o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia e fixérono cun máis que completo programa de actividades nunha manchea de facultades e centros de investigación. No caso da Universidade de Vigo, festexouno con obradoiros de robótica, de programación, de videoxogos e experimentos variados no Centro de Investigación Biomédica, na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla e nas escolas de Telecomunicación e Minas. Todo compartiu o mesmo nexo común: fai falta botar abaixo os atrancos, sexan os que sexan, que impiden ás mozas ter máis presenza nas carreiras STEM (Ciencias, Tecnoloxías, Enxeñaría e Matemáticas).
A Universidade de Vigo abriu este martes 11 de febreiro as portas dos seus laboratorios a máis de 250 alumnas de ensino secundario e bacharelato e celebrou con elas o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Baixo o título xenérico Elas fan CienTec 2020, xuntáronse coas científicas e coas enxeñeiras dos campus vigueses (Vigo, Pontevedra, Ourense) para compartir experiencias e coñecemento. E, tamén, para pór de manifesto o importante que é deixarse levar pola paixón pola investigación.
Houbo actividades nas tres escolas de enxeñaría do campus, no CINBIO e tamén na ECIMAT e, en cada un destes lugares, organizáronse para as mozas diferentes actos de benvida, nos que participaron as coordinadoras dos obradoiros e diferentes responsables universitarias como a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez; a directora da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía, Elena Alonso, ou a responsable da Área de Investigación, Ana Bernabeu. Na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación recibiunas a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, e a profesora Soledad Torres, coordinadora dos obradoiros neste centro. “Trátase de que vexan como se traballa nos nosos laboratorios, tanto nos científicos como nos tecnolóxicos, para animalas a que opten por orientar a súa formación a todo o ámbito das STEM, xa que no futuro caso o 90% dos traballos van a pertencer a estes ámbitos e, se as mulleres non estamos, a fenda económica e salarial vaise seguir incrementando cada vez máis”, explicou Gómez, poñendo o foco na necesidade de botar abaixo os estereotipos de xénero, “moi presentes tanto nos medios de comunicación como nas redes”.
Na cita na Escola tamén interveu Soledad Torres, enxeñeira de Telecomunicación, quen dixo que “o problema que temos agora mesmo é que as rapazas non lle gustan estas carreiras, non lles apetece involucrarse en profesións que teñen que ver con ciencia e tecnoloxía”. Na súa presentación ante un grupo de 35 alumnas do IES Castelao de Vigo, Torres subliñou a relevancia dunha situación que, de non solucionarse, seguirá a provocar que vivamos nunha sociedade cada vez menos igualitaria. Como dixemos ao comezo, o encontro celebrado na EE de Telecomunicación complementouse cun obradoiro de robótica con enxeños Lego. Esta actividade enriqueceuse cos obradoiros celebrados na Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía, nos que participaron 52 alumnas do IES Alexandre Bóveda de Vigo e na Escola de Enxeñería Industrial 48 do IES Pedro Floriani de Redondela. Entre os dous centros organizaron outros seis obradoiros cos que as alumnas tiveron a oportunidade de facerse unha idea do tipo de traballos que se levan a cabo nestes centros e que inclúen dende identificación de minerais e materiais, ata cuestións relacionadas con termografía infravermella, deseño e impresión 3D ou robótica colaborativa.
As actividades do ámbito científico concentráronse no Centro de Investigacións Biomédicas, CINBIO, e na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, pertencente ao Centro de Investigación Mariña (CIM). No primeiro celebráronse seis obradoiros nos que se abordaron cuestións como a preparación de nanopartículas de ouro, a comprobacións das propiedades ópticas, os cromosomas sexuais e a herdanza ligada ao sexo... Participaron medio cento de alumnas do IES Val do Tea de Ponteareas e, antes de arrancar cos obradoiros, asistiron a unha pequena charla inaugural a cargo da profesora Amelia Verdejo. No caso da ECIMAT, organizouse unha pequena conferencia de Alba Sousa, psicóloga especializada en sensibilización e formación en igualdade e violencia de xénero, e unha visita guiada á que asistiron 40 alumnos e alumnas de 1º de bacharelato de Bioloxía e Cultura Científica do IES Vilalonga.